Veterinaria diversifica a súa oferta a través do Plan Formativo do Campus Terra

O gando vacún e a conservación da fauna silvestre centrarán as actividades que a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC ofertará nos meses de marzo e abril ao abeiro do Plan Formativo do Campus Terra. En concreto, trátase dos seminarios titulados ‘Programas de apareamento en gando Vacún’, ‘Programas de xestión de granxa en gando Vacún’ e ‘Aplicación de sensores e monitorización no gando vacún’, así como o ‘Curso de Veterinaria e Conservación da Fauna Silvestre’. A inscrición pode formalizarse a través dun formulario en liña.
O seminario ‘Programas de apareamento en gando Vacún’ desenvolverase o vindeiro luns 24 de marzo e contará cunha introdución ao emprego de programas informáticos para realizar apareamentos en gando vacún de leite que optimicen a mellora xenética a nivel de granxa, así como coa demostración de casos reais da realización de apareamentos en granxa cun programa informático de acceso libre. O curso será impartido por Fernando Rego López, de 16.00 a 18.00 horas.
O 27 de marzo, de 18.00 a 20.00 horas, será a quenda do ‘Curso de Veterinaria e conservación da fauna silvestre’, impartido por Ana Mª López Beceiro e Mónica Vila Pastor. O curso achegará a formación básica ás persoas interesadas na atención clínica veterinaria da fauna silvestre, completando o seu currículo. Tamén dará unha visión xeral das funcións e actividade diaria nos centros de recuperación de fauna e o seu papel na conservación da biodiversidade.
O seminario ‘Programas de xestión de granxa en gando Vacún’ abordará o 31 de marzo, de 16.00 a 18.00 horas, a xestión da información nas granxas de gando vacún, a fin de presentar estas actividades como posibles competencias a desenvolver nun futuro profesional. Guillermo Lorenzo Díaz será o encargado de impartir a actividade.
Coñecer e incentivar o uso das novas tecnoloxías na gandería de precisión e implementar prácticas sostibles na protección/benestar animal é a meta do seminario ‘Aplicación de sensores e monitorización no gando vacún’, no que tamén se entenderán as necesidades de dixitalización no sector enfocados especialmente aos novos perfís profesionais, e se aplicarán a monitorización e sensorización nas actividades fisiolóxicas dos animais para a obtención de datos útiles na xestión das explotacións. O curso terá lugar o 11 de abril, de 16.00 a 18.00 horas, e será impartido por Elio López García, CEO de Innogando.