Ana Barreiro: «O uso de antibióticos na cría de gando pode supoñer un risco de contaminación»
O solo é esencial para a vida. Ulises, que se axeonllou para bicalo tan pronto regresou a Ítaca, sabíao mellor que ninguén. Na terra medran os alimentos e eríxense os fogares. Pero as actividades humanas deixan nela unha pegada moi profunda. Ana Barreiro dedícase a observala moi de preto.
Licenciada en Bioloxía e doutora cum laude en Medio Ambiente e Recursos Naturais, a investigadora do Campus Terra centrou a súa tese no impacto dos axentes de extinción de incendios e das prácticas de restauración post-incendio sobre a microbiota do solo. No 2017 viaxou ata Suecia para continuar coa súa carreira na Universidade Sueca de Ciencias Agrícolas (SLU) e, tras catro anos, volveu á súa universidade de orixe cun contrato Juan de la Cierva.
Na actualidade, Ana Barreiro forma parte da Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES), onde analiza como os usos humanos dos solos afectan aos microorganismos e examina a influencia dos antibióticos usados para o gando e en medicina humana, que poden chegar aos solos a través de xurros e lodos de depuradora e de aí poden incorporase na cadea trófica.
A doutora conxuga estas liñas de investigación coa participación nun grupo de expertos da Comisión Europea e coa docencia, pois imparte clases sobre Xeoloxía e Climatoloxía no Grao en Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria e no Grao en Enxeñería Forestal e do Medio Natural do Campus Terra.
Aínda así, Ana Barreiro logra atopar tempo para cultivar a súa afección pola música tradicional galega. En concreto, pola pandeireta, instrumento que tocaba nun grupo de música folk. E, para manter os pés na terra, asiste a clases de baile tradicional nunha asociación de Lugo.
Conversar con ela, sen dúbida, axúdanos a comprender mellor o mundo que pisamos…
-Vostede é especialista en ecoloxía microbiana e a responsable do Laboratorio de Microbioloxía do Solo da EPSE no Campus Terra. Cales son as bases do seu traballo? En que actividades están centradas?
-Son responsable de un laboratorio de microbioloxía do solo que está na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. O meu traballo céntrase na análise de como os microorganismos do solo, que son indispensables para ter un solo san, produtivo e con capacidade para fixar C atmosférico, se ven afectados polos manexos que facemos dos mesmos, tanto forestais como agrícolas, dende o punto de vista da actividade microbiana e da estrutura da comunidade.
-Un dos últimos proxectos de investigación do grupo UXAFORES ao que pertence céntrase en analizar a contaminación dos solos derivada do uso de antibióticos no gando. Cal é a dimensión do problema? Xorde esta investigación dalgunha aproximación previa ou van valorar a realidade do mesmo?
-O uso de antibióticos na cría de gando pode supoñer un risco de contaminación por estes compostos no medio ambiente, porque os animais poden excretar ata un 85% polas feces e os ouriños acabando nos estercos e xurros que se engaden aos solos agrícolas como fertilizantes. Existe un risco de transferencia dos antibióticos do solo á planta, pero iso vai depender das propiedades do solo e das do fármaco.
Neste sentido, moitos solos teñen unha elevada capacidade de adsorción dalgúns antibióticos evitando a súa entrada na cadea alimenticia; senón poden afectar á saúde medioambiental e incluso á saúde humana; pero o problema máis grave que causan é a xeración de bacterias resistentes a antibióticos.
España está entre os países de Europa onde máis antibióticos se lle subministra aos animais de granxa e Galicia non é unha excepción. Visto o alcance do problema, a propia Unión Europea propuxo unha lei no 2022 que regule e limite o uso destes fármacos. Sen embargo hai unha excepción, os antibióticos ionóforos, que se usan para loitar contra a coccidiose. Estes compostos poden seguir usándose como aditivos na comida dos animais, cousa prohibida co resto de antibióticos, e non necesitan prescrición veterinaria.
O proxecto no que estamos a traballar busca detectar a presencia de antibióticos en solos fertilizados con xurros e estercos de animais medicados, centrándonos especialmente nos anticoccidios. O noso obxectivo é valorar como está a situación en Galicia respecto a estes compostos, pero partimos dun proxecto previo do grupo onde se detectou a presencia de antibióticos de uso humano en solos onde se engadiron lodos de depuradora.
