Ir o contido principal

RURALtXA! divulga os valores das turbeiras e queirogais a través dunha mostra fotográfica itinerante

Detalle do cartel da mostra
Detalle do cartel da mostra
A Oficina de Turismo do Concello de Oia acolle este xoves 6 o acto inaugural desta exposición que posteriormente pasará a outros concellos da contorna das serras da Groba e do Xistral
Lugo

O proxecto RURALtXA! persegue o impulso da bioeconomía rural, revalorizando os usos tradicionais do monte e a gandaría extensiva de montaña, á vez que se conserva a biodiversidade. No marco desta iniciativa na que participa a USC deseñouse unha exposición fotográfica itinerante para dar a coñecer os valores das turbeiras e queirogais e das actividades tradicionais que sustentan estes hábitats. A mostra inaugúrase este xoves 6, ás 12.00 horas, na Oficina de Turismo do Concello de Oia. A iniciativa é froito dun consorcio entre USC, UDC e a fundación vasca HAZI.   

RURALtXA! lévase a cabo en cinco áreas de Euskadi e catro de Galicia, traballando en espazos da Rede Natura como a Serra do Xistal e Monte Maior en Lugo, e outras áreas de montaña como a Serra da Faladoira na Coruña e a Serra da Groba en Pontevedra. Nesta última serra, o proxecto traballa na conservación das áreas de queirogal e do sistema tradicional de cabalos salvaxes no monte, así como das turbeiras da Valga e Viladesuso. O concello de Oia concentra a meirande parte das comunidades de montes da Serra da Groba participantes no proxecto.

Os queirogais dependen dos cabalos salvaxes e da gandaría extensiva para o seu mantemento e conservación. Coa perda destas actividades tradicionais, “a supervivencia deste valioso ecosistema de montaña vese ameazada”, explica o profesorado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo implicado no proxecto. Fronte a isto, co impulso ante a sociedade e a posta en valor das actividades agrogandeiras tradicionais preténdese “contribuír ao mantemento destes hábitats de interese comunitario”, relatan dende o Campus Terra. A exposición, organizada por USC, UDC e Concello de Oia, fai un percorrido polas relacións entre as xentes e o medio ambiente, así como pola flora, fauna e hábitats do proxecto.

A mostra poderá visitarse do 8 ao 23 xuño, de mércores a domingo, en horario de 10.00 a 16.00 horas, na Oficina de Turismo de Oia. Posteriormente pasará a outros concellos da contorna da Serra da Groba, como O Rosal, para logo comezar o seu percorrido na contorna da Serra do Xistral. As entidades relacionadas coa temática medioambiental que lles interese acoller a exposición de RURALtXA! nas súas instalacións poderán solicitalo poñéndose en contacto co equipo investigador a través da páxina web do proxecto. RURALtXA! conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2024.