O Campus Terra amosa en Asturias como crear emprego a través do aproveitamento de recursos forestais como a castaña e a resina
O proxecto ‘Castaña e resina como aproveitamento multifuncional para impulsar a xestión forestal activa e o desenvolvemento rural no noroeste peninsular’ (CARES), impulsado dende a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo, dá un novo paso no seu obxectivo de xerar emprego de calidade a través do aproveitamento complementario de diversos recursos forestais nos montes do noroeste peninsular. A xornada de presentación do proxecto que se desenvolverá o vindeiro 12 de setembro, na Casa da Cultura da localidade asturiana de Cangas de Narcea, servirá non só para dar conta das liñas fundamentais sobre as que se artella CARES, senón tamén para amosar algúns dos traballos que xa se están a executar. Este é o caso das parcelas de innovación e de rendementos en Asturias, Galicia e León, nas que, no que respecta ao aproveitamento da resina, están a realizarse probas con sistemas mecanizados de pica circular e trade en profundidade (Bore hole) e medindo os seus rendementos. A inscrición na xornada pode formalizarse a través dun formulario en liña.
Tal e como explican dende o proxecto, a actividade da extracción da resina rexorde en España a partir do ano 2010, reforzando o sector en zonas xa existentes como a Meseta Castelá e introducíndose en novas zonas de actuación de toda a Península Ibérica. O noroeste peninsular conforma unha das zonas estratéxicas de cara ao asentamento e estabilidade do sector a nivel estatal, debido a que se dispón dunha enorme superficie de piñeiral onde este aproveitamento pode tomarse como un complemento ao aproveitamento madeireiro xa existente.
A rendibilidade que presentan os piñeirais existentes nas comunidades autónomas do noroeste da Península Ibérica está condicionada á existencia dunha silvicultura activa para produción de madeira de calidade. “O abandono do medio rural xunto co risco de incendios forestais, así como a falta dunha silvicultura máis activa, fan que a rendibilidade destes piñeirais sexa moi axustada e na maioría dos casos, mesmo deficiente”, afirman dende CARES. Nestas condicións, a introdución de aproveitamentos non madeireiros nos modelos silvícolas de xestión dos piñeirais atlánticos axudaría a dotalos de maior multifuncionalidade, facilitando a desexada silvicultura activa, mitigando os riscos da masa, ao mesmo tempo que se crea man de obra.
O avance tecnolóxico levado a cabo nos últimos anos dentro de distintos proxectos de innovación derivou no desenvolvemento de metodoloxías de extracción de resina mecanizadas, máis sinxelas de aprender e de executar que os métodos tradicionais. Estas técnicas melloran a calidade de vida das persoas traballadoras e permiten obter un produto de alta pureza que algunhas empresas comezan a valorizar cun incremento do prezo en fábrica sobre os prezos habituais de mercado. Por todo iso, este proxecto, explican dende CARES, pretende transferir todo o coñecemento xerado nos últimos anos.
Esta iniciativa de I+D, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), está financiada pola Unión Europea con máis de 1,6 millóns de euros a través dos fondos NextGenerationEU. Conforman o consorcio promotor do proxecto CARES, liderado polo Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira (Cetemas), o grupo PROePLA da USC, a Fundación Cesefor, a entidade de certificación forestal PEFC e Juntas de Montes de Asturias.
Programa
Na sesión que botará a andar a partir das 10.30 horas, Amelia González Arrojo da Fundación Cetemas será a encargada de presentar as liñas mestras do proxecto. A continuación, Aída Rodríguez García da Fundación Cesefor profundará na resina, castaña e biomasa como aproveitamentos compatibles temporalmente para crear emprego de calidade e longa duración. O profesor Manuel Marey Pérez, do grupo de investigación PROePLA do Campus Terra da USC, abordará o desenvolvemento e implementación de modelos técnicos económicos de produtos complementarios coa resina; mentres que Manuel Marín de PEFC España, acometerá o desenvolvemento da marca resina natural de Europa en función de criterios de xestión forestal e a calidade da resina.
O aproveitamento resineiro como complemento dunha xestión forestal activa será obxecto de análise para Ovidio Queiruga de MVMC Baroña – Porto do Son; mentres que Sara Varela Romeu de Souto Activo disertará sobre a recuperación e posta en produción da castiñeira de Vilar, de Folgoso do Courel. Unha mesa redonda sobre estratexia e directrices para implantar aproveitamentos complementarios temporalmente na Comunidade autónoma de Asturias, a cargo de Juan Pedro Majada Guijo da Fundación Cetemas e Mª Dolores Hidalgo Fernández da JUMA, culminará un programa que se pechará coas conclusións e coa sesión de clausura na que intervirá o técnico forestal Cristóbal Valdés Amberes.