Ir o contido principal

Yago Lestido Cardama: «A sustentabilidade do monte non se improvisa: necesitamos cuantificar como o xestionamos»

Yago Lestido é investigador de PROePLA
Yago Lestido é investigador de PROePLA
O investigador do Grupo PROePLA analiza nesta conversa como avanzar na xestión forestal sostible creando ferramentas e metodoloxías nese campo

Yago Lestido Cardama, investigador predoutoral do Grupo de Investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus Terra, focaliza o seu labor investigador no ámbito da xestión forestal sostible, con especial atención á creación de novas metodoloxías que permitan comprender, medir e comparar como se xestionan realmente os montes en distintos contextos produtivos e de conservación.

Enxeñeiro de Montes pola Universidade de Santiago de Compostela, no centro da súa tese está o desenvolvemento dun índice cuantitativo de intensidade de xestión forestal, unha ferramenta pioneira que integra dimensións produtivas, económicas e de dedicación temporal, e que busca abrir novas posibilidades para a toma de decisións no sector forestal.

A partir de modelos silvícolas autonómicos, estatais e mesmo internacionais, Yago investiga como afectan os distintos itinerarios de xestión aos servizos ecosistémicos, ao comportamento do solo ou á capacidade de captura de carbono dos montes.

Actualmente compaxina esta investigación coa docencia en diversas titulacións, nas que aposta por metodoloxías activas orientadas ao desenvolvemento de competencias reais en xestión de proxectos.

-Unha análise do seu currículo sinala que quizais estás a orientar a súa carreira profesional cara á xestión forestal sostible. É así ou hai outras áreas de interese que lle atraen especialmente?

-Así é, a miña investigación está centrada principalmente na xestión forestal sostible, tendo en conta todos as funcións que pode ter o monte, desde a xestión para a produción de bens e servizos até a xestión para a conservación do medio natural.

-Un dos eixos centrais da súa tese é o desenvolvemento dun índice cuantitativo de intensidade de xestión forestal, un ámbito para o que apenas existían metodoloxías consolidadas. Que baleiros científicos busca cubrir con este índice e que posibilidades abre para a toma de decisións no sector forestal?

-Co novo índice de intensidade de xestión forestal preténdese cuantificar de maneira exacta o grao de manexo que se fai dos montes, xa que moitas veces clasifícase a xestión forestal como alta ou baixa, pero poucas ferramentas cuantitativas existen para avaliar estes itinerarios silvícolas e así poder comparalos. 

Ademais este índice ten en conta aspectos tanto produtivos, como económicos e tamén reflexa o tempo que require por parte dos xestores executar os diferentes esquemas de xestión. Polo tanto, esta ferramenta tamén pode servir de apoio á hora de tomar unha decisión sobre que itinerario silvícola vai a escoller o silvicultor en función dos recursos económicos e de tempo dos que dispoña.

-Traballa con modelos silvícolas tanto da Xunta de Galicia como a nivel estatal. Que achega esta combinación de escalas á hora de avaliar os efectos de diferentes escenarios de xestión?

-O que se está a buscar con este índice é que recolla o maior espectro posible de itinerarios silvícolas, para que poidan facerse comparacións a nivel global. Comezamos facéndoo a nivel autonómico para testalo, debido ao elevado grado de definición que teñen os modelos da Xunta de Galicia, e posteriormente testouse a nivel nacional para aumentar ese abano de posibilidades, incluíndo desde a xestión en masas maduras con fins de conservación nos Pirineos, até os cultivos de chopo de curta duración para obtención de biomasa.

Nun futuro pretendemos testalo con modelos silvícolas empregados no noroeste dos Estados Unidos, durante a miña estadía de investigación en Oregón a comezos do ano 2026.

-Participou no proxecto nacional CONGESTION, centrado na relación entre intensidade de xestión e provisión de servizos ecosistémicos. Que aprendizaxes destacaría sobre como se poden equilibrar produción, conservación e sustentabilidade?

-Un dos aspectos destacables é que os modelos multifuncionais que simulan os naturais e incluso os obxectivos de conservación requiren certo nivel de xestión. Podemos dicir que o monte que hoxe temos na maior parte do territorio precisa certo grao de xestión para non caer no abandono. Hoxe en día está bastante demostrado que o abandono é un dos grandes problemas, e moito máis naqueles territorios onde os lumes forestais son unha grande ameaza, como é Galicia.

