Ir o contido principal

Santiago Lamosa Quinteiro: «O enxeñeiro agrónomo do futuro combinará barro nas botas e tecnoloxía de vangarda»

Santiago Lamosa mantén un forte compromiso coa divulgación científica
Santiago Lamosa mantén un forte compromiso coa divulgación científica
Santiago Lamosa, coordenador do Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria do Campus Terra, aposta por trasladar á sociedade unha mensaxe de respecto e responsabilidade cara á natureza

Santiago Lamosa Quinteiro é profesor e investigador do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, onde tamén exerce como coordinador do Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e secretario do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría. Cunha traxectoria que combina experiencia profesional fóra da universidade e un sólido labor académico, Lamosa representa unha visión integral da enxeñaría agronómica: práctica, innovadora e comprometida coa sustentabilidade.

A súa actividade docente abrangue materias vinculadas co medio ambiente e o paisaxismo, ámbitos nos que promove unha formación que integra ciencia, tecnoloxía e sensibilidade ecolóxica. Na súa investigación, abordou temas tan diversos como o estudo das micorrizas e a súa aplicación forestal, o desenvolvemento de cubertas verdes e xardíns verticais con especies autóctonas, ou o potencial comercial do sabugueiro. Ademais, mantén un forte compromiso coa seguridade laboral no ámbito agrícola e coa divulgación científica a través de iniciativas como Ciencia á Feira.

Con esta ampla traxectoria, Lamosa aposta por trasladar á sociedade unha mensaxe de respecto e responsabilidade cara á natureza, integrando o coñecemento científico coa acción práctica e o deseño sostible. Nesta entrevista, repasa as súas liñas de traballo, a evolución da enxeñaría agronómica e os retos que afrontan as novas xeracións de profesionais nun mundo en constante cambio.

-A súa traxectoria combina experiencia na empresa privada cunha sólida carreira académica. Como influíu esa etapa profesional previa á súa incorporación á universidade na súa forma de ensinar e investigar?

-Absolutamente. A experiencia profesional é quizá, o factor que máis inflúe no enfoque das miñas clases. A enxeñaría é unha profesión eminentemente práctica donde a base teórica é fundamental. O enfoque aplicado destes coñecementos permite aos estudantes achegarse a realidade do seu futuro profesional.

Por outro lado, a experiencia na empresa privada permitiume, posteriormente, desenvolver proxectos máis cercanos ao mundo profesional como varios relacionados coa prevención e seguridade no traballo ou produción de planta de viveiro.

-Imparte materias vinculadas ao medio ambiente e ao paisaxismo en varios graos e máster. Que importancia cre que ten a formación en sustentabilidade e paisaxe para o futuro da enxeñería agraria e agroalimentaria?

-Hoxe en día ninguén pode negar que nos atopamos nun mundo en cambio acelerado. Nunca na historia humana houbo tal número de transformacións a nivel xeolóxico e paisaxístico e tan extremos que puideran ser apreciados nunha única xeneración. Agora unha persoa pode observar como desaparecen montañas, como se crean grandes superficies de auga, como se modifican cauces de ríos, como desaparecen especies ou como aparecen desertos donde antes había abundancia de vida vexetal.

Ao longo da historia o papel do enxeñeiro agrónomo / agricultor foi variando aínda que mantiña sempre o seu papel imprescindible na produción de alimentos e outros produtos de orixe primario e a súa transformación.

Houbo etapas nas que o coñecemento científico era escaso, outras nas que primaba a produtividade fronte a conservación e poderíamos seguir falando sobre máis cuestións que afortunadamente están mudando como man de obra, fitosanitarios, efectos erosivos das actividades agrícolas, uso da auga, seguridade alimentaria, etc.

Volvendo a pregunta, é obvio que un enxeñeiro agrónomo, cunha responsabilidade directa sobre todos estes aspectos ten que ser especialmente sensible hacia a paisaxe e a sustentabilidade, de modo impregne toda a súa actividade e, por tanto, debe recibir unha formación de xeito directo ou transversal ao respecto. Esta é parte da nosa responabilidade.

