Ir o contido principal

ARUME, deseño sostible con alma galega

O equipo de ARUME está integrado por tres mozos
O equipo de ARUME está integrado por tres mozos
ARUME, finalista do Programa Explorer do Campus Terra, redeseña espazos con conciencia ecolóxica e creatividade

Nun mundo que se encolle —con fogares máis pequenos, recursos máis escasos e unha conciencia ambiental que crece—, xorde ARUME: unha proposta que redeseña os nosos espazos desde a sustentabilidade, a funcionalidade e a beleza.

Este innovador proxecto acaba de ser recoñecido como un dos finalistas do Programa Explorer do Campus Terra, unha iniciativa de apoio ao emprendemento novo promovida por Santander Universidades coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

O Programa Explorer é unha plataforma de preincubación en liña e gratuíta que busca apoiar a mozas e mozos con ideas de negocio innovadoras e sostibles. Para o equipo de ARUME, este recoñecemento supón unha lombeirada ao traballo realizado durante meses e unha validación do potencial transformador da súa proposta: repensar o mobiliario e os espazos que habitamos, desde criterios de funcionalidade, personalización e sustentabilidade.

«A idea de ARUME -explican os propios impulsores do proxecto- naceu dunha reflexión compartida: cada vez vivimos en espazos máis reducidos, con menos recursos e maior conciencia ambiental. Observamos como o mobiliario tradicional moitas veces non se adapta ás necesidades reais das persoas nin ao planeta. Decidimos entón dar un paso adiante: crear unha alternativa que unise deseño, funcionalidade e sustentabilidade».

Stopping: parar para crear con sentido

Un dos piares do modelo de negocio de ARUME é o concepto de stopping, un enfoque que propón frear o consumo impulsivo e apostar por decisións conscientes. En lugar de producir en masa, fabrican exclusivamente baixo demanda, con deseños adaptados ao usuario e materiais reciclados.

«Fronte ao ritmo acelerado de ‘usar e tirar’, apostamos por deseñar con sentido. Non queremos que os nosos produtos enchan andeis, senón que enchan vidas, con propósito», sinalan.

Esta filosofía materialízase na utilización de impresoras 3D, que permiten personalizar ao milímetro cada peza de mobiliario, reducir os residuos ao mínimo e optimizar os recursos. Grazas ao uso de filamentos reciclados, o círculo de sustentabilidade péchase en cada produto.

Un dos piares do modelo de negocio de ARUME é o concepto de stopping
Un dos piares do modelo de negocio de ARUME é o concepto de stopping.

Un trampolín para crecer

A participación no Programa Explorer do Campus Terra foi clave na evolución de ARUME. Durante o proceso, o equipo puido estruturar mellor o seu modelo de negocio, validar as súas hipóteses con expertos, e acceder a mentores e redes de contacto do ecosistema emprendedor.

«Participar no Explorer foi un punto de inflexión. Saímos do programa máis enfocados, motivados e cunha folla de roteiro claro», aseguran.
O recoñecemento como finalistas non só supón un respaldo institucional, senón que reforza a súa confianza como equipo e proxecta a súa proposta a novos espazos de visibilidade e colaboración.

Tres perfiles, unha visión común

Detrás de ARUME hai tres mozos con perfís complementario e unha mesma inquietude: usar a creatividade como ferramenta de cambio para un futuro máis sostible.

  • Daniel Patao Fernández, CEO, lidera a visión global do proxecto, a xestión estratéxica e a coordinación xeral.
  • Nicolás Pérez Vázquez, CMO, encárgase da comunicación, o márketing e a relación con clientes e colaboradores.
  • Anna María Galán González, CTO, é responsable da parte tecnolóxica, deseño de produto e impresión 3D.

Xuntos, representan unha nova xeración de emprendedores que non só quere crear empresas viables, senón tamén solucións responsables, con impacto social e ambiental.

Co impulso do Programa Explorer e o recoñecemento obtido, ARUME perfílase como unha proposta con gran proxección, que une innovación, deseño e conciencia ecolóxica para transformar a maneira en que habitamos o mundo.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2025.