Ir o contido principal

A reunión de coordinación dos tres campus de especialización de Galicia define accións estratéxicas para dinamizar o territorio

O edificio Cactus do Campus de Lugo acolleu a xuntanza
O edificio Cactus do Campus de Lugo acolleu a xuntanza
O Campus de Lugo acolleu a segunda xuntanza de cooperación entre Campus Terra, Campus Industrial de Ferrol e Campus da Auga de Ourense

A segunda xuntanza de coordinación entre o Campus Terra de Lugo, o Campus Industrial de Ferrol e o Campus da Auga de Ourense desenvolveuse este venres 20 no edificio Cactus lucense para avanzar no seu rol como axentes dinamizadores do territorio. O vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga, e a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, interviñeron nesta reunión que ten como meta impulsar a cooperación entre os tres campus, poñer en común os seus proxectos e establecer sinerxías e accións estratéxicas que sumen e se complementen á hora de acadar resultados de investigación. O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, tamén interveu neste foro de traballo que pretende fortalecer o Sistema Universitario de Galicia.

A cooperación suporá un beneficio directo no fortalecemento das estruturas dos campus non centrais, aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados. Precisamente con este obxectivo, o Goberno galego lanzou en 2013 o Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario de Galicia e o outorgamento da acreditación de especialización, o selo de excelencia que os recoñece como tal.

Dende a posta en marcha do programa, a Xunta leva investido máis de 35 millóns de euros nos diferentes convenios asinados coas universidades de Santiago, Coruña, e Vigo para o desenvolvementos dos seus respectivos campus especializados. Grazas a este apoio, os tres campus contan a día de hoxe con actuacións e financiamento propio e específico para impulsar a súa posición e a calidade docente e investigadora. Tras a reunión, os participantes realizaron unha visita ás principais instalacións do Campus Terra, como a Aula de Produtos Lácteos, o Hospital Veterinario Rof Codina ou a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE), entre outras.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2024.