Ir o contido principal

Unha nova Unidade Asociada de USC e CSIC abordará a dinámica dos antibióticos ionóforos nos solos galegos

O grupo da EPS de Enxeñaría ten unha dilatada experiencia nos procesos de degradación, adsorción e desorción de contaminantes de diferente índole en solos agrícolas e forestais de Galicia
O grupo da EPS de Enxeñaría ten unha dilatada experiencia nos procesos de degradación, adsorción e desorción de contaminantes de diferente índole en solos agrícolas e forestais de Galicia
A profesora do Campus Terra na EPS de Enxeñaría, Esperanza Álvarez Rodríguez, lidera este equipo que dá continuidade a unha liña de investigación conxunta iniciada en 2016
Lugo

USC e Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) abordarán de xeito conxunto os problemas ambientais relacionados co uso de antibióticos ionóforos. Este será o obxectivo primordial da Unidade Asociada ‘Ecoloxía Microbiana de Solos’ co que ambas as institucións profundarán, por exemplo, nos problemas ambientais que poden provocar os anticoccidios empregados en produción animal e implementarán medidas de control utilizando materiais residuais que actúen como bioadsorbentes deses fármacos, de modo que os reteñan e eviten a súa entrada na cadea alimentaria. A responsable desta Unidade é Esperanza Álvarez Rodríguez, catedrática da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, mentres que a investigadora responsable por parte do CSIC é Montserrat Díaz Raviña, investigadora científica na Misión Biolóxica de Galicia e xefa do grupo Bioquímica e Calidade de Solos.

A colaboración entre os grupos de ambas as institucións, que agora se verá reforzada a través da figura da Unidade Asociada, remóntase ao ano 2016, co estudo problemática e da mitigación do impacto ambiental dos antibióticos de uso veterinario (tetraciclina e sulfonamida) e humano (amoxicilina, cefuroxima, ciprofloxazina, azitromicina, claritromicina, trimetoprima) presentes en excrementos animais (estercos e xurros)  e lodos de depuradora utilizados como abono nos solos de Galicia. Continuando con esta liña de investigación, nos próximos tres anos abordarase outro tipo de contaminantes emerxentes, os antibióticos ionóforos, centrándose na súa dinámica nos solos de Galicia e os seus efectos sobre o sistema solo-microorganismo-planta. Tamén se desenvolverán técnicas de baixo custo utilizando subproductos derivados da industria (cuncha de mexillón, cortiza de piñeiro e cinzas de biomasa) para minimizar o impacto destes contaminantes.

O grupo da EPS de Enxeñaría ten unha dilatada experiencia nos procesos de degradación, adsorción e desorción de contaminantes de diferente índole en solos agrícolas e forestais de Galicia. Pola súa parte, o grupo de MBG-CSIC desenvolveu unha longa traxectoria de investigación en bioquímica, calidade e conservación de solos. Unha das liñas actuais é a dinámica e o impacto dos contaminantes orgánicos e inorgánicos no solos, con especial énfase no estudo da ecoloxía das comunidades microbianas.

“A confluencia destas liñas de investigación en ámbitos de estudo complementarios, reforzada por unha multidisciplinaridade do persoal investigador integrante constitúe unha sólida base inicial na que asentar a creación da Unidade Asociada proposta, promovendo así o manexo sostible e a recuperación destes solos contaminados”, destacan desde ambos os grupos de investigación.

O equipo da USC complétano María Fernández Sanjurjo, Avelino Núñez Delgado, Ana Barreiro Buján, Raquel Cela Dablanca, Ainhoa Míguez González, Héctor Rivada e María Jesús Vázquez Celeiro. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.07.2024.