Ir o contido principal

Plan Formativo Campus Terra 2025

Re_imaxinando a alimentación dende o prato_do_territorio

24.04.2025 | 16.00h-20.00h

Aula 2 da Facultade de Ciencias

Organizador: Facultade de Ciencias

Como a innovación en alimentación pode ser unha vía para revitalizar a economía e o territorio e impulsar novos proxectos comprometidos coa sustentabilidade e o consumo responsable.

Imaxe do seminario
Imaxe do seminario

Este seminario coordinado por Luzia Oca, docente de Fundamentos Antropolóxicos da Alimentación, e impartido por Lucas Requeijo, fundador e director da Axencia de Innovación Alimentaria da Mariña Prato DO, ten como obxectivo, a través dunha metodoloxía participativa, axudar a que o alumnado comprenda a necesidade de imaxinar escenarios posibles para alimentarnos nun futuro, reflexione sobre as fontes inspiracionais do pasado e adapte ideas e habilidades para resolver problemáticas reais que afectan ás comunidades dos territorios, especialmente os produtores de alimentos. 

A partir do caso da Mariña, un territorio con fortes raíces no sector primario e un gran potencial gastronómico, traballarase a innovación en alimentación como vía para revitalizar a economía e impulsar novos proxectos comprometidos coa sustentabilidade e o consumo responsable. A Mariña, ao igual que outros territorios, necesita novas ideas que respondan ás necesidades da poboación e que contribúan á súa sostibilidade a longo prazo. 

O seminario que se estrutura en seis bloques, abordará temas como a Alimentación como ferramenta de transformación, Cartografía alimentaria, Exploración de ideas innovadoras e transferencia de coñecemento e a Dinámica e apertura ao cambio e acción, ferramentas necesarias para transformar esas ideas en accións concretas, facendo que a mocidade se convirta na protagonista do cambio, tanto a nivel persoal como colectivo, e garantindo así un futuro máis próspero e resiliente.

Os interesados en participar neste seminario poden facer a súa inscrición na seguinte ligazón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2025.