Gonzalo López: «A principal medida de benestar animal é estar libre de enfermidades»

A sanidade animal é, e debe ser, un dos piares fundamentais sobre os que se sostén unha sociedade capaz de satisfacer as necesidades do presente sen deixar de lado aquelas das xeracións futuras.
Neste termo, que cada vez cobra unha maior relevancia no panorama global, conflúen conceptos tan imprescindibles como a seguridade alimentaria, a sostibilidade económica, a saúde humana ou o propio benestar animal.
Por iso é tan necesaria a labor que investigadores como Gonzalo López Lorenzo, especializado no estudo e control de enfermidades infecciosas que afectan a animais de produción, realizan no seu día a día.
Investigador posdoutoral e docente no departamento de Patoloxía Animal do Campus Terra, hoxe entrevistamos a Gonzalo López para que nos conte cal é a relación entre sanidade e benestar animal, cales son as últimas novidades sobre a detección de patóxenos sen a necesidade de manipulación animal ou como traslada os seus achados científicos ao mundo da docencia.
-Que o levou a especializarse en sanidade animal e, en concreto, nas enfermidades infecciosas do gando porcino?
-Algo que sempre tiven claro dende que comecei a estudiar veterinaria era que quería especializar a miña formación no gando porcino. Isto débese tanto a unha tradición familiar como a unha maior atracción por producións animais moi tecnificadas, principalmente a porcina e a avicultura.
Respecto ás enfermidades infecciosas, a razón é moi simple: son o principal desafío deste tipo de producións, nas que o papel da medicina veterinaria é fundamental no seu control e prevención. Isto é imprescindible para garantir a sanidade dos animais e tamén a saúde pública e, non menos importante, a viabilidade económica vinculada a estas producións animais e ao medio rural no que se sitúan.
-Unha das investigacións nas que traballou céntrase na detección de patóxenos en mostras ambientais. Que vantaxes ofrece esta metodoloxía fronte aos sistemas tradicionais de diagnóstico?
-A maior vantaxe desta metodoloxía é que unha mostra ambiental representa a unha poboación de animais, non só a un animal ou grupo de animais. Desta forma, a sensibilidade para detectar unha infección na poboación pode ser maior que realizando unha toma de mostras dun número representativo de animais.
Directamente relacionado con isto último, tamén están as custas económicas, xa que nos sistemas tradicionais podemos necesitar un número elevado de mostras para obter información da poboación, o cal incrementa as custas económicas da toma de mostras e da súa análise de laboratorio. Este condicionante redúcese significativamente ao utilizar mostras ambientais.
Finalmente, debemos sinalar algo que non é menos importante dende o punto de vista social: o benestar dos animais. Mediante o emprego de mostras ambientais evítase calquera manipulación de animais para avaliar a presencia de patóxenos nas granxas.
-Nos seus estudos sobre o Circovirus porcino tipo 2 (PCV2), detectou o virus en zonas sen presenza de animais. Que implicacións ten este achado para o control sanitario en granxas?
-Este achado é clave para mostrar dun xeito sinxelo e visual a importancia que ten a epidemioloxía dunha infección no seu control.
Existe unha gran diferencia entre tratar enfermidades e combater infeccións. Por exemplo, cando necesitamos tratar unha enfermidade as medidas enfócanse en actuar sobre os animais, ven sexa mediante o tratamento dos enfermos, o uso de vacinas para previr a enfermidade, ou medidas de manexo enfocadas a reducir o contacto entre animais enfermos e sans, por exemplo.
En cambio, cando queremos elaborar un plan de control sanitario, é dicir, combater unha infección, debemos ir mais aló e abordar aspectos mais concretos que repercuten na aparición de enfermidades. Por exemplo, podemos ter unhas medidas óptimas que doten de inmunidade aos animais, pero se seguen expostos ao axente que causa a enfermidade, é evidente que antes ou despois van aparecer casos de esa enfermidade.
Se sabemos que axentes víricos ou bacterianos capaces de provocar enfermidades poden estar en zonas das granxas sen animais, tamén imos ter claro que vai ter unha repercusión no mantemento da infección da granxa, e tamén probablemente na súa transmisión. Do mesmo xeito, subliñar que se debe prestar atención a esas zonas como puntos críticos de risco sanitario, especialmente porque poden ser zonas en contacto con persoal que pola súa función deba moverse entre instalacións pecuarias.

-A análise do aire como ferramenta de vixilancia epidemiolóxica parece estar a gañar relevancia. Que retos técnicos implica e como pode transformar o control de enfermidades como o PRRS?
-A análise do aire das granxas con ese fin presenta un reto técnico enorme, xa que cada infección está provocada por un patóxeno, cada un coa súa etioloxía (bacteriana ou vírica, e dentro de cada tipo unha variedade infinitamente ampla) e polo tanto, o seu comportamento no aire non é igual para todos.
Por este motivo, unha metodoloxía exitosa para a detección dun axente infeccioso no aire pode ser insuficiente para detectar outro, de modo que se precisa un refinamento para axustala a cada infección. Un condicionante do PRRS é que está provocado por un virus cunha dose infectiva moi reducida, é dicir, unha concentración moi reducida é capaz de provocar infeccións. Este tamén é un dos retos que ten a súa detección en mostras de aire: detectar esas pequenas cantidades.
