Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 147 Horas de Titorías: 3 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Prácticum Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Didáctica e Organización Escolar, Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
A materia de Prácticas Obrigatorias do Máster en Procesos de Formación pretende achegar ao alumnado á súa futura realidade laboral, a través da inmersión nun dos contextos nos que poderá exercer como profesional, posibilitando a aplicación real do saber, do saber facer e do saber ser adquirido nas distintas materias do Máster. Con esta materia búscase, así, integrar as dimensións teórica e práctica da cualificación profesional que deben promover os estudos superiores.
Este proceso de integración teoría-práctica desenvolverase a través da observación, análise e interacción cos outros profesionais no marco dunha entidade concreta. A materia de Prácticas Obrigatorias ten os seguintes obxectivos:
1. Recoller, analizar e interpretar datos relativos á organización na que se realizan as prácticas e sobre deseños, procesos e resultados formativos que desenvolve ou intenta promover a organización, así como sobre os axentes que as integran, e que sexan
susceptibles de ser usados en iniciativas de cambio e mellora de procesos formativos.
2. Elaborar propostas formativas, de asesoramento, e/ou de elaboración de materiais e recursos con fins formativos acordes coas necesidades, problemas e dilemas detectados no contexto de realización das prácticas.
3. Acompañar a profesionais da formación e do asesoramento, e participar con diferentes responsabilidades en procesos formativos e de innovación acordes coas necesidades da entidade na que se realicen as prácticas con actitude colaborativa e reflexiva.
4. Deseñar e desenvolver procesos de avaliación, innovación e/ou investigación nos centros de realización de prácticas coherentes coas competencias do Máster.
Os contidos susceptibles de ser considerados e abordados de diferentes formas na materia de Prácticas Obrigatorias relaciónanse cos contidos das demais materias do Máster, integrando cuestións teóricas con prácticas nun determinado contexto laboral ligado a procesos formativos e con diferentes profesionais.
Os contidos, en función do Plan de Prácticas concreto de cada estudante e da entidade específica, apoiarán o desenvolvemento das competencias que poidan ser máis axustadas ao perfil profesional ou investigador e, na medida do posible, ligados á realización do Traballo de Fin de Máster.
Bibliografía básica:
Gavari, E. (2012). Estrategias para la comunicación escrita en el prácticum. Editorial Universitaria Ramón Areces.
Iglesias, M.L., Zabalza, M. A. & Raposo, M. (Coords.) (2005). El Prácticum como compromiso institucional. Los planes de prácticas: Prácticum y Prácticas en empresas en la formación universitaria. Actas do VII Symposium Internacional sobre el Prácticum. Servizo de Edición Dixital da Universidade de Santiago de Compostela.
Martín, Mª T., Lara. E. de & Quintanal, J. (Coords.) (2006). El Prácticum en las titulaciones universitarias de educación: reflexiones y experiencias. Dykinson.
Zabalza, M.A. (2013). El Prácticum y las Prácticas en Empresas. En la formación universitaria. Narcea.
Bibliografía complementaria:
Agudo, N. (2017). Formación de formadores para la preparación de profesionales en contextos laborales. [Tesis doctoral]. Universidad de Granada. DIGIBUG. https://digibug.ugr.es/handle/10481/48228
Navío, A. (2005). Las competencias profesionales del formador: una visión desde la formación continua. Octaedro.
Rubio, Mª J., Millan, Mª D., Cabrera, F.A., Navío, A. & Pineda, P. (2011). Training in Spanish organizations: Trends and future perspectives. Intangible Capital, 7(2), 236-260. http://dx.doi.org/10.3926/ic.2011.v7n2.p236-260
Revistas de interese:
Revista de Educación, nº 354, 2011. Exemplar dedicado á formación práctica de estudantes universitarios: repensando o Prácticum.
Revista Prácticum - https://revistas.uma.es/index.php/iop/index
O profesorado supervisor das Prácticas Obrigatorias poderá recomendar outras referencias para o desenvolvemento da materia vinculadas a contextos de prácticas determinados.
Entre as competencias que desenvolve o Máster destacan especialmente para a materia de Prácticas Obrigatorias as seguintes:
Competencias Xerais:
CX3-Adoptar actitudes favorables cara á participación e implicación en procesos de formación e cara á colaboración como pauta de relación profesional.
CX4-Organizar e xestionar a utilización y o funcionamento de recursos humanos, materiais e tecnolóxicos en contornas formativas.
CX6-Asumir un compromiso ético e metodolóxico coa práctica científica e profesional.
CX11-Actuar con rigor, obxectividade e cautela á hora de emitir xuízos atendendo aos valores democráticos.
CXG12-Desenvolver unha actitude crítica na actuación profesional.
Competencias Específicas:
CE5-Desenvolver unha actitude positiva cara á incorporación das técnicas e/ou procedementos de recollida de información no traballo profesional.
CE7-Participar de forma colaborativa no desenvolvemento do coñecemento científico, empregando unha linguaxe formal científica e promovendo a transferencia dos resultados da investigación educativa á práctica profesional.
CE12-Axudar a outros profesionais na elaboración de programas de formación tomando como soporte os medios e redes de información e comunicación.
CE13-Deseñar materiais didácticos e contornas formativas en rede axustados ás características dos suxeitos e os contextos nos que van ser implementados.
