Ir o contido principal

75. Nomes galegos para os INCOTERMS

Un idioma preciso

Os INCOTERMS (International Commercial Terms) son un conxunto de conceptos estandarizados pola Cámara de Comercio Internacional, co fin de regular e obxectivizar as condicións dos contratos internacionais asinados entre exportadores e importadores de mercadorías nos aspectos referentes á transferencia destas, os gastos derivados das transaccións e as responsabilidades sobre danos e perdas.

Publicáronse pola primeira vez en 1936, e a versión actualmente en vigor é a Incoterms 2000. Nela descríbense 13 conceptos, que se acompañan das respectivas denominacións inglesas e das súas formas abreviadas; pero ademais deste texto –que é o orixinal e oficial– pódese acceder tamén a traducións autorizadas a outras 31 linguas.

Como entre elas non está o galego,[1] dedicamos esta precisión a facer unha proposta de denominación galega para eses 13 conceptos, tomando como referencia a versión orixinal inglesa e as formas portuguesas e castelás, e tendo tamén en conta a documentación existente en galego.

EXW ou na fábrica [EN: ex works; PT: na fábrica; ES: en fábrica].
Concepto que indica que o exportador deberá entregar a mercadoría na súa fábrica, polo que a partir dese momento, todos os gastos (transporte, seguro, aduanas…) e mais os riscos de deterioración ou perda da mercadoría irán por conta do importador.

FCA ou franco transportador [EN: free carrier; PT: franco transportador; ES: franco transportista].
Concepto que indica que o exportador debe entregarlle a mercadoría ao transportador contratado no lugar acordado, despois de realizar todos os trámites de aduanas que permitan a súa saída do país, momento ata o cal todos os gastos e riscos van por conta do exportador.

FAS ou franco ao longo do barco ou franco ao costado do barco [EN: free alongside ship; PT: franco ao longo do navio; ES: franco al costado del buque].
Regra que indica que a responsabilidade do vendedor finaliza cando a mercadoría é colocada –libre para a súa expedición no peirao de embarque acordado– ao costado do barco, o que implica que o comprador debe asumir todos os custos e riscos da perda ou do dano das mercadorías desde ese momento.

FOB ou franco a bordo [EN: free on board; PT: franco a bordo; ES: franco a bordo].
Concepto que indica que a responsabilidade do vendedor acaba cando as mercadorías sobrepasan o bordo do buque no porto de embarque acordado; xa que logo, é o comprador quen debe asumir os custos e os riscos da perda e o dano das mercadorías desde ese punto.

CFR ou custo e frete [EN: cost and freight; PT: custo e frete; ES: costo y flete].
Concepto exclusivo do transporte marítimo que obriga ao exportador a entregar a mercadoría no porto de destino acordado, a embarcala e a pagar os custos da travesía, excepto o seguro de transporte, que vai por conta do importador.

CIF ou custo, seguro e frete [EN: cost, insurance and freight; PT: custo, seguro e frete; ES: costo, seguro y flete].
Concepto exclusivo do transporte marítimo que obriga ao exportador a entregar a mercadoría no porto de destino acordado, a embarcala e a pagar os custos da travesía, incluído o seguro de transporte.

CPT ou transporte pago ata a[EN: carriage paid to; PT: transporte pago até a; ES: transporte pagado hasta].
Regra semellante á de "custo e frete", pero que se pode empregar con calquera medio de transporte.

CIP ou transporte e seguro pagos ata a[EN: carriage and insurance paid to; PT: transporte pago, incluindo seguro, até a; ES: transporte y seguro pagado hasta].
Concepto semellante ao de "custo, seguro e frete", pero que se pode empregar con calquera medio de transporte.

DAF ou entregado na fronteira [EN: delivered at frontier; PT: entrega na fronteira; ES: entregado en frontera].
Concepto polo que o exportador debe entregar a mercadoría no punto da fronteira acordado, indo ata ese momento todos os gastos pola súa conta.

DES ou entregado no barco [EN: delivered ex ship; PT: entrega no navio; ES: entregado sobre buque].
Concepto polo que o exportador debe entregar a mercadoría no barco, logo de que este chegara ao porto de destino, pero antes de desembarcala, polo que os gastos e riscos desta operación corren por conta do importador.

DEQ ou entregado no peirao[EN: delivered ex quay; PT: entrega no cais; ES: entregado en muelle].
Concepto que determina que van por conta do exportador todos os gastos e riscos ata situar a mercadoría no porto de destino e cumprir con todos os trámites de aduanas do país importador.

DDU ou entregado con dereitos sen pagar[EN: delivered duty unpaid; PT: entrega direitos não pagos; ES: entregado, derechos no pagados].
Concepto que determina que o exportador debe entregar a mercadoría no punto acordado (fábrica ou almacén do importador) indo por conta do primeiro todos os gastos e riscos, coa excepción dos trámites da aduana do país de destino.

DDPou entregado con dereitos pagos [EN: delivered duty paid; PT: entrega direitos pagos; ES: entregado, derechos pagados].
Concepto que determina que o exportador debe entregar a mercadoría no punto acordado (fábrica ou almacén do importador) indo por conta do primeiro todos os gastos e riscos, incluídos os trámites da aduana do país de destino.

----------------------------------

[1] En realidade, só existen dúas traducións autorizadas para linguas sen estado: unha para o esperanto e outra para o catalán.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.