Costureta: un taller sobre rodas que cose sustentabilidade, creatividade e comunidade
En tempos nos que a moda rápida domina escaparates e hábitos de consumo, catro mozas do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela imaxinaron unha alternativa tan sinxela como poderosa: levar a moda circular ao corazón do rural galego. O seu proxecto, Costureta, recibiu o segundo premio no Terra Creative Jam 2025, un recoñecemento que celebra a innovación e o compromiso cun futuro máis sostible desde o territorio.
O Terra Creative Jam, organizado polo Campus Terra da USC e a incubadora Lug Open Factory, é un evento de creatividade e innovación que durante dous días reúne a estudantes, emprendedores e profesionais cun obxectivo común: reinventar o rural.
A través de talleres, actividades e un intenso hackathon, os equipos participantes idean e desenvolven solucións que abordan desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos en ámbitos como a economía verde, a educación inclusiva, o emprendemento ou a conectividade.
Transformar roupa esquecida
Neste contexto naceu Costureta, un proxecto que converte o concepto de food truck nun taller itinerante de moda circular. O seu propósito: percorrer os pobos galegos organizando actividades onde as persoas poidan reparar, redeseñar e transformar roupa esquecida no armario, dándolle unha segunda vida.
«Tomamos como referencia as food trucks, algo que utilizamos moi ao noso favor para poder desprazar as ferramentas e utensilios que se empregarían nos talleres», explican as creadoras do proxecto.
Máis que unha proposta técnica, Costureta é unha declaración de intencións. Nun mundo afeito ao usar e tirar, este taller móbil busca ensinar ás persoas que non é necesario comprar constantemente para renovar o vestiario. «Queremos que a xente deixe ao carón o consumismo ao que tan afeitos estamos e ensinarlles que non teñen que gastar e seguir tirando para poder conseguir pezas novas», sinalan.
Unha aspiración interxeracional
Pero a súa ambición vai máis aló da reciclaxe téxtil: o proxecto quere tecer lazos entre xeracións. En cada parada, Costureta propón un espazo compartido onde mozos e maiores aprenden uns doutros.
«Creamos un ambiente de proximidade entre os máis novos e a terceira idade. Buscamos unha actividade de lecer interxeracional na que todos poidan aprender ou compartir coñecementos», destacan as súas promotoras.
Deste xeito, a moda convértese nun vehículo de educación ambiental, convivencia e transmisión de saberes, unindo costura, sustentabilidade e comunidade.
O recoñecemento no Terra Creative Jam foi, para elas, unha experiencia tan inesperada como ilusionante. «Foi algo moi gratificante; non nolo esperabamos xa que nunca participaramos en algo así. Sentímonos orgullosas ao ver que as gañas que puxemos no proxecto tamén foron vistas polo xurado e que entenderon a nosa visión», confesan.
Aínda que polo momento non poderán continuar desenvolvendo o proxecto por falta de tempo, aseguran que a experiencia foi «unha lección de creatividade, traballo en equipo e compromiso coa contorna».
Catro miradas complementarias
Costureta está formada por catro estudantes do Campus Terra: Claudia González e Alejandra Rodríguez, ambas as do grao en Bioquímica; Carla Dacosta, estudante de Veterinaria; e Daniela Morgana Galano, de Educación Infantil. Catro miradas diferentes que se atoparon para coser un mesmo fío: o da sustentabilidade e o respecto polos recursos.
Nun evento onde a innovación mídese tanto pola tecnoloxía como polo impacto humano, Costureta destacou pola súa visión próxima, práctica e transformadora. A súa proposta lembra que a creatividade tamén pode viaxar como unha seda, e que en cada fío e cada puntada hai unha oportunidade para cambiar a forma en que entendemos o consumo, a moda e o vínculo co territorio.
Con proxectos como este, o Campus Terra reafirma o seu papel como motor de ideas para un rural vivo e sostible, e Costureta deixa tras de si unha valiosa lección: reparar é tamén unha forma de crear futuro.