Ir o contido principal

Ana Isabel Roca Fernández: «A sustentabilidade do sector gandeiro pasa pola ciencia, pola dixitalización e polo compromiso co medio»

Ana Isabel Roca traballa no Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias
Ana Isabel Roca traballa no Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias
A profesora e investigadora do Campus Terra combina a docencia cunha intensa actividade investigadora orientada a mellorar a eficiencia alimentaria do gando vacún de leite

A profesora e investigadora Ana Isabel Roca é unha das voces máis destacadas no eido da produción animal sostible e a redución da pegada ambiental da gandería galega. Desde a Facultade de Veterinaria do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), combina a docencia cunha intensa actividade investigadora orientada a mellorar a eficiencia alimentaria do gando vacún de leite, na procura de estratexias coas cales reducir as emisións de metano entérico e acrecentar a sustentabilidade dos sistemas agrogandeiros, sempre coa mirada posta nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e na loita contra o cambio climático.

A súa traxectoria profesional está marcada por un forte carácter internacional. Formouse e traballou en institucións de referencia en países como Irlanda, Reino Unido, Francia, Holanda, Nova Zelandia e Estados Unidos, o que lle permitiu integrar novas metodoloxías e enfoques innovadores na súa investigación. Estes anos no estranxeiro foron, segundo recoñece, decisivos tanto no plano científico como no persoal, e inspirárona para impulsar novas liñas de traballo sobre alimentación animal, mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro e uso de recursos alternativos como as algas mariñas.

Na entrevista, Ana Isabel Roca fala da vixencia dos sistemas sostibles de produción de leite, das estratexias máis prometedoras para reducir as emisións na gandería e do papel esencial que deben xogar as universidades e os centros de investigación na transición cara a un modelo agropecuario máis resiliente. Ademais, reflexiona sobre a importancia de motivar ao alumnado, divulgar a ciencia e apostar pola dixitalización das granxas como camiño cara ao futuro do sector.

-A súa traxectoria investigadora ten un perfil moi internacional, con estancias en países como Irlanda, Reino Unido, Francia, Holanda, Nova Zelandia e Estados Unidos. Que lle achegaron estas experiencias a nivel científico e persoal?

-A nivel científico, as diferentes estadías que realicei no estranxeiro permitíronme a oportunidade de traballar nun entorno internacional en institucións de recoñecido prestixio noutros países na área da produción animal como Teagasc Animal & Grassland Research & Innovation Centre en Irlanda, Agri-Food & Biosciences Institute en Reino Unido, Centre Inrae Bretagne-Normandie en Francia, Wageningen University & Research en Holanda, Dairynz en Nova Zelandia e United States Department of Agriculture – Agriculture Research Service en Estados Unidos en proxectos de investigación europeos e internacionais de diversa índole nos que tiven a posibilidade de integrarme e colaborar activamente.

Eran equipos multidisciplinares con investigadores focalizados en diferentes temáticas, abordando aspectos dispares relativos á alimentación animal e á xestión do gando vacún de leite en distintos sistemas de manexo, comparando o comportamento dos animais en intensivo vs. extensivo, e o emprego de estratexias alimentarias coas que reducir a pegada ambiental das ganderías coa finalidade de incrementar a sustentabilidade e resiliencia delas, entre outras liñas de investigación nas que estaban a traballar e nas cales puiden aprender diferentes técnicas e metodoloxías coas que contribuir a miña labor científica.

A nivel persoal, as estadías que realicei no estranxeiro, tanto durante a miña formación predoutoral como posdoutoral, coido que marcaron a miña personalidade actual como investigadora e docente na USC.

Considero que foi un verdadeiro pracer haber tido a oportunidade de interactuar con investigadores/profesores de diferentes países e compartir con eles experiencias vitais máis aló do ámbito académico e profesional de traballo.

Gardo moi bo recordo dos sitios nos que estiven de estadía e da xente coa que compartín vivenzas. É máis, algunhas das persoas coas que estiven no estranxeiro seguen estando, aínda hoxe en día, moi vinculadas a miña vida persoal e profesional. Sendo, na actualidade, colaboradores no meu traballo e cos que gardo unha gran amizade a parte de poder debater con eles temas científicos.

Recomendaríalle a todo o estudantado que nalgunha vez da súa vida ou ben, en varias se fose posible (como foi o meu caso) lle xurdise a ocasión de poder estudar e/ou traballar no estranxeiro poida experimentar en primeira persoa a experiencia de vivir noutro país e enriquecerse da súa lingua, cultura e tradicións culinarias. Ademais de ser unha experiencia vital única para o seu desenvolvemento persoal e profesional que lles permita voar sós, gañar independenza na súa toma de decisións e capacidade de resiliencia para afrontar novos retos no futuro con amplitude de miras no que o mundo lles poida aportar.

-A súa tese doutoral centrouse en sistemas sostibles de produción de leite en zonas húmidas. Que conclusións principais destacaría daquela investigación e que vixencia manteñen hoxe en día?

