Luis Ángel Quintela: «Se unha vaca é eficiente desde o punto de vista reprodutivo, xera menos metano por kg de leite producido»
As explotacións gandeiras bovinas levan moitos anos no punto de mira pola súa produción de metano, un gas xerado de forma natural no complexo aparello dixestivo dos ruminantes que ostenta o título de ser un dos gases de efecto invernadoiro que máis contribúe ao quecemento global.
Na actualidade, son moitas as vías que se estudan para tratar de minimizar o seu impacto. Unha delas, por estraño que poida parecer, é a eficiencia reprodutiva, unha materia de gran interese nos tempos que corren e que, ademais, pode ser aplicada a multitude de ámbitos como o da produtividade, a saúde humana ou a seguridade alimentaria.
Hoxe falamos con Luis Ángel Quintela Arias, profesor titular do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria do Campus Terra e un dos maiores expertos nesta área, para que nos fale das posibilidades que pode brindar esta disciplina á nosa sociedade.
-Cales son as principais liñas de investigación que desenvolve dentro do grupo de reprodución animal, e como se foron consolidando ao longo da súa traxectoria no IBADER?
-Unha das liñas nas que levamos traballando desde hai moito tempo é a eficiencia reprodutiva en vacas leiteiras. Engloba moitos campos, como os métodos de diagnóstico: citoloxía, ecografía, permeabilidade oviductal; tratamentos: protocolos hormonais, tratamentos substitutivos de antibióticos; ou causas e factores de risco da infertilidade.
Da mesma forma, estamos a apostar por traballar desde a perspectiva da sustentabilidade e da mitigación do cambio climático. A opinión pública está a exercer unha gran presión con temas como o do metano, por exemplo.
Entón, o que queremos é desmitificar o feito de que as vacas son o gran problema, pero aceptando a realidade de que si que son emisoras de metano e traballando para reducilo. Se unha vaca é moi eficiente desde o punto de vista reprodutivo, produce menos metano por kg de leite. De tódolos xeitos, aínda queda moito traballo por facer neste aspecto.
Despois, outra liña moi relevante é a da cunicultura. O que pretendemos conseguir neste ámbito é incrementar a eficiencia na reprodución dos coellos, utilizando métodos máis naturais.
A reprodución en cunicultura é moi intensiva a día de hoxe. Utilízase a inseminación artificial en practicamente todos os casos, así como hormonas. Entón, o que tentamos é reducir o uso de hormonas, por unha banda, e facilitar ao cunicultor a aplicación das tecnoloxías reprodutivas por outro.
De feito, temos unha patente dun sistema de inseminación artificial en cunicultura que mellora bastante todo o proceso de inseminación, aplicando as hormonas directamente na dose seminal.
E, finalmente, con respecto ao IBADER, levamos menos dun ano, polo que aínda non nos deu tempo a consolidarnos como tal. Aínda así, creo que a nosa perspectiva de investigación encaixa moi ben coas liñas do IBADER, como o relacionado cos recursos gandeiros e á alimentación saudable e sostible.
-Unha parte destacada do seu traballo céntrase na síndrome de vaca repetidora. Que avances recentes destacaría na comprensión ou tratamento deste problema reprodutivo?
-Este é un tema que levamos estudando moito tempo, e que facemos un pouco de forma altruísta xa que conseguir financiamento para este obxecto de estudo non é sinxelo. Pero, sen dúbida, esta é unha liña de estudo moi importante, xa que hai moitas vacas con problemas da síndrome de repetición de celos, o que reduce a eficiencia reprodutiva das mesmas. E a eficiencia reprodutiva tradúcese en diñeiro nunha explotación de vacún.
Actualmente, estamos a encamiñar as nosas investigacións cara ás ómicas, un tema que está moi de moda nestes momentos. Como esta síndrome é un problema complexo no que inflúen moitos factores, estamos a empezar a estudar elementos como a microbiota, que pode ser diferente en animais con síndrome de repetición de celo en comparación cos que non o teñen.
Tamén temos en conta a metabolómica, para ver cales son os diferentes perfís metabólicos.
De momento, estamos a traballar en temas que xa se coñecían de antes, como as endometrites subclínicas ou a permeabilidade oviductal. En relación a este último tema, desenvolvemos algúns métodos para realizar citolixías e para realizar tamén un control da permeabilidade do oviducto.

