Ir o contido principal

Ciencia á Feira abordará na súa segunda edición as superbacterias, o monte comunal, as velutinas e os bosques como sumidoiros de carbono

Detalle do cartel de Ciencia á Feira
Detalle do cartel de Ciencia á Feira
O proxecto do grupo XuvenCiencia chegará aos mercados tradicionais e centros educativos da Fonsagrada, Castro de Rei, Castroverde, Foz, Nadela, Melide, Palas de Rei e Triacastela
Lugo

Ciencia á Feira, a proposta de interxeracional de ciencia cidadá do grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC, terá unha segunda entrega para o curso 2024-2025 grazas a ser seleccionada na convocatoria de fomento da cultura científica da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A resistencia a superbacterias, a singularidade do monte veciñal en man común, o impacto sobre a economía das velutinas e as posibilidades de negocio dos bosques como sumidoiros de carbono son as novas liñas temáticas que integran esta iniciativa. O equipo de XuvenCiencia aproveitará un curso máis as feiras e mercados tradicionais para divulgar e visitará centros escolares de oito municipios: A Fonsagrada, Castro de Rei, Castroverde, Foz, Lugo (Nadela), Melide, Palas de Rei e Triacastela.

As catro liñas temáticas que centran a iniciativa están escolmadas de entre algúns dos ámbitos e proxectos de investigación máis punteiros que se desenvolven dende o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo, “resultan relevantes no contexto actual no que se constitúe coma un reto dos máis urxentes a procura dun modelo produtivo e económico que garanta tanto a provisión segura de alimentos como a saúde das persoas e dos animais e a preservación dos valores ambientais e culturais da nosa contorna”, apuntan dende a organización.

Ciencia á Feira é un proxecto interxeracional e comunitario de divulgación informal da ciencia que tira proveito de estruturas fortemente asentadas no medio rural: a escola, os concellos, as asociacións e os colectivos veciñais e, por suposto, as feiras, que funcionan como espazos seculares para a actividade económica, pero que tamén desempeñan un papel crucial de sociabilidade, encontro e intercambio de información. As feiras e os mercados desenvólvense de xeito periódico en datas que son coñecidas por todos os habitantes da contorna e que funcionan como reclamo por si sos; teñen a súa orixe na sociedade labrega, pero manteñen a súa vixencia no mundo contemporáneo.

Superbacterias 

A resistencia aos antibióticos é unha das maiores ameazas para a saúde global que compromete a seguridade dos alimentos. No marco de Ciencia á Feira, capturaranse esas bacterias para poñelas baixo o microscopio e achegaranse pautas para loitar contra elas “dende a granxa ata a mesa”. Encargaranse de elaborar os materiais e de impartir as charlas e obradoiros as profesoras da Facultade de Veterinaria, Azucena Mora Gutiérrez e Vanesa García Menéndez, do departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía. Colabora tamén o médico Juan Corredoira, xefe da sección de Doenzas Infecciosas do HULA de Lugo.

O monte 

Máis dunha quinta parte do territorio galego son montes veciñais en man común. Malia iso, seguen a ser un tipo de propiedade moi descoñecida. “Adentrarémonos nas características que a fan particular e nas condicións que definen a súa xestión”, explican as profesoras Ana Cabana Iglesia e Elena Freire, xunto coas investigadoras Noelia Valiño e Tamara López Fernández. Todas elas pertencen á Facultade de Humanidades e integran o equipo que deseña os contidos.

Velutina

A profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC (EPSE) Ana Isabel García Arias, xunto a María Amparo Ferreira Golpe, investigadora do grupo ECOAGRASOC, e Xulio Maside, do grupo de Medicina Xenómica da USC, confeccionarán os trípticos e folletos e desenvolverán as accións prácticas arredor do impacto da avespa velutina en Galicia. 

Mercados de carbono

Os bosques teñen un poder case que descoñecido: a súa función como sumidoiros de carbono. “Isto supón un activo importantísimo na loita contra o efecto invernadoiro e o cambio climático e representa unha oportunidade económica para o sector forestal”, relata o profesor da EPSE, César Pérez Cruzado. O investigador, xunto á integrante do equipo do proxecto do Inventario Forestal Continuo de Galicia, Adela Martínez Calvo, e os doutorandos da EPSE, Joel Rodríguez Ruiz e Yago Lestido Cardama, ocuparanse tanto de impartir os obradoiros como de preparar o material arredor desta temática. 

Percorrido

Comezará o percorrido dos equipos de XuvenCiencia o día 28 de novembro, na feira mensual de Triacastela e no CEIP Eduardo Cela Vila, da man do equipo que se encarga de explicar o que é ‘A guerra contra as superbacterias’, que será a liña temática que se desenvolva neste primeiro trimestre do curso. Así mesmo, de xaneiro a marzo será a quenda de ‘O monte é noso’ e ‘As velutinas e nós’ e, de abril a xuño, a de ‘Os mercados de carbono’.

Lambiscadas

Na súa primeira edición, no curso 2023-2024, Ciencia á Feira percorreu os municipios de Burela, Muras, Mondoñedo, Friol, Navia de Suarna, O Incio, A Pobra do Brollón e Sober, con obradoiros e materiais que abordaron aspectos tan de actualidade e con tanta incidencia para a poboación da provincia de Lugo como son as doenzas transmitidas por carrachas, a xestión sustentable da auga e os microenxertos e micorrizas como ferramentas para unha xestión máis polifuncional das masas forestais. Xa que estas temáticas non perderon a súa vixencia, Ciencia á Feira manteraas para o actual curso 2024-2025 a través dunha nova acción: RedeCiencia das Comarcas – Lambiscadas Científicas, que se realiza coa loxística da spin-off da USC XuvenLab e grazas á colaboración da Área do Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo. 

Deste xeito, as Lambiscadas Científicas, dirixidas á poboación xeral, chegarán a unha vintena de charlas e obradoiros para colectivos veciñais, culturais e asociacións da provincia de Lugo. Comezou esta programación o 25 de outubro, na escola de Bosende (Lugo), coa asociación As Carballeiras de Bosende-Paredes-Anguieiro. A charla versou sobre como previr as enfermidades que transmiten as carrachas. As seguintes datas serán Muimenta-Cospeito (venres 8 novembro, 20.00 horas), A Pastoriza: (sábado 16 novembro, 12.00 horas), Vilalba (martes 19 novembro, 10.30 e 12.15 horas), O Corgo (mércores 20 novembro, 20.00 horas), Friol (sábado 23 novembro, 11.00 horas); O Incio (domingo 24 novembro, 16.30 horas) e de novo Vilalba (venres 29 novembro, 10.30 e 12.15 horas). 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.