91. Outra vez ás voltas coas doenzas: a candidíase
Un dos aspectos nos que as normas ortográficas do galego son máis sistemáticas e presentan unha maior congruencia interna é na adaptación de formantes cultos de orixe grega ou latina.
Polo xeral, séguese o principio de respectar a posición do acento na lingua emprestadora, e tamén se ten en conta a escolla realizada polo portugués. Isto é o que explica que, por exemplo, formas como aerólito, electrólito, megálito, nefrólito… sexan esdrúxulas en galego.
Polas mesmas razóns, é case sistemático o emprego do sufixo -íase (e non -iase) na denominación de enfermidades provocadas por parasitos ou bacterias (acaríase, amebíase, bartonelíase, distomíase, enterobíase, fasciolíase, porocefalíase…)[1], respectando á vez a acentuación orixinal do sufixo e a harmonización co portugués.[2]
Por iso mesmo, non parece lóxico que *candidiase sexa a forma recomendada en galego para designar a ‘infección producida por fungos do xénero Candida –fundamentalmente Candida albicans– que afecta especialmente algunhas zonas mucosas do organismo’, por moito que esta figure recollida nun dicionario avalado pola revisión da Real Academia Galega. O esperable sería que se aconsellase o emprego de candidíase, en consonancia coas formas arriba indicadas, co portugués candidíase e co inglés candidiasis.[3]
Outra alternativa válida pode ser candidose, seguindo as recomendacións da Asociación Mundial para o Progreso da Parasitoloxía Veterinaria e do Consello da Federación Mundial de Parasitólogos, que aconsellan o emprego de -osis (en galego -ose) para a denominación das doenzas parasitarias. Deste xeito evitaríase a vacilación entre -asis, -iasis e –osis (-ase, -íase e –ose entre nós), provocada pola non-aplicación da recomendación de reservar –íase para as doenzas con nome de orixe grega e –ose para as de orixe latina.
Xa que logo, o noso consellodesta quincena é evitar o emprego de *candidiase (e en xeral, do sufixo -iase con acentuación sobre o -a- na denominación de doenzas parasitarias). No seu canto, as formas máis acaídas referirse a esta enfermidade serían candidose ou candidíase. |
----------------------------------
[1] É tamén moi frecuente que denominacións rematadas en -ose (bartonelose, fasciolose, porocefalose…) se empreguen como sinónimos das anteriores.
[2] Mentres que o castelán tende a pronunciar estas formas como graves (acariasis, amebiasis, enterobiasis…e e e e e e e e e e ) o inglés tamén marca a tonicidade na vogal inicial do sufixo (acariasis, amebiasis, enterobiasis…) .
[3] En castelán emprégase candidiasis.