Ir o contido principal

O Campus Terra lanza unha nova edición de prácticas para promover o retorno a territorios rurais

A iniciativa quere promover o retorno a territorios rurais e apoiar as empresas asentadas nel. Imaxe aérea do edificio CACTUS do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
A iniciativa quere promover o retorno a territorios rurais e apoiar as empresas asentadas nel. Imaxe aérea do edificio CACTUS do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
Dirixidas a estudantado de grao e mestrado, pretenden apoiar as empresas asentadas no rural galego

O programa ‘Retorna ao Rural con Campus Terra’ dará pulo á realización de prácticas en empresas ou entidades situadas no rural de Galicia. Dirixidas a estudantado vinculado a este Campus de Especialización da USC, ofertarase preto dunha trintena de bolsas, financiadas polo convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellaría de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, e dirixidas a estudantado de grao (último ano) ou mestrado. Coa intención de promover o retorno a territorios rurais e apoiar as empresas asentadas nel, o programa oferta prácticas cunha duración dun mes que poderán realizarse entre abril e xullo de 2025. 

En concreto, a Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo convoca 12 bolsas dirixidas a estudantes das Facultades de Ciencias, Administración e Dirección de Empresas, e Humanidades; a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría convoca outras 11 bolsas para estudantado do centro; mentres que Formación do Profesorado oferta unha bolsa específica para estudantado do Mestrado Universitario en Dirección de Actividades Educativas na Natureza. A estas 24 bolsas hai que engadir outras cinco que convocou a Facultade de Veterinaria a través do Programa de Formación Dual e que tamén se financiaron ao abeiro de ‘Retorna ao Rural con Campus Terra’. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 25 de marzo, excepto no caso da EPSE, que finalizará o día 21 deste mes. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2025.