Ir o contido principal

RURALtXA! dá pulo ao encontro de turismo de observación da natureza natureWatch que terá lugar na Mariña Lucense

Imaxe de arquivo da Praia das Catedrais. FOTO: Pixabay
Imaxe de arquivo da Praia das Catedrais. FOTO: Pixabay
Desenvolverase do 28 ao 30 de marzo e terá como sede o Centro Sociocultural de Barreiros
Lugo

O proxecto RURALtXA! de impulso da bioeconomía rural revalorizando a gandería extensiva de montaña —vinculada á conservación da biodiversidade— participa na organización do encontro de turismo de observación da natureza natureWatch, que do 28 ao 30 de marzo aterra na Mariña Lucense. Esta edición do foro terá como temáticas centrais o turismo ornitolóxico, a xeoloxía e a botánica do territorio. 

O programa do evento, que ten como sede o Centro Sociocultural de Barreiros, combinará relatorios con visitas de campo guiadas por persoal técnico e empresas locais. As conferencias levaranse a cabo o venres pola tarde e o sábado, e estrutúranse en catro bloques: un primeiro bloque para presentar o territorio e un segundo bloque sobre o patrimonio natural, centrarán os contidos do venres 28 de marzo, que se completarán cunha degustación de produtos locais e o faladoiro temático sobre natureza e libros, conducido por Antonio Sandoval, que terá como convidado a Andoni Canela, quen presentará e asinará exemplares do seu último libro Territorio Lobo.

O sábado arrincará cunha visita guiada ao Monumento Natural Praia das Catedrais e unha visita guiada de observación de aves na Praia de Arealonga. Durante o resto da xornada continuarán os relatorios na sede do evento, en Barreiros, cun terceiro bloque de charlas sobre patrimonio xeolóxico e xeoturismo que concluirá cunha mesa de debate en torno ao uso turístico e regulación de accesos da Praia das Catedrais antes de abordar o último bloque de conferencias, dedicado a coñecer experiencias ecoturísticas de éxito. Como colofón á xornada do sábado, terán lugar as mesas coloquio sobre ‘O papel das axencias de viaxe de ecoturismo no escenario do Corredor de Ecoturismo da España Verde’ e ‘A Mariña Lucense destino de ecoturismo. Sustentabilidade, recursos e expectativas’. Esta xornada contará cunha degustación de produtos da Rede de Produtores de RURALtXA! 

A última mañá do Encontro transcorrerá no campo, na Serra do Xistral, onde os participantes terán oportunidade de coñecer a importancia das turbeiras e a súa flora, e o sistema de brezais-cabalos da man do proxecto RURALtXA!, así como a situación do lobo, da man de REBINXE, nesta serra lucense.

Un evento comprometido

A educación ambiental e a contribución activa á conservación están intimamente ligados á filosofía de natureWatch A Mariña Lucense. Neste sentido, un feito importante é que os asistentes, coa súa inscrición, axudarán de forma activa á conservación da biodiversidade, pois o 10% da cota vai destinada integramente a un proxecto de conservación local xestionado pola organización para a conservación do medio ambiente REBINXE. A este importe engadiranse os beneficios derivados da exposición que levará a cabo o artista galego José Arcas. 

Por outra banda, do mesmo xeito que ocorre en todas as edicións deste evento, natureWatch A Mariña Lucense 2025 será certificado como evento con pegada de carbono compensada, grazas ao acordo cunha empresa líder en sustentabilidade, que se encargará de calcular a pegada de carbono xerada, minimizala e certificar a súa compensación para que natureWatch sexa un evento libre de emisións. 

RURALtXA! conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, e que recolle entre os seus obxectivos mellorar as capacidades locais/rexionais para o desenvolvemento dun ecoturismo baseado na biodiversidade e nas actividades tradicionais. RURALtXA! desenvólvese en diversas áreas piloto do País Vasco e de Galicia, entre as que se inclúe a Serra do Xistral e o espazo da Rede Natural 2000 Monte Maior que se localizan na Comarca da Mariña. O proxecto é froito da colaboración entre USC, UDC e HAZI.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2025.