Ir o contido principal

132. Trialogando entre tres

Un idioma preciso

Os distintos protocolos de funcionamento da Unión Europea e das institucións que forman parte dela acaban incorporando no noso vocabulario político-administrativo toda unha serie de termos (gobernanzacodecisióndirectiva...). Hoxe queremos valorar se cabe incorporar a esa serie un máis: o triálogo.

 

Esta palabra designa un procedemento específico de negociación en que participan o Parlamento Europeo, o Consello da Unión Europea e a Comisión Europea buscando chegar a consensos en determinados procesos de codecisión e concertación que involucran a esas institucións. Trátase dun anglicismo (trialogue) que esa lingua importou do latín medieval (trialogus), e que a través do inglés está sendo reintroducido no resto das linguas europeas.

 

Este proceso de incorporación de latinismos con mediación do inglés é bastante habitual no galego moderno (pensemos en máster), pero este caso ten aspectos que o fan particular. En realidade incorpora desde a súa orixe latina un erro de análise que o invalida desde un punto de vista lingüístico: ese trialogus constrúese sobre o modelo de dialogus, pero interpretando a existencia dun prefixo dia- significaría 'dous', cando o seu sentido real é 'a través de'. É esa interpretación a que explica a utilización dun suposto prefixo tria- (na realidade inexistente) que significaría 'tres'.

 

Se temos en conta que o prefixo que significa 'tres' é tri- a forma que cabería recomendar é trílogo (que vén sendo tamén a máis habitual en portugués), que se constrúe ademais en paralelo a monólogo.

 

Pero existe tamén outra posibilidade que permite evitar a creación neolóxica: aproveitar expresións xa existentes construídas a partir de diálogo -non se esqueza que esta palabra designa calquera conversa con independencia do número de persoas ou entidades que participen nela- e que describen situacións de negociación moi semellantes entre outras entidades ou colectivos (por exemplo diálogo a tres bandas ou diálogo tripartito) e estender levemente o seu significado.

   

Resumindo: pensamos que debe evitarse o uso de *triálogo, e que no seu canto cabe optar por formas galegas como diálogo a tres bandas ou diálogo tripartito, ou en último caso, polo neoloxismo trílogo, máis respectuoso co significado dos seus compoñentes na lingua galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.