CE14-Elaborar e utilizar dispositivos de avaliación diagnóstica das características de suxeitos e colectivos en relación aos seus coñecementos, destrezas, valores, actitudes así como dos seus comportamentos, necesidades, cualidades e outras características que permitan xustificar e fundamentar a acción educativa que de dita detección se derivara.
Nas prácticas en contextos laborais desenvólvense distintas actividades e tarefas tanto referidas á organización receptora de cada estudante, como ás e aos profesionais cos que interacciona -especialmente ao titor o titora de prácticas-, e as actividades relacionadas con procesos formativos.
Entre as tarefas e actividades destacan aquelas vinculadas con:
- Experiencias, vivencias, necesidades, problemas e dilemas dos profesionais.
- Modelos formativos, de asesoramento, de innovación e de investigación.
- Planificación de propostas formativas, actividades, interaccións, materiais, recursos dos profesionais.
- Coñecemento profesional, análise e resolución de problemas prácticos ligados a procesos formativos.
- Organización do material, tempo, espazo e ambientes en relación con procesos formativos.
- Procesos e dinámicas formativas, de innovación e investigación.
- Prácticas na organización e procesos colaborativos de avaliación, cambio e mellora da formación e o asesoramento: condicionantes, estratexias, problemas e resistencias.
O desenvolvemento da estadía de prácticas establécese nun período concreto do 2º cuadrimestre e durante a mesma non se imparten clases doutras materias do título. Dito período, obrigatorio para todo o alumnado matriculado na materia, no curso 2024-2025 será do 23 de abril ao 28 de maio de 2025 (ámbolos dous incluídos).
A materia de Prácticas Obrigatorias conta cunha Guía específica na que se amplían os apartados deste Programa e que se presentará ao alumnado e serve de pauta e apoio para o desenvolvemento da materia.
A avaliación realizarase atendendo aos seguintes aspectos:
- Seguimento do período de prácticas: seguimento da implicación e do traballo individual de cada estudante por parte do supervisor ou da supervisora universitaria. Será obrigatorio asistir, como mínimo, a unha titoría co supervisor ou a supervisora. A porcentaxe na cualificación final da materia desta dimensión será como máximo do 10%.
- Elaboración dunha Memoria de Prácticas, que incluirá o Proxecto e as tarefas realizadas. A porcentaxe deste aspecto na cualificación final será como máximo do 80%.
- Informe avaliativo do titor ou da titora de Prácticas, segundo modelo establecido, que se lle facilitará. A súa recepción será unha condición imprescindible para cualificar a cada estudante e terá unha porcentaxe máxima na cualificación final da materia do 10%.
Será obrigatorio cumprir as condicións e os prazos establecidos na Guía da materia para a entrega das tarefas.
A carga en créditos das Prácticas Obrigatorias do Máster Universitario en Procesos de Formación é de 6 ECTS.
O traballo académico necesario previsto para o seu desenvolvemento indícase a continuación:
Actividades preparatorias e de titorización na Universidade ------- 4 horas
Estadía na institución asignada ----------------------------------- 130 horas
Elaboración da Memoria e do Proxecto ---------------------------- 16 horas
Total de horas de estudo e traballo persoal ---------------------- 150 horas
Seguir as orientacións recibidas polo supervisora ou a supervisora nas titorías na Universidade e polas e polos profesionais que exerzan como titoras e titores no centro de Prácticas.
O horario de titoría estará exposto nos seus despachos e na páxina web da Facultade.
As tarefas de supervisión das Prácticas adecuaranse ao encargo docente recoñecido pola Reitoría por estudante, aínda que este recoñecemento sexa considerado insuficiente dado o tipo e o número de tarefas encomendadas ao profesorado supervisor (preparación da estadía de prácticas co alumnado, coordinación cos titores e titoras dos centros de prácticas, seguimento e avaliación).
COMUNICACIÓN:
Para contacto co profesorado supervisor por correo electrónico será imprescindible utilizar o enderezo electrónico de dominio rai.usc
Será obrigatorio o uso das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras facilitadas pola Facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola Universidade (Lifesize, etc.)
Non se poderá empregar o teléfono móbil, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polas docentes, responsabilizándose ao alumnado das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse dun emprego non axeitado do mesmo.
O proceso de ensino-aprendizaxe (clases/titorías) é privado, entendendo como tal un proceso de comunicación e intercambio entre a docente e o estudantado matriculado na materia.
PROTECCIÓN DE DATOS
Será obrigatorio cumprir coa normativa vixente na USC para a protección de datos (https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos)
RESPONSABILIDADE MEDIOAMBIENTAL
En relación aos traballos persoais ou de grupo que se realicen para a materia se terán en conta as seguintes indicacións:
- Evitar as tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
- Sempre que sexa posible, empregaranse grampas en lugar de encanutillados.
- Imprimir a dúas caras en calidade “aforro de tinta”.
- Non empregar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
- Evitar anexos que non teñan referencia directa cos temas tratados no traballo.
PERSPECTIVA DE XÉNERO
En atención a criterios de igualdade de xénero no ámbito universitario, recomendase facer uso da linguaxe non sexista tanto no tempo de estadía nos centros de prácticas como nos traballos académicos encomendados (memorias, proxectos...) Pode obterse información ao respecto no enlace: http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/oix/descargas/lingua…
PLAXIO E USO INDEBIDO DAS TECNOLOXÍAS NA REALIZACIÓN DE TAREFAS OU PROBAS
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.