Ir o contido principal

Un estudo da EPS de Enxeñaría revela que a protección dos bosques primarios é clave para acadar a neutralidade climática

O investigador da EPS de Enxeñaría César Pérez Cruzado é un dos asinantes do estudo
O investigador da EPS de Enxeñaría César Pérez Cruzado é un dos asinantes do estudo
A análise na que participa o investigador da USC César Pérez Cruzado abordou preto de 300.000 árbores dunha trintena de países e concluíu que as reservas de carbono destas especies “foron subestimadas nas políticas climáticas e de xestión forestal”
Lugo

A capacidade de absorción de carbono dos bosques primarios, aqueles que presentan o máximo grao de madurez sen influxo do ser humano, é clave para cumprir cos obxectivos do Pacto Verde Europeo co que se pretende acadar a neutralidade climática. Así o acaba de demostrar un equipo internacional no que participa o investigador da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC, César Pérez Cruzado, nun artigo que veu a luz na revista do grupo Nature Communications Earth & Environment e no que se constatou, logo do estudo de 288.262 árbores de 27 países, que a protección e crecemento continuo destes bosques permitiría cumprir cos obxectivos de eliminación de dióxido de carbono para 2030.  

Este estudo pioneiro en Europa revela que a ganancia de carbono derivada do coidado destas especies equivale a, aproximadamente, 300 megatóns de dióxido de carbono por ano. A investigación implicou a análise de datos recompilados en varios tipos de hábitats forestais en toda Europa e o cálculo do carbono almacenado na biomasa aérea, subterránea e morta. O estudo evidencia, tal e como salientan dende o equipo investigador, que as reservas de carbono nos bosques primarios e antigos de alta naturalidade “foron subestimadas nas políticas climáticas e de xestión forestal”.

Segundo o informe 2020 do estado da natureza na UE, elaborado pola Axencia Europea do Medio Ambiente, só o 15% dos hábitats forestais están na rede Natura 2000, a principal rede de áreas protexidas da UE destinada a "garantir a supervivencia a longo prazo das especies e hábitats máis valiosas e ameazadas de Europa". Neste senso, o equipo investigador pon o foco en como “protexer e restaurar a biodiversidade forestal e a integridade ecolóxica axudará a que Europa logre resultados sinérxicos en materia de clima e biodiversidade”.

Cálculo de biomasa por hectárea

A contabilidade do carbono no sector terrestre require un nivel de referencia a partir do cal calcular as perdas pasadas de carbono e o potencial de ganancias utilizando un obxectivo baseado en existencias de carbono. A capacidade de carga de carbono representada polas reservas dos bosques primarios é un nivel de referencia con base ecolóxica que permite estimar o potencial de mitigación derivado da protección e restauración dos bosques para aumentar as súas reservas de carbono.

O estudo no que participa a USC analizou a través de unha rede propia de seguimento de masas maduras, literatura científica, investigacións ou inventarios forestais un total de 7.982 sitios en zonas ecolóxicas globais boreais, temperadas e subtropicais dentro de Europa. “Calculamos as existencias totais de carbono de biomasa por hectárea (biomasa morta aérea e subterránea) e descubrimos que o potencial de acumulación de carbono era 1,6 veces maior en media que os mapas globais modelados para bosques primarios e 2,3 veces para todos os bosques”, explica César Pérez Cruzado, investigador do Campus Terra.

Das conclusións do estudo titulado ‘Carbon carrying capacity in primary forests shows potential for mitigation achieving the European Green Deal 2030 target’ despréndese que as árbores grandes (cun diámetro superior a 60 centímetros) representan o 50% da biomasa e son importantes reservas de carbono. “A protección dos bosques maduros evita as emisións á atmosfera e permite o seu uso como referencia para estimar o potencial de acumulación de carbono dos sistemas forestais. Estas actuacións deberían de ser combinadas con modelos de xestión orientados ao secuestro de carbono en masas xestionadas, de forma que se aproveite ao máximo o potencial dos bosques para mitigar o efecto invernadoiro”, matizan dende o equipo investigador. Nesta liña, o crecemento dos bosques elimina o dióxido de carbono da atmosfera, creando un sumidoiro terrestre.

Equipo

Ademais da USC, o equipo investigador intégrao persoal da Griffith University, a Fundación Wild Europe, Czech University of Life Sciences, Silva Tarouca Research Institute, Belovezhskaya Pushcha National Park, Transilvania University of Brasov, Helmholz Centre for Environmental Research UFZ, Instituto Pirenaico de Ecología (IPE-CSIC), University of Nottingham, Università della Tuscia, University of Torino, Centre for Ecological Research, Berezinski Biosphere Reserve, Latvian State Forest Research Institute Silava, Institute of Forest Sciences (ICIFOR, INIA-CSIC), University of Forestry de Sofía, University of Suceava, National Academy of Science of Belarus e o Institute of Biodiversity and Ecosystem Research.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.05.2024.