-Pois aínda que poida parecer sorprendente, tendo en conta que a defensa da miña tese doutoral con mención europea é do ano 2011, coido que as conclusións principais obtidas nela seguen tendo todavía vixentes dado que nela abogáse pola sustentabilidade dos sistemas de produción de leite en zonas húmidas do Arco Atlántico mediante un axeitado aproveitamento das forraxes (pasto, silo de herba/millo  e feo) para a alimentación do gando. Sendo, dita liña de investigación de gran relevancia para a procura de modelos produtivos rendibles economicamente e que lles permitan as ganderías diminuír os custos de alimentación, os cales representan da orde do 40-60% dependendo das granxas.

Para facelo, é preciso recorrer á incorporación de diferentes estratexias de manexo coas cales maximizar a inxestión de forraxes de calidade,  o valor nutricional da herba como o alimento nutricional máis barato que existe para alimentar os ruminantes, a calidade organoléptica do leite producida en base a pastos (cun alto contido en ácidos graxos poliinsaturados), os beneficios a nivel de comportamento e benestar animal que pode carrexar os sistemas extensivos e as súas repercusións medioambientais, etc. Ademais da importancia do establecemento dun adecuado orzamento forraxeiro adaptado a cada granxa.

-Unha parte importante do seu traballo oriéntase a reducir as emisións de metano na gandería. Cales son as estratexias máis prometedoras que se están explorando neste ámbito?

-Existen diferentes estratexias alimentarias que resultan factibles coas que reducir as emisións de metano na gandería de vacún de leite. Entre elas, algunhas nas que levei a cabo investigacións son as relativas ao emprego de plantas que conteñen metabolitos secundarios (xa sexan, taninos condensados ou glucosinolatos) e  o uso de sementes de oleaxinosas debido ao seu potencial para reducir a produción de metano entérico polos ruminantes. A selección xenética (cun potencial de reducción do metano estimable dun 11% a un 26% en 2030) e o uso de aditivos son outras estratexias prometedoras para lograr isto.

-Actualmente codirixe unha tese sobre o uso de algas na alimentación animal. Que potencial ofrecen estes recursos mariños en termos de sustentabilidade e mellora da produción gandeira?

-Estanse empregando na actualidade as algas como materia prima en concentrados destinados á alimentación animal con importantes beneficios nutricionais e medioambientais debido a súa riqueza en minerais, lípidos, vitaminas, proteínas, pementantes, carbohidratos e en substancias con actividade prebiótica.

Convén ter presente que Galicia é unha rexión onde a gandeiría resulta clave para o seu tecido produtivo, ademais é unha zona cunha grande cantidade e diversidade de algas, que se poden empregar para xerar riqueza no territorio, debido ao seu alto valor proteico que supón unha alternativa ao uso doutras fontes de proteína externas, que arrastran unha pegada ambiental superior, como pode ser a soia.

Investigacións realizadas noutros países amosan o potencial das algas para a redución da produción de metano en ruminantes debido á presenza entre outras de moléculas como o bromoformo, sendo as algas vermellas as máis ricas nesta molécula.

O complexo ecosistema que representa o rumen proporciónalle aos ruminantes a capacidade de utilizar as algas mariñas mediante a descomposición dos polisacáridos complexos presentes nas algas.

A repercusión do uso de algas no contexto da produción animal como, por exemplo, en gando vacún, á parte da redución da pegada de carbono e das emisións de metano, pode ter influencia tamén no perfil de ácidos graxos proporcionando dietas máis saudables para os animais.

-Vostede imparte docencia en varias materias dos graos de Veterinaria e Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria. Que aspectos parécenlle máis importantes á hora de motivar ao alumnado en temas de produción animal e sustentabilidade?

-De cara á motivación do estudantado no eido da produción animal e a sustentabilidade coido que o máis relevante é facelos conscientes do seu rol como futuros técnicos (veterinarios/as e enxeñeiros/as) que van a saír ao mercado laboral nos vindeiros anos como egresados da USC. De xeito que é importante que comprendan a trascendencia da súa futura vida laboral profesional e sexan consecuentes coa repercusión dilo para a defensa dun entorno rural no cal as ganderías resulten eficientes, sostibles e económicamente viables.

Para elo, téntolles transmitir a relevancia que ten o aprendido nas aulas, tanto os contidos teóricos como os prácticos, durante todo o período formativo que están a levar a cabo na Facultade de Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría para facelos pensadores críticos e pofesionais proactivos nos cales prime a defensa da natureza e dos animais, facéndolles fincapé na súa futura contribución como un importante eslabón da sociedade para o respeto polo medio ambiente, o benestar dos animais e a seguridade alimentaria.