Agora ben, do mesmo xeito que o reto técnico é moi grande, de logralo a súa aplicación tamén o pode ser. En relación ao PRRS, a principal característica do virus causante desta enfermidade é a súa capacidade de mutación, de modo que a protección que confiren as vacinas é limitada. Por esta razón non só basta con detectar e vixiar a presenza do virus nas granxas, senón que se debe secuenciar o mesmo para detectar estas mutacións e limitar todo o posible o seu impacto.
Nun hipotético caso de lograr detectar esta baixa cantidade de virus PRRS no aire das granxas e conseguir secuenciar a partir deste tipo de mostras, poderíanse detectar distintas as distintas cepas do virus que estivesen a circular na granxa. Esta medida podería anticipar brotes de enfermidade e adaptar as medidas de control para reducir a incidencia desas cepas emerxentes. Isto transformaría o control desta patoloxía, xa que ata o de agora só e posible secuenciar a partir de mostras de animais individuais ou grupos de animais, detectando unicamente a cepa do virus presente en ditos animais.
-Actualmente está a rematar un estudo sobre a diarrea posdestete porcina. Cales foron os principais resultados e como pode influír este traballo na redución do uso de antibióticos na produción porcina?
-O principal resultado que destacaría é a gran capacidade que ten a análise do aire das granxas para caracterizar os patóxenos implicados na diarrea posdestete.
Independentemente da situación sanitaria da granxa, observamos unha boa correlación entre a análise do aire e a análise de hisopos fecais dos leitóns. En cambio, como medida de vixilancia para previr brotes de diarrea resulta insuficiente. Debo dicir que este resultado non me satisfai, pero entraba nas posibilidades, xa que a diarrea posdestete é dunha patoloxía influída por unha gran variedade de factores a nivel de cada granxa, o que fai moi complicado obter resultados concluíntes.
Considerando isto último teño que dicir que a influencia na redución de antibióticos é limitada. Non obstante, si me gustaría engadir que por primeira vez fixemos unha caracterización xenotípica do nivel de resistencias bacterianas presentes en animais con diarrea empregando mostras de aire con resultados satisfactorios. Continuar esta liña de traballo podería ser útil para monitorizar a evolución das resistencias a antibióticos e limitar a súa propagación.
-Desde o punto de vista docente, como integra as súas liñas de investigación nas prácticas que imparte aos estudantes de Veterinaria do Campus Terra?
-As liñas de investigación coas que traballo son difíciles de integrar nas prácticas que imparto fundamentalmente porque nalgúns casos aínda precisan un refinamento para ser de aplicación directa no control de enfermidades ou restrínxense a casos moi particulares. A pesar diso, intento recalcar a importancia de obter diagnósticos de enfermidades a nivel de poboación, xa que na práctica diaria traballamos con colectivos de animais.
No caso da produción de porcino isto é fundamental desde fai moitos anos polo gran número de animais cos que traballamos e o relativamente baixo valor a nivel individual. Non obstante, a tendencia en tódalas producións pecuarias, e dun xeito mais evidente na actual produción bovina de leite, é a de ter granxas cun número de animais cada vez maior, unha situación que nos obriga a enfocar o control de infeccións considerando cada vez máis o colectivo.
-Que habilidades prácticas considera fundamentais que o alumnado desenvolva nas materias de Enfermidades Infecciosas e Medicina Preventiva?
-Unha habilidade que destacaría é ser capaz de integrar toda a información que ten, desde os coñecementos que proporcionan a formación teórica e práctica ata a súa capacidade crítica para avaliar a situación de cada granxa. Isto é clave para poder diagnosticar correctamente as posibles enfermidades, tratalas e elaborar plans de control e prevención.
-O Campus Terra ten como eixo a especialización. Que achega esta contorna ao seu labor investigador e docente diario?
-Sen dúbida, o contacto con investigadores e docentes con enfoques de traballo diario relacionados co meu. A miña especialización principal é a produción e saúde animal sostibles, tema que me relaciona directamente e establece nexos de colaboración con compañeiros das áreas de produción animal, pero tamén me permite facer sinerxias con compañeiros que traballan en ámbitos relacionados coa hixiene ou eficiencia produtiva de granxas.
- Finalmente, que desafíos e oportunidades albisca para a sanidade animal no contexto actual de redución de antimicrobianos e bioseguridade?
-O maior desafío que destacaría é o benestar animal, tanto de animais de produción como de animais de compañía. A redución de antimicrobianos é unha medida necesaria de cara a protexer un fin primordial, que é a saúde pública humana, pero que indudablemente leva asociada unhas consecuencias na sanidade animal, a mais evidente é o aumento da mortalidade.
E por iso digo o benestar animal, xa que socialmente parece que estas palabras unicamente se asocian a mais espacio por animal, presenza de xoguetes, interacción social ou aloxamento colectivo. Debo recalcar que a principal medida de benestar animal é estar libre de enfermidades e, de ser necesario, ser tratado adecuadamente cando e tan pronto o require. Nun contexto de redución de antimicrobianos isto último non sempre é posible.