-Nos últimos anos publicou varios estudos sobre biocomunicación química e bioestimulación en cunicultura. Que potencial teñen estas técnicas na mellora reprodutiva doutras especies?
-Como comentaba antes, o noso obxectivo principal foi facilitar a inseminación artificial aplicando a hormona directamente no seme. Agora, o que queremos facer é reducir a aplicación de hormonas.
Entón, utilizamos métodos de bioestimulación en coellos, pero queremos ir un pouco máis aló grazas á biocomunicación química entre animais. Esta ten efectos, ademais, sobre a reprodución de diferentes especies, como vacas, ovellas, cabras, porcos… Vimos que, mediante o efecto macho e as feromonas implicadas no proceso, pódese conseguir adiar a puberdade, acortar os anestros ou favorecer o diagnóstico do celo.
En cunicultura, particularmente, o que buscamos é aumentar a produción de seme nos machos. Se se aumenta esta cantidade, redúcese a cantidade de machos que se precisan. En canto ás femias, tentamos conseguir unha mellora na sincronización do celo, mellorando o número de ovulacións para aumentar a fertilidade e a prolificidade.
Nós traballamos con coellos, pero en porcino, por exemplo, xa hai produtos comerciais para incrementar a eficiencia produtiva.
-Traballou na aplicación de técnicas como a ecografía Doppler e a palpación rectal para avaliar a función luteal. Que vantaxes ofrecen estas metodoloxías para optimizar os programas de transferencia embrionaria en bovino?
-Nós levamos moito tempo estudando o tema da ecografía en gando vacún. A principios deste século, de feito, case non se utilizaba. Utilizábase en diagnóstico humano e mesmo en cabalos, pero moi pouco en vacún.
Entón, empezamos moi pronto a investigar neste ámbito, que ao final achegaba unha maior eficiencia á hora de realizar exploracións. Se a palpación rectal achegaba, poñamos, unha eficiencia do 70-75%, a ecografía podería chegar ao 90%.
Isto é aplicable, por exemplo, á detección dun folículo, un corpo lúteo ou patoloxías no útero. Tamén é moi útil na transferencia de embrións, xa que a ecografía con Doppler permite ver a irrigación do corpo lúteo e desta forma coñecer mellor a súa funcionalidade. Aínda que, para coñecer a consistencia, si que habería que recorrer á man, que tamén é moi importante.
Por poñelo dalgunha forma, poderiamos dicir que vivimos toda a evolución desta tecnoloxía. Participamos na introdución desta técnica dentro da reprodución en bovino e, a verdade, quedamos bastante contentos.
De feito, publicamos algún libro e algún artigo científico, pero no que si temos moitas horas de voo é na realización de cursos e na divulgación para ensinar a moita xente para traballar con este método.
-No ámbito docente, como traslada aos seus estudantes os coñecementos derivados dos seus proxectos de investigación? Considera que a docencia práctica é clave en Veterinaria?
-No plan de estudos de Veterinaria, a día de hoxe, temos un 50% de clases expositivas e un 50% de clases prácticas. Por tanto, creo que a práctica é crítica. Por suposto, a teoría é moi importante tamén, pero sen a práctica aos nosos estudantes faltaríalles un punto de apoio moi grande.
Como trasladamos aos estudantes estes coñecementos dos que falamos? Por exemplo, no tema da ecografía en bovino. Cando eu empecei a dar clase, non había prácticas de ecografía. Entón, desde que comezamos a estudar este tema, o primeiro que fixen foi establecer unha práctica para os estudantes.
É moi importante que todo o que imos coñecendo a través das nosas investigacións sexa introducido a nivel de prácticas. Hai certos temas, como o da bioestimulación ou a síndrome de repetición de celos que si son máis teóricos. Pero, en termos xerais, gustaríame poder trasladar máis coñecemento desde o punto de vista práctico.
Outro aspecto importante é a dixitalización, o uso de programas e algoritmos. Isto tamén o fomos introducindo en relación coa xestión da reprodución, co obxectivo de que os alumnos saian preparados e teñan o mesmo nivel que persoas que levan uns anos traballando e que xa dominan estas técnicas.

-A súa participación en proxectos como Bovimasc ou Climate-Smart Research reflicte un enfoque multidisciplinar. Que papel xogan as colaboracións interdisciplinares no desenvolvemento de solucións aplicadas ao sector gandeiro?