Nas miñas aulas tento na medida do tempo dispoñible amosarlles á realidade que está a vivir o sector agropecuario galego, establecendo analoxías e diferenzas co que acontece no territorio español e no marco internacional, facéndoos partícipes para que poidan opinar libremente sobre os diferentes temas a tratar, tentando tamén traer a profesionais ás clases para que lles expoñan distintos enfoques que considero lles poden aportan valor no seu proceso de aprendizaxe. 

Tento, ademais, expoñerlles situacións actuais para que se sintan identificados/as co que está a acontecer no mundo e poñerlles vídeos, imaxes e/ou figuras o máis ilustrativas posibles para que poidan entender de xeito sinxelo o que está a acontecer no mundo e poidan facerse unha composición de lugar. 

Para complementar todo isto, naquelas materias nas que imparto prácticas tento proporlles actividades que lles poidan resultar de utilidade para o seu futuro desempeño profesional e que realicen visitas fóra da USC para coñecer outras granxas e sistemas de manexo diferentes aos que se levan a cabo dende a Granxa Gayoso Castro. Na medida do posible tento acercarlles o sector á Universidade.

Imaxe dun grupo de vacas

-Ten publicado numerosos artigos científicos en revistas de alto impacto e ao mesmo tempo realizou notables traballos de divulgación. Como valora a importancia de achegar a ciencia á sociedade?

-Considero fundamental a labor divulgadora do meu traballo como investigadora dado que é imprescindible que como científicos/as sexamos capaces de transferir á sociedade o que facemos.

Dado que se non hai divulgación a ciencia permanece de costas ao público, tan só ao alcance duns privilexiados, polo que se queremos que a nosa sociedade avance é necesario que os/as investigadores sexamos capaces de transmitir a enorme importancia que ten a difusión de todo o coñecemento científico que dende os laboratorios estamos a xerar e no noso traballo como docentes da USC.

Considero tamén primordial o noso papel como transmisores ao estudantado nas aulas que estamos a impartir dos coñecementos científicos para que eles poidan actuar como vectores do coñecemento e a Universidade, xunto cos centros de investigación, sirvan como un impulso á innovación e transferencia tecnolóxica que nos demanda a sociedade actual. Sendo, así un motor de avance e cambio social que permita que a ciencia sexa aberta a todos/as sen distincións.

-As súas investigacións enmárcanse nos obxectivos de desenvolvemento sostible e na acción fronte ao cambio climático. Que papel cre que poden xogar as universidades e os centros de investigación na transición cara a sistemas agrogandeiros máis resilientes?

-Tanto as universidades como os centros de investigación son potentes ferramentas coas que contamos para facer fronte aos  importantes retos que temos que afrontar no concernente aos Obxectivos de Desenvolvemente Sostible (ODS) e na acción fronte ao cambio climático que veñen enmarcados na Axenda 2030. De modo que o papel destas institucións, non só polo seu carácter público, senón polo seu forte compromiso que teñen na procura de accións I+D+i e o establecemento de iniciativas coas que ser capaces de tentar acadar os obxectivos establecidos resultan fundamentais para lograr o plantexado neles.

Para elo, é necesario que dende os poderes políticos se aporte financiamento para que ditas institucións poidan levar a cabo a súa labor investigadora dun modo viable, cun financiamento sostible no tempo que lles permita poder potenciar liñas de traballo a longo prazo baseadas no ODS nº13 relativo á acción polo clima.

-Por último, en que está traballando na actualidade, cales son as liñas de investigación que máis lle ilusionan para os próximos anos e que retos gustaríalle afrontar desde o Campus Terra?

-Na actualidade, a miña labor investigadora na USC céntrase no desenvolvemento de diferentes traballos, teño a varios estudantes en titorización do seu TFG, no eido da gandería de precisión, sobre todo no tocante á automatización das granxas e á dixitalización da gandería mediante o uso de sensores, RFID, GPS, IA e IoT.

É unha liña de investigación totalmente novidosa para mín e na cal gustaríame afondar nela nos vindeiros anos dende o Campus Terra, dado que considero que o futuro do sector agropecuario mundial, é do galego, en particular, estará aparellado inevitablemente ao desenvolvemento tecnolóxico que nel se produza e ilusióname poder contribuír coa miña labor investigadora na USC e xunto co estudantado interesado nesta temática en afondar nela.

Sen abandonar, ademais, as miñas orixes investigadoras que me fixeron descubrir a área de Produción Animal como bolseira predoutoral do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria y Alimentaria (INIA), en cuxo departamento levei a cabo o meu período formativo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), no cal aprendín a importancia do manexo das forraxes para a alimentación do gando vacún de leite, e a miña investigación posdoutoral como bolseira do Plan I2C (nas Modalidades A e B) da Xunta de Galicia na USC, na cal tiven o privilexio de afondar na procura de estratexias alimentarias coas que reducir as emisións de metano entérico dos ruminantes nas granxas.

Os retos que me gustaría afrontar para os próximos anos dende o Campus Terra están todos eles vinculados ao desenrolo do sector agropecuario para poder repercutir de xeito significativo no rural galego e no seu progreso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2025.