-No caso de que detecten alteracións significativas dos solos en determinadas zonas cunha actividade gandeira relevante, como se podería combater o problema? Non parece fácil atenuar o uso de antibióticos na industria non si?
-Unha da maneiras de combater o problema sería favorecer a adsorción dos antibióticos polos solos, para así evitar o seu paso os cultivos ou a cursos de auga. Neste sentido, neste proxecto tamén imos estudar como podemos utilizar distintos subprodutos das industrias agro-forestais e alimentarias como bioadsorbentes destes compostos. Traballamos con subprodutos como a cuncha de mexillón, cinza e cortiza de madeira, ou residuos da produción de aceite de oliva.
O uso de antibióticos na industria favorece que os animais estean sans e sexan produtivos, pero si sería posible atenuar o seu uso, se foran aplicados con máis precisión, medicando só aos animais que realmente están enfermos, pero non é fácil iso é certo. As normativas a nivel europeo seguen este camiño, polo cal eu espero que a medio-longo prazo esta sexa unha realidade.
-Incorporouse ao grupo UXAFORES no ano 2021 cunha axuda Juan de la Cierva, como valora esta etapa despois de 3 anos de traballo?
-A valoración é moi positiva. No ámbito profesional integreime nun grupo moi activo, que fai investigación en distintos temas, favorece a colaboración con investigadores doutros campos e apoian aos investigadores máis novos, como é o meu caso. No ámbito máis persoal, o ambiente de traballo é inmellorable, en xeral estou moi contenta de ser parte de UXAFORES.
-UXAFORES é un grupo de investigación 360: solos, nutrición vexetal, planificación forestal, usos da madeira, pragas, incendios… Hoxe máis que nunca o que vostedes fan, que é en definitiva coidar do planeta e, por extensión, da sociedade no seu conxunto, é máis crítico e decisivo que en ningún outro momento da historia. Son conscientes diso?
-Non sei ata que punto somos conscientes ou non da importancia da nosa investigación, supoño que depende da persoa. No meu caso, creo que o que fago é importante para coñecer mellor os nosos solos, que son a base da vida, e tamén creo na importancia de divulgar este coñecemento os distintos axentes sociais.
O cambio climático chegou para quedar, e estudos como os que se realizan no noso grupo son clave para coñecer e coidar mellor o medio ambiente nesta situación adversa.
-Entre o 2017 e o 2021 traballou na Universidade Sueca de Ciencias Agrícolas, como valora esa etapa da súa vida? Con que se queda da súa estancia en Suecia?
-Foi unha etapa moi boa, da que teño recordos moi bonitos. Traballei con xente de moitos países diferentes, que a día de hoxe aínda son amigas e amigos. Aprendín cousas novas, superando os distintos retos que me foron poñendo no camiño, o que me axudou a medrar como investigadora. Da estancia quédome coa xente que tiven a sorte de coñecer, e da noción de que non hai unha soa maneira de traballar en ciencia, e todas son válidas.
-Na SLU traballou no proxecto internacional Bioinvent e o seu labor foi clave porque estableceu a técnica PLFA que determinou o éxito da iniciativa. En que consistiu esa achega?
-Aprendín esta técnica, que consiste na caracterización da comunidade microbiana dos solos mediante o seu perfil de ácidos grasos, durante a realización da miña tese de doutoramento no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, do CISC.
Cando me incorporei ao proxecto Bioinvent na SLU, esta técnica formaba parte da proposta, pero non estaba posta a punto nos laboratorios da universidade, tarefa da cal me encarguei eu.
Unha vez posta a punto, analizamos con éxito as 348 mostras de diferentes pradeiras do proxecto e publicamos os resultados nunha revista científica.
-Tamén é membro dun grupo de expertos de alto nivel da Comisión Europea no que establecen recomendacións para deseñar e estruturar as propostas lexislativas relacionadas coa agricultura ecolóxica. Cal é o seu papel dentro deste grupo e cara a onde se encamiñan as súas propostas?
-O nomeamento como membro deste grupo é bastante recente. O meu papel consiste, xunto con outras investigadoras e investigadores de distintos países de Europa, en facer recomendacións baseadas no coñecemento científico e elaborar informes coas mesmas que son postos a disposición dos distintos estados membros da Unión Europea. Agora mesmo estamos traballando sobre a regulación dos fertilizantes que se usan na agricultura ecolóxica.