
As sesións de divulgación científica 'Xoves de Ciencia e Cañas' volven á cafetaría da Facultade de Veterinaria o 27 de marzo, ás 18.00 horas. Patricia Cazón Díaz, investigadora posdoutoral da área de Tecnoloxía dos Alimentos; Mercedes Novo, catedrática da USC e pertencente á área de Química Física; e Ana Barreiro Buján, investigadora posdoutoral da área de Edafoloxía e Química Agrícola serán as relatoras da vindeira sesión.
As profesoras Ana Fresno e Marta Prado organizan esta actividade, co apoio da asociación de estudantes Agromar, que aspira a converterse nunha cita ineludible coa divulgación científica o último xoves de cada mes no Campus de Lugo. De feito, dende a organización poñen o foco en que este evento servirá para “saber que se investiga no Campus Terra, establecer conexións entre o persoal investigador, ou descubrir a infraestrutura coa que conta cada centro”. Ademais, o foro permitirá obter ideas á hora de decantarse por un tema ou outro na realización de Traballos Fin de Grao ou Fin de Mestrado, información sobre bolsas, ou respostas a múltiples dúbidas relativas ao eido investigador.