-Como coordinador do Grao en Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria, que retos e oportunidades detecta na formación dos novos enxeñeiros neste ámbito?

-Antes falaba do mundo cambiante relacionado coa natureza pero podemos aplicalo tamén aos avances científicos, tecnolóxicos ou lexislativos. O enxeñeiro agrónomo debe estar en permanente formación para responder aos retos que a sociedade lle impón respecto a multitude de aspectos como os avances tecnolóxicos, a produción de alimentos seguros, o benestar animal, a conservación e rexeneración ambiental, etc.

O estereotipo do enxeñeiro agrícola pisando a terra está mudando. Obviamente seguiremos manchándonos as botas con barro xa que forma parte da nosa vocación pero agora engádeselle unha forte formación nos últimos avances como robotización, aplicación de drones, sensórica ou en xeral equipos altamente sofisticados que, unidos aos avances relacionados coa bioquímica, xenética, microbioloxía, etc.,  fan que o enxeñeiro agrónomo teña un futuro moi prometedor e de alta responsabilidade.

-A súa tese doutoral centrouse no estudo de fungos micorrícicos e a súa aplicación en especies forestais. Que achegas destacaría desa liña de traballo e que posibilidades de transferencia ten aínda hoxe?

-As micorrizas son fungos altamente especializados que viven en asociación coas raíces de moitas plantas recibindo un beneficio mutuo e que desempeñan un papel fundamental dende o punto de vista medioambiental.

Estes aspectos tradúcense tamén en beneficios directos para a nosa actividade como un maior crecemento das árbores, maior resistencia a enfermidades, maior produtividade, aforro de fertilizantes, etc.

Os estudos realizados sobre as micorrizas levaron a unha maior comprensión da colaboración entre especies, a valorización do solo concibido como un ecosistema vivo e sensible ou a introdución das micorrizas dentro das actividades habituais e rutinarias da produción viverística. O meu traballo enfocouse na terceira liña.

A permacultura aporta unha visión válida para a creación de xardíns sostibles
A permacultura aporta unha visión válida para a creación de xardíns sostibles

-Nos últimos anos traballou en xardíns verticais, cubertas verdes e o potencial comercial do sabugueiro. Como se produce esa evolución temática na súa investigación e que obxectivos persegue actualmente?

-Todas estas liñas teñen como nexo común o estudo das prantas e a súa aplicación práctica. Gústame abordar tarefas cunha orientación tanxible e funcional. A maioría destes estudos foron promovidos por empresas que tiñan un obxectivo comercial claro.

O primeiro traballo naceu debido a o uso cada vez máis frecuente de cubertas verdes debido aos beneficios que aportan como reducir o efecto illa de calor, mellorar o illamento térmico, reter a auga da chuvia  ou fomentar a biodiversidade urbana. Nese momento interesounos estudar a posibilidade do emprego de especies autóctonas galegas. Como evolución natural xurdiu a liña de xardíns verticais, tamén vinculado a unha empresa, estudando o emprego de diferentes especies vexetais, sustratos, rega, estruturas de sustentación, etc.

O estudo sobre sabugueiro tiña un reto engadido xa que foi o primeiro estudo feito en Galicia sobre o uso comercial do sabugueiro. Os resultados foron moi prometedores e houbo certo interese por parte de emprendedores que desembocaron na creación de algunhas plantacións. Neste senso aínda falta moito por facer.

-Colaborou no desenvolvemento de proxectos paisaxísticos cun enfoque en xardíns sostibles, permacultura e agricultura rexenerativa. Que papel xogan estas prácticas na transición cara a modelos máis respectuosos coa contorna?

