0. Os "xulios" de Joule, os "amperios" de Ampere e outros exemplos dun caos de nomes.
Os termos presentes na linguaxe especializada deben manter a coherencia interna do idioma (non introducir irregularidades nel) e achegalo no posible ás outras linguas de cultura do noso contorno, sen caer na imitación automática do castelán. Un caso paradigmático en que estes dous obxectivos non se están cumprindo adecuadamente é o das denominacións das unidades físicas pertencentes ó Sistema Internacional (SI); nas liñas seguintes expoñeremos a situación presente e ofreceremos unha proposta alternativa de tratamento.
Unha das grandes carencias que de sempre se lle apuxeron ós diccionarios galegos foi a súa escasa atención ó léxico técnico e científico, que se manifestaba tanto na escaseza de entradas que recollían como nas imprecisións, e por veces puras aberracións, que se transmitían a través das definicións. Varios traballos do profesor Daviña Facal, como Problemas do léxico científico: Algunhas propostas de solución (ed. Xunta de Galicia) ou Lingua e ciencia (ed. Xerais) seleccionan moitos deses erros e propoñen solucións alternativas.
O primeiro problema que pode percibirse é a falta de sistematicidade na inclusión de unidades. É moi frecuente que en paradigmas pechados, como por exemplo é o das unidades fundamentais, non se inclúan todos os seus elementos, como se comproba na táboa seguinte, na que analizamos os dous traballos existentes que contan co aval da Real Academia Galega, e os dous diccionarios máis salientable publicados nestes tres últimos anos.
Unidades fundamentais recollidas
Vocabulario ortográfico da lingua galega |
Diccionario da Real Academia Galega |
Diccionario Cumio da lingua galega |
Gran diccionario |
amperio |
ampere |
ampere |
amperio |
kelvin |
kelvin |
kelvin |
|
quilogramo |
quilogramo |
quilogramo |
quilogramo |
metro |
metro |
metro |
metro |
mol |
mol |
mol |
mol |
segundo |
segundo |
segundo |
segundo. |
Nela vemos como a unidade básica de intensidade luminosa (a candela) non aparece recollida en ningunha das catro fontes, e ademais, como o Diccionario da Real Academia Galega non inclúe tampouco a unidade de temperatura termodinámica (o kelvin).
Pero ademais, aínda que as unidades estean recollidas nos diccionarios, o nome que se propón para elas varía entre uns e outros. Así, mentres nalgúns casos se ofrecen como formas adecuadas para o galego as denominacións internacionais (ampere, joule, volt, watt, ohm...), noutros propóñense formas adaptadas (amperio, xulio, voltio, vatio, ohmio...) seguindo unha liña que no noso contorno unicamente aplica o castelán. Algúns traballos incluso chegan a combinar as dúas liñas de tratamento, propondo denominacións internacionais para unhas unidades e denominacións adaptadas para outras. Na táboa seguinte podemos velo graficamente:
Outras unidades do SI recollidas
Vocabulario ortográfico da lingua galega |
Diccionario da Real Academia Galega |
Diccionario Cumio da lingua galega |
Gran diccionario |
belio |
belio |
belio |
|
coulomb; |
coulomb |
coulomb |
coulomb; culombio |
decibelio |
decibelio; decibel |
decibelio |
decibelio |
faradio |
faradio |
faradio |
|
fonio |
fonio |
fonio |
|
henrio |
henry; henrio |
henrio |
|
hercio |
hert |
hertz |
hercio |
oerstedio |
oerstedio |
oerstedio |
|
ohmio |
ohm |
ohm |
ohmio |
voltio |
volt |
volt |
voltio |
wat; vatio |
watt |
watt |
wat; vatio |
xulio |
joule |
xulio |
|
belio |
belio |
belio |
|
coulomb; |
coulomb |
coulomb |
coulomb; culombio |
decibelio |
decibelio; decibel |
decibelio |
decibelio |
Perante este alto grao de variación, e para axudar ós usuarios, cremos que en galego é preferible optar por empregar de xeito sistemático as denominacións internacionais (bel, coulomb, farad, fon, henry, hertz, oersted, ohm, volt, watt, joule...) e desbotar as formas adaptadas, para achegarnos ás linguas do noso contorno, especialmente o portugués, e afastarnos do castelán, que neste aspecto segue un camiño propio, e insolidario coas outras linguas europeas de cultura.