Helga Peral: «Somos un grupo eminentemente feminino e feminista, involucrado en levar a ciencia e a tecnoloxía especialmente ás rapazas»
Ninguén dixo que emprender fose algo sinxelo. O medo e o risco que implica botar a andar un proxecto novo cunhas expectativas de futuro incertas supón, en moitas ocasións, un obstáculo difícil de superar. Ademais, se a este factor lle engadimos os retos que implican emprender no rural e sendo muller, a tarefa semella tornarse nunha odisea.
A pesar disto, son moitos os proxectos liderados por mulleres que se converten nun éxito rotundo grazas á promoción do talento, á dedicación profesional e á excelencia. Non é un segredo que a innovación centrada no ámbito rural que se desenvolve nas diferentes empresas e entidades cunha forte presenza feminina, ten a capacidade de transformar a realidade na busca dun futuro máis xusto a nivel social, económico e medioambiental.
Entre esas mulleres protagonistas deste cambio atópase a enxeñeira técnica forestal, emprendedora e co-fundadora da spin-off da USC en Lugo XuvenLab, Helga Peral Varela. O seu traballo e a súa experiencia tomarán parte na mesa redonda “Emprendedoras beneficiarias de iniciativas e axudas públicas ao emprendemento”, que terá lugar ás 12 horas na praza da Mosqueira como parte do programa da Feira de Primavera de Emprendedoras: Innovando no Rural, impulsada polo Campus Terra, Woman Emprende, Mercado de la Cosecha e a Xunta de Galicia.
Esta feira actúa coma un espazo de difusión e promoción no que dar voz a mulleres que emprenden no rural, poñendo en valor a importancia que ten o emprendemento feminino como impulsor dun desenvolvemento económico que revitalice as zonas máis despoboadas do rural galego.
Hoxe conversamos un pouco con ela para coñecer cales son as claves de XuvenLab, que papel debería xogar a experimentación na formación das novas xeracións e a importancia de emprender dende unha óptica feminina e feminista.
-Que é XuvenLab, por que e como nace?
-XuvenLab é unha spin-off da USC. Nace do grupo de Innovación Docente XuvenCiencia para organizar e xestionar actividades de divulgación científica e para comercializar os kits educativos desenvolvidos polo grupo XuvenCiencia.
-Spin-off da USC, emprendemento feminino e ademais impulsado por un equipo máis experimentado... Que combinación tan acaída, e valiosa coma mensaxe, para unha Feira de Emprendedoras non si?
-A verdade é que si! Unha das grandes fortalezas desta spin-off é contar cun equipo de asesores multidisciplinar, formado por profesorado e persoal investigador das distintas Facultades e Escolas do Campus de Lugo. Ademais, somos un grupo eminentemente feminino e feminista, involucrado en levar a ciencia e a tecnoloxía especialmente ás rapazas.
-Fago, logo aprendo. O lema de XuvenLab é toda unha declaración de intencións. ¿Temos que recuperar como sociedade a pulsión de facer, de experimentar, algo que ás veces parece que esmorece por esa paixón polo mundo virtual que percorre o planeta?
-Si, claro!! O mundo actual precisa cada vez máis dunha alta formación científica e técnica por parte das nosas novas xeracións; e iso, non se pode lograr só con contidos teóricos, que en moitas ocasións, o noso sistema educativo é o que lle proporciona ao alumnado. A idea que hai detrás de XuvenLab e XuvenCiencia é que moitos dos coñecementos científicos e a propia investigación teñen que estar baseados na experimentación e comprender os conceptos a través de experimentos prácticos e proxectos.
-Cales son os proxectos actuais e os plans de futuro de XuvenLab?
-O noso proxecto ten tres vertentes:
A formación ao profesorado, a través dos cursos ofertados nos Centros de Formación de Recursos (CFR) e no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e tamén con xornadas e cursos propios. Este ano xa impartimos dous; un, no CFR de Lugo e outro no CAFI, en Santiago de Compostela. Para o curso que vén, pretendemos chegar a todas as provincias e centros educativos galegos.
A venda de kits educativos. Estamos facendo un desenvolvemento dos nosos kits, mellorando as prestacións iniciais e desenvolvendo as fichas para o seu emprego nas aulas por parte do profesorado e do alumnado.
A divulgación científica, servizo de xestión de eventos, campamentos e xornadas de divulgación científica. Este ano levamos o proxecto Ciencia á Feira, un proxecto de divulgación informal da ciencia, onde nos achegamos con pequenas doses de ciencia a oito concellos da provincia de Lugo e aos seus centros escolares os días de feira. Ademais, organizamos o Campus de verán XuvenCiencia, campamento que se desenvolve no Campus de Lugo con proxectos científicos, tecnolóxicos, biosanitarios, de ciencias sociais e humanidades onde o alumnado ten a oportunidade de descubrir a súa vocación. Tamén organizamos a Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), evento de divulgación científica que se celebra ao mesmo tempo en sete cidades galegas e noutras moitas europeas. Nesta cita amósanse as investigacións máis novidosas desenvoltas no noso Campus de Lugo. Para o curso que vén, encantaríanos poder organizar en Lugo unha gran feira científica da importancia de Galiciencia, con proxectos, obradoiros e espectáculos de ciencia.
XuvenLab pretende ser un gran referente na transferencia do coñecemento científico da Universidade á sociedade e tamén na innovación docente nas aulas!