-Se botamos unha mirada a historia dos xardíns vemos como estes respondían ao pensamento, inquedanzas ou necesidades de cada época. Hoxe en día, no mundo en que vivimos, non podemos concibir un xardín dende unha perspectiva únicamente estética e funcional sen ter en conta os seus valores ecosistémicos, éticos e sociais.

A permacultura aporta unha visión válida para a creación de xardíns sostibles, produtivos e en harmonía coa natureza. Son espazos que intentan imitar os patróns e relacións dos ecosistemas naturais onde se integran todo tipo de elementos naturais sen esquecer o aproveitamento de recursos locais e o coidado da terra e das persoas. Considero que estes xardíns  deben se concebidos como modelos e como centros de aprendizaxe para expandir o respeto sobre a natureza.

A agricultura rexenerativa é unha resposta ao término de sustentabilidade, dende o momento que hai moitos espazos en tal estado que unha intervención simplemente sostible se queda escasa. A aplicación destas filosofías á xardiñería é un reto importante xa que rompe coa visión tradicional que temos dela.

-Tamén investigou sobre seguridade no ámbito agrícola, paisaxista e en áreas de xogo infantil. Cales son os principais retos para mellorar a prevención de riscos nestes contextos?

-Dende os primeiros estudos a seguridade das áreas de xogo foron evolucionando favorablemente e, sobre todo, xeneralizándose na práctica totalidade das superficies de xogo. Actualmente a maioría das áreas de xogo infantil xa cumplen a regulación europea UNE-EN 1176 e 1177, anda que quizá fallen en mantemento e renovación.

Dende o meu punto de vista, non basta con simplemente cumprir a norma, e aquí xurde un dos retos importantes: construír zonas de xogo realmente atractivas para os nenos non só basadas en equipos de xogo senón combinado a súa vez con deseños atractivos de elementos vexetais, modelado do terreo, trazado de itinerarios buscando a creación de oportunidades para o desenvolvemento persoal e social dos nenos dentro dun espazo cercano ao natural e seguro.

Outro reto, quizá descoñecido, é o uso de materiais 100% seguros. Hoxe en día existe suficiente literatura científica como para sospeitar da posible toxicidade de certos materiais comúnmente utilizados en áreas de xogo como os materiais sintéticos provenientes de fontes de escasa calidade ou non reguladas, como o reciclaxe de neumáticos. Non é unha liña de investigación miña, pero resulta de gran interese xa que afecta directamente ao deseño seguro de áreas de xogo infantil.

-A través de iniciativas como ciencia á feira levou a investigación máis aló das aulas. Que lle achega a divulgación ao seu labor como docente e investigador?

-Con Ciencia á Feira colaborei impartindo charlas relacionadas coas ectomicorrizas destinadas a público de todo tipo de idades pero fundamentalmente aos máis pequenos. Percibín o entusiasmo dos nenos e maiores cando lles contaba cuestións que eles recibían como algo extraordinario e que para min eran habituais.

Vendo esas caras de asombro sentía que estaba deixando unha semente que xerminará nun futuro e a súa vez dará novos froitos. Me gusta pensar que era unha semente de curiosidade e de amor hacia a natureza. É algo que dun xeito implícito quero transmitir tamén nas miñas clases na universidade.

-Cales son os proxectos ou liñas de traballo que lle gustaría desenvolver nos próximos anos dentro do Campus Terra?

-Dentro das liñas de traballo dos últimos anos vexo moi prometedor o estudo do sabugueiro, en concreto a selección de variedades de interés comercial e perfilar o seu proceso productivo, así como a posible utilización comercial doutras especies autóctonas sen aparente interés económico.

Interésame tamén, cada vez máis, o que dende a universidade podemos transmitir a sociedad xa non como elementos tanxibles ou coñecemento científico senón os principios universais de respeto e responsabilidade hacia a natureza. De ahí que esté involucrado cada vez máis en proxectos sustentables e rexenerativos e, trasladándolo ao meu campo, a súa aplicabilidade no deseño de zonas verdes. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2025.