Ir o contido principal

136. O salto da lingua común á especializada: o caso de "nesgo"

Un idioma preciso

Un fenómeno moi frecuente en todas as linguas é o transvasamento de palabras entre o nivel especializado e o común. Así, fomas coma miope ou reciclar pasan do primeiro ao segundo para pasar a caracterizar persoas ('que é torpe e sen perspicacia') ou describir procesos de actualización de coñecementos; e outras como ratopeneirado ou nesgo viaxan en sentido inverso para nomear novos conceptos da informática, a xenética ou a estatística.

 

No caso desta última, nesgo rexístrase nos dicionarios de lingua facendo parte da locución ao nesgo ('de forma oblicua'). Esta referencia ao sentido oblícuo aparece en todas as formas desta familia léxica (nesganesgar), e emparenta estas denominacións coa forma do castelán sesgo, co francés biais, co portugués viés, ou co inglés bias.

 

Esta equivalencia no ámbito da lingua común é probablemente a que explica que nesgo viaxe ata o léxico da estatística, para designar a 'variación entre a medida dunha variable estatística e o valor real da magnitude que apreciar, o que resta representatividade á mostra respecto á poboación de orixe', de forma paralela a como o fan os seus equivalentes nas outras linguas. En parte delas, estas denominacións conviven con outras máis descritivas como systematic errorerro sistemático ou erreur systématique.

 

Todo o anterior permítenos chegar a varias conclusións:
  • Debemos evitar o emprego de sesgo e de toda a súa familia léxica como formas galegas, tanto na lingua común como na especializada.
  • Para o significado de 'dirección que toma un proxecto ou unha iniciativa' debemos empregar rumbo, se lle facemos caso á Real Academia Galega; para expresar a idea de 'sentido oblicuo' recorreremos á locución ao nesgo.
  • No terreo das matemáticas, parécenos razoable a escolla de nesgo como nome para o concepto estatístico que máis arriba describimos, xa que reproduce o esquema seguido nas linguas veciñas para construír as súas respectivas denominacións, e a pesar de que os dicionarios de lingua xeral só recollen formas derivadas, como nesgado.
  • Tampouco parece existir ningún problema para asumir como adecuado o emprego de erro sistemático como forma equivalente en galego, aínda que o seu uso real é moito máis restrinxido.

 

Se nesgo vai ser a forma principal de designar ese concepto, é dela de onde debemos partir para nomear outros derivados como:

 

  • non-nesgado ou innesgado (EN: unbiased. ES: insesgado. FR: non biaisé. PT: não-enviesado)
  • nesgamento (EN: biasnessbiasedness. ES: sesgadez. PT: enviesamento)
  • non-nesgamento ou innesgamento (EN: unbiasnessunbiasedness. ES: insesgadez. PT: não-enviesamento)
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.