O Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE) é un centro propio da Universidade de Santiago de Compostela, promovido por oito grupos de investigación e constituído oficialmente por decisión do Consello de Goberno o día 25 de marzo de 2010.
O CIPCCE ten encomendado o estudo científico dos fenómenos de emerxencia artístico-literaria e, máis en xeral, dos procesos culturais emerxentes. A prioridade fíxase na emerxencia literaria, artística e cultural no mundo actual, sen restrición a marcos territoriais ou lingüísticos específicos, polo que o ámbito de investigacións abrangue coordenadas abertas, entre o local e o global, referidas a manifestacións de carácter nacional ou internacional, así como a prácticas culturais asociadas a comunidades, colectivos ou mesmo axentes individuais.
O CIPPCE ocúpase igualmente de analizar a reacción das disciplinas tradicionais perante as novas realidades culturais sinaladas e a aparición correlativa de alternativas metodolóxicas e heurísticas.
O Centro ten a súa sede nas dependencias da Facultade de Filoloxía, á que están adscritos cinco dos oito grupos de investigación promotores.