O campus compostelán acolle uns 17 000 estudantes, e nel teñen a súa sede 20 facultades e escolas, unha delas adscrita. A oferta académica do Campus de Santiago está composta por 44 grados, 51 másteres e 51 programas de doutoramento. O campus compostelán foise artellando historicamente ao redor de tres polos: o casco histórico da cidade, o Campus Vida e o Campus Norte.
Facultades e escolas
Campus de Santiago de Compostela
Desde a súa fundación até finais do século XVIII, a vida da universidade xiraba ao redor dos pazos de Fonseca, San Xerome e os edificios do Colexio de Gramáticos (actual Facultade de Filosofía) e a que foi a súa sede central na actual Facultade de Xeografía e Historia, todas dentro do antigo espazo amurallado de Compostela, e mais o pazo de San Clemente, no tránsito da Porta Faxeira ao paseo da Ferradura. Despois de ser sede de diversos estudos, o pazo de San Xerome pasou a ser o Reitorado da USC, e o Colexio de Fonseca acolle a Biblioteca Universitaria e salas de exposicións. A Xerencia e outros servizos de xestión ocupan a Casa da Balconada. No casco histórico teñen cabida, ademais, o Consello Social da Universidade, na Casa da Concha, e o Arquivo Histórico Universitario.
A construción da Facultade de Medicina, rematada en 1928, sinala o inicio da expansión cara ao norte do casco histórico, e pouco despois, en 1930, o arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez remata o proxecto da Residencia de Estudantes na cerna do que hoxe en día é o Campus Vida, no suroeste da cidade. A construción da Facultade de Económicas en 1970, o uso do Burgo das Nacións como residencia universitaria e as instalacións da que foi a Escola Universitaria de Maxisterio –actualmente Facultade de Educación–, en 1975, conforman inicialmente o Campus Norte, que se completa coa construción da nova Residencia Universitaria Burgo das Nacións e as Facultades de Filoloxía, en 1992, e de Ciencias da Comunicación, en 1999.
A construción dos edificios das facultades de ciencias, para albergar estudos de Física, Química e Farmacia, e a de Dereito en terreos veciños á Residencia Universitaria do Campus Sur nos anos 70, sinalan o inicio da construción do Campus Vida, historicamente denominado Campus Sur. Trátase do principal espazo de instalacións da USC ao acoller a maioría dos seus centros docentes e institutos de investigación, tres colexios maiores e a residencia universitaria Monte da Condesa, así como instalacións deportivas e a sede de numerosos servizos administrativos e de apoio á docencia e á investigación.