Ir o contido principal

39. Ondiñas veñen, ondiñas veñen, ondiñas veñen e van…

Un idioma preciso

Aínda que polo título o puidera parecer, non imos falar de cántigas populares, nin da traxectoria deportiva do Celta, nin do influxo do viño na difusión da música tradicional galega.

Non, seguindo coa nosa liña, manterémonos no ámbito dos termos técnicos, e dedicaremos esta Precisión a presentar unha proposta de nomes galegos para a escala Douglas, creada polo vicealmirante Sir Henry Percy Douglas, que clasifica os diferentes estados do mar nos 10 graos seguintes, tomando como referencia o tamaño das ondas:[1]

Grao Descrición aproximada do estado do mar Altura das ondas (m)

0

A superficie do mar está lisa coma un espello.

Sen ondas

1

O mar comeza a rizarse por partes.

0 a 0,10

2

Fórmanse ondas curtas pero ben marcadas; comezan a romper as cristas formando unha escuma que non é branca senón de aspecto vidroso (ovellas).

0,10 a 0,5

3

Fórmanse ondas longas con cristas de escuma branca ben caracterizadas. O mar de vento é ben definido e distínguese facilmente do mar de fondo que puidera existir. Ao romper, as ondas producen un murmurio que se apaga axiña.

0,5 a 1,25

4

Fórmanse ondas máis longas, con cristas de escuma por todos os sitios. O mar rompe cun murmurio constante.

1,25 a 2,5

5

Comezan a formarse ondas altas; as zonas de escuma branca cobren gran superficie. O mar ao romper produce un ruído xordo como de arrolar cousas.

2,5 a 4

6

O mar alborótase. A escuma branca que se forma ao romper as cristas comeza a dispoñerse en bandas na dirección do vento.

4 a 6

7

Aumentan notablemente a altura e a lonxitude das ondas e das súas cristas. A escuma disponse en bandas estreitas na dirección do vento.

6 a 9

8

Vense ondas altas con longas cristas que caen como cadoiros; as grandes superficies cubertas de escuma dispóñense rapidamente en bandas brancas na dirección do vento; o mar colle todo el un aspecto abrancazado.

9 a 14

9

As ondas fanse tan altas que por veces as naves á vista desaparecen nos seus senos. O mar está cuberto de escuma branca disposta en bandas na dirección do vento e o ruído que se produce é forte e enxordecedor. O aire está tan cheo de salseiro, que a visibilidade dos obxectos afastados faise imposible.

Máis de 14

Cada unha das linguas do noso contorno, designou con formas propias estes graos, recorrendo na maioría dos casos a nomes tradicionais que describían os diferentes estados do mar, que pasaron así a converterse en termos técnicos.

 

inglés

portugués

castelán

francés

catalán

italiano

0

calm sea

mar estanhado

mar llana o calma

mer calme

mar plana

mare calmo

1

rippled sea

mar chão

mar rizada

mer ridée

mar arrissada

mare quasi calmo

2

smooth sea

mar
encrespado

marejadilla

mer belle

marejol

mare poco mosso

3

slight sea

pequena vaga

marejada

mer peu agitée

maror

mare mosso

4

moderate sea

mar cavado

fuerte marejada

mer agitée

forta maror

mare molto mosso

5

rough sea

mar grosso

mar gruesa

mer forte

maregassa

mare agitato

6

very rough sea

mar alteroso

mar muy gruesa

mer très forte

mar brava

mare molto agitato

7

high sea

mar tempestuoso

mar arbolada

mer grosse

mar desfeta

mare grosso

8

very high sea

mar
encapelado

mar montañosa

mer très grosse

mar
molt alta

mare molto grosso

9

phenomenal sea

mar desencontrado

mar enorme

mer
enorme

mar enorme

mare tempestoso

Se buscabamos a nomenclatura que se debía usar en galego podiamos bater, xa non con propostas diferentes, senón aínda opostas no que tiña que ver coas fontes das que extraían os termos. Así, mentres que o Manual marítimo-pesqueiro de Galicia se limitaba a adaptar e traducir a terminoloxía do castelán, o Vocabulario das ciencias naturais intentaba reaproveitar formas preexistentes en galego, pero admitindo un número tal de variantes que dificultaba a súa utilización en contextos técnicos, como por exemplo as predicións meteorolóxicas. Vemos a continuación ambas as dúas listaxes:

 

Manual marítimo-pesqueiro

Voc. das ciencias naturais

0

mar calmo

mar calmo; mar en calma; mar bo

1

mar rizado

mar chan; mar liso; mar raso; mar manso

2

mareiriña

mar teso; mar rizo; mar de vento; mar rixo

3

mareira

mar picado; maraxiña

4

forte mareira

mar roleiro

5

mar groso

mar gordo; mar de vaga; marusía

6

mar moi groso

mar duro; mareira

7

mar arborado

mar bravo; mar arborado

8

mar montañoso

mar moi bravo; mar montañoso

9

mar enorme

mar desfeito; mar confuso; mar enorme

Este panorama cambiou hai ben poucas datas, pois a Comisión de Validación Terminolóxica de TERMIGAL (Servizo de Terminoloxía Galega)[2] acaba de elaborar unha proposta de nomenclatura galega para os diferentes graos da escala Douglas, que parte tamén da terminoloxía viva empregada nos medios mariñeiros. E dicimos que cambiou porque esta proposta, que presentamos a seguir, chega avalada pola autoridade lingüística que supón a presenza da Real Academia Galega en TERMIGAL, aval co que non contaba ningunha das dúas antes presentadas.

Grao

Termo proposto por TERMIGAL

0

mar chan; mar calmo

1

mar rizado

2

mar ovellado

3

marusía

4

forte marusía

5

media vaga

6

vaga

7

vagallón

8

vagallón campal

9

mar enorme

Xa que logo, a nosa recomendación non pode ser outra máis cá de usar esta última proposta de nomenclatura e evitar tanto o calco das formas castelás como o emprego doutras denominacións galegas que poden provocar confusións á hora de identificar o grao da escala ao que se está aludindo.

----------------------------------

[1]De forma indirecta, o estado do mar tamén se pode determinar a través da escala Beaufort, creada en 1806 polo almirante irlandés sir Francis Beaufort, e que clasifica a velocidade dos ventos en 12 graos que van desde a “calma” (0) ata o “furacán” (12). A escala indica tamén o tamaño das ondas que cada un destes niveis de vento pode provocar.

[2] Este organismo está constituído por un convenio entre a Real Academia Galega e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Podedes ver unha descrición das súas principais funcións aquí.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.