Comeza a rehabilitación do Muíño de Olga, futuro espazo de investigación e divulgación arredor dos recursos hídricos
O comezo das obras de rehabilitación no Muíño de Olga inicia a conta atrás para que, nos vindeiros meses, este espazo se converta en acubillo para actuacións investigadoras, docentes, de transferencia de coñecemento e de divulgación científica. Así o subliñou o reitor da USC, Antonio López, quen percorreu este martes 10 o arranque das actuacións xunto ao presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos. Con especial incidencia das actividades desenvolvidas pola Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo, o Muíño será un escenario clave para actividades relacionadas con proxectos de hidroloxía, xestión de recursos hídricos, produción de enerxía, fauna, flora, construcións rurais e etnografía.
“Gústanos saír do espazo tipicamente universitario e abrir novos escenarios que nos conecten coa cidadanía”, afirmou o reitor en referencia a este novo enclave para a divulgación científica. Neste senso, José Antonio Quiroga amosouse moi satisfeito de que “a Universidade poida neste lugar tan emblemático divulgar a xestión dos recursos hidráulicos”. Finalmente, a alcaldesa destacou que a rehabilitación deste muíño é “fundamental” e salientou o “papel tan importante” que o Campus Terra desenvolve na capital lucense.
A conversión deste espazo en centro de referencia para a actividade investigadora é froito do acordo de cesión asinado, hai agora un ano, por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil á USC e que terá unha vixencia de dúas décadas. En virtude dese acordo, a CHMS encargarase de executar as obras necesarias para conseguir a adecuada finalidade do edificio situado ao bordo do río Miño, á beira da Acea de Olga; mentres que a USC dotará de contido esta infraestrutura para o seu uso como punto de formación, divulgación científica e de transferencia de coñecemento. A recente adxudicación das obras cun prazo de execución de sete meses conforma un novo elo nesta colaboración entre institucións. A inversión prevista supera os 750.000 euros.
Unha vez finalizadas as actuacións no edificio, este será entregado á USC para a súa xestión, mantemento, posta en valor e conservación. Así, a USC ten previsto acometer neste espazo accións de divulgación educativa de ensinanzas non universitarias, formación para grao e posgrao, divulgación dos resultados dos proxectos vinculados ao propio espazo no que sitúa o Muíño, así como cursos ou charlas para achegar ao conxunto da cidadanía o coñecemento xerado.
O proxecto construtivo contempla, ademais da rehabilitación do Muiño de Olga, a demolición de elementos anexos e a adecuación da contorna para evitar o impacto paisaxístico. A recuperación desta instalación e o seu uso na divulgación arredor da auga permitirá potenciar e poñer en valor a importancia deste elemento na vida cotiá, para o medio natural e para o desenvolvemento das actividades socio-económicas. Ademais, permitirá achegar reciprocamente río e cidade, favorecendo a simbiose que dende sempre existiu entre ambos os espazos.