-Antigamente, eramos moi individualistas e iso hoxe non ten sentido. Non podemos saber de todo, é imposible.
Por exemplo, en cunicultura temos un proxecto nacional no que participan varios grupos: o de anatomía, o de bioquímica, o de xenética… Por que? Porque eu podo saber como avaliar os efectos sobre as femias, pero eu non sei facer proteómica ou transcriptómica, por exemplo. Pero na Universidade hai persoas que dominan isto ámbitos.
Entón, que sentido ten que eu tente abarcar todos os aspectos da investigación, cando hai compañeiros que o fan moito mellor que eu?
Un exemplo claro é o de Bovimasc, no que colaboramos con robótica. Con todo o do Smart Farming actual, a robótica é imprescindible. Entón, establécense necesidades e búscase quen pode achegar coñecemento nese tema.
A día de hoxe, o que traballa só non ten futuro. Todo está interrelacionado e, afortunadamente, temos un Campus moi completo, con grupos moi potentes. Temos toda a colaboración que necesitamos ao virar a esquina.
-Coordinou capítulos en manuais como “Técnicas reprodutivas nas especies animais” (Elsevier). Que importancia ten a divulgación técnica e científica na formación continua dos profesionais do sector?
-A evolución é exponencial. Ademais, cada vez máis a curva ponse máis vertical e avanza máis rápido. Dun ano para outro xorde unha nova tecnoloxía que debes coñecer.
Doutra banda, a divulgación é moi importante. O problema é que, actualmente, prodúcese moita divulgación non científica en redes que pode levar a equívoco. Por iso é crítico que exista divulgación de calidade, contada por xente que realmente saiba o que está a dicir.
Outra cuestión que afecta os Veterinarios é a gran cantidade de información dispoñible e que non é posible consultar na súa totalidade por falta de tempo. Para tentar suplir este problema, parte do noso traballo é recoller toda esa información e sintetizala para que os profesionais poidan lela de forma rápida e concisa.
Cos nosos libros sobre ecografía, por exemplo, facilitamos o traballo aos veterinarios que non dispoñen do tempo necesario para profundar neste tipo de temas.
-Que retos identifica actualmente na investigación veterinaria en reprodución animal, especialmente en relación cos cambios climáticos e as novas demandas do sector agroalimentario?
-Por unha banda, está o tema da dixitalización. Hai que estar preparados para coñecer as novas tecnoloxías e introducilas no plan de estudos de Veterinaria.
Doutra banda, o asunto da pegada de carbono tamén é terriblemente importante. Hai novas normativas que obrigan a baixar a emisión, non só de metano, senón tamén doutros gases. É moi probable que, en pouco tempo, haxa empresas que só recollan leite de explotacións que compren uns mínimos a este respecto.
Da mesma maneira, tamén nos enfrontamos a un reto importante co uso de hormonas e antibióticos. Estamos a tender a reducir o seu uso, e grazas ao desenvolvemento, por exemplo, dos colares de activade, aspectos como a detección do celo melloran considerablemente, posibilitando unha redución dos tratamentos hormonais.
De todos os xeitos, hei de lembrar que, cando se consome un produto cárnico ou lácteo, este practicamente non vai portar ningún resto hormonal, xa que se degradan moi rápido.
-Finalmente, que consello daría aos mozos investigadores que queiran especializarse en medicina e cirurxía animal desde un enfoque orientado á innovación e ao desenvolvemento rural?
-O primeiro no que me gustaría facer fincapé é, de novo, na dixitalización: hai que estar aí. Aos gandeiros chéganlles moitos datos e é moi complicado xestionalos. Por tanto, non hai que esperar ás empresas para formar aos gandeiros: os veterinarios debemos participar nisto.
De feito, hai unha empresa dun mozo que saíu da nosa facultade, de Veterinaria, que se chama Innogando. El é veterinario e dedícase precisamente a este tipo de temas.
Por outra banda, tamén hai que deterse no cambio climático. Está a aumentar a incidencia de moitas enfermidades como consecuencia da aparición de moitos vectores que antes non existían.
E é que, desde o punto de vista da saúde pública, os veterinarios somos moi importantes. Somos garantes da saúde humana: moitas enfermidades que van xurdir probablemente sexan zoonosis e a primeria liña de defensa somos, precisamente, os veterinarios.