Exerce a dirección, o goberno e a xestión da Universidade, desenvolve as liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados (Consello Social, Consello de Goberno, Claustro Universitario) e executa os seus acordos. Para o desenvolvemento destas funcións é asistido polo Consello de Dirección, onde están presentes os vicerreitores e vicerreitoras, a secretaria xeral e o xerente.
Naceu en San Xulián de Cabarcos (Barreiros, Lugo) en 1964. Iniciou os estudos primarios na escola da súa vila natal, desde onde se trasladou ao Seminario de Mondoñedo. Realizou os estudos de bacharelato tamén en Mondoñedo, no Instituto San Rosendo.
En 1981 ingresou na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, onde obtivo a súa licenciatura, con premio extraordinario, en 1986. En 1991 acadou o grao de doutor na USC, da cal é catedrático de Dereito Financeiro e Tributario.
Desde a súa licenciatura ata a actualidade, vén desenvolvendo unha intensa carreira docente e investigadora con numerosas publicacións e estadías docentes e investigadoras nas universidades de São Paulo, Montevideo e Boloña.
É membro de diversas asociacións relacionadas coa súa especialidade, entre as que destacan a Asociación Española de Profesores de Derecho Financiero, a Asociación Española de Asesores Fiscales e a European Association of Tax Law Professors.
Desempeñou os cargos de director do Departamento de Dereito Público Especial, secretario da Comisión de Doutoramento, vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela e vicerreitor de Xestión de Infraestruturas (1998-2002) e de decano da Facultade de Dereito (2005-2007).
En xullo de 2007 o Parlamento de Galicia elixiuno membro do Consello de Contas, cargo que ocupou ata decembro de 2013. Entre 2007 e 2010 foi conselleiro maior deste organismo.
Gústanlle a lectura e o deporte, goza de longas andainas cos amigos polo Camiño de Santiago e ten unha gran paixón polo baloncesto, e particularmente polo Obradoiro, do cal é socio e abonado. Goza tamén coa bricolaxe e coa xardinaría, pero sobre todo cos veráns na Mariña.