-Parte da súa investigación incorpora a análise térmica e da calorimetría do solo e a materia orgánica, en colaboración con especialistas en edafoloxía. Que potencial teñen estas ferramentas para avaliar o impacto real da xestión forestal sobre os solos?

-Nun estudo recente estudamos a sensibilidade da análise térmica e a calorimetría para ver a resposta do solo a diferentes intervencións forestais como son as claras e as rozas. Isto demostrou que estas actuacións causan a perda da materia orgánica debido a que favorecen a respiración microbiana do solo, evolucionando esta cara a un estado máis oxidativo. Con isto vemos que o solo é sensible ás prácticas que realizamos nos montes, e que para tomar decisións é importante coñecer como afecta a xestión forestal ao medio edáfico.

Imaxe dun bosque en Galicia

-Actualmente traballa en liñas relacionadas co mercado voluntario de carbono en distintos modelos silvícolas. Como ve o papel do sector forestal galego nestes mercados e que retos científicos quedan por resolver?

-O papel do sector forestal galego é moi relevante debido a que 2/3 do territorio son forestais e en moitos lugares hai altas taxas de crecemento, polo que pode xerar volumes relevantes de captura de CO2 se se aplican modelos silvícolas orientados ao secuestro. Aínda é un mercado emerxente polo que quedan moitas cousas por resolver, mais un dos temas que nos suscita curiosidade son as metodoloxías que se van a empregar para efectuar os pagos aos promotores dos proxectos de carbono.

-Ten impartido docencia en titulacións moi diversas —desde Enxeñaría Forestal ata Robótica ou Bioquímica—, centrada en dirección e xestión de proxectos con metodoloxía PM2. Que valor cree que achega esta competencia transversal ao futuro profesional do alumnado?

-Penso que estas materias poñen ao alumnado en situación antes de aterrar no mercado laboral, xa que fan traballos en grupo que simulan situacións reais en empresas sobre a xestión de proxectos. Levan acabo tarefas que van desde definir o alcance do proxecto até a realización de orzamentos e incluso análises de riscos, ao mesmo tempo que coñecen a lóxica de funcionamento das empresas.

-As súas clases son eminentemente prácticas e dinámicas. Que papel xoga esta metodoloxía activa na adquisición de habilidades aplicadas á enxeñaría e á investigación?

-As clases interactivas axudan a que o alumnado desenvolva as prácticas nun entorno de traballo semellante ao que van a atopar no mundo laboral. Os profesores adoptamos un rol de supervisión e seguimento ao mesmo tempo que imos axudando e aportando feedback constante. Cando teñen dúbidas, procuramos axudar a que desenvolvan habilidades de resolución de problemas e de toma de decisións para levar a cabo os seus proxectos con éxito.

-Que lle diría a un rapaz ou a una rapaza sobre a súa experiencia no Campus Terra tanto como alumno primeiro como agora como investigador e docente?

-Como alumno penso que o Campus Terra ofrece un espazo moi amigable para formarse, xa que na miña experiencia a tranquilidade do entorno e a cercanía e coñecemento dos docentes axudou para estudar grao e máster.

Como investigador e docente diría que a oferta e a especialización do Campus Terra é estratéxica para Galicia, sendo o nicho de grandes profesionais que exercen unha labor clave no desenvolvemento e competitividade de sectores como o gandeiro ou o forestal.

-Mirando cara o futuro, e dende o teu punto de vista, cales considera que son os grandes retos científicos e técnicos para avanzar cara a unha xestión forestal máis sostible, cuantificable e baseada en evidencias?

-Penso que algúns dos problemas que hoxe en día temos que resolver no sector forestal é o abandono do rural, que está levando a grandes problemas como os lumes debido á falta de xestión. Este problema penso que hai que afrontalo amosando a oportunidade que brindan novos mercados como o do carbono, por exemplo, para a rendibilidade do monte. Outros retos pasan por integrar o clima, así como combater as pragas que van chegando ou camiñar cara modelos de xestión multifuncionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2025.