O Campus Terra pon a proba a agudeza sensorial aplicada a produtos lácteos
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC (APLTA) segue poñendo a proba a agudeza dos sentidos a través dun obradoiro teórico-práctico sobre análise sensorial de produtos lácteos incluído no Plan Formativo Campus Terra 2024. A acción foi impartida o xoves 9 por M.ª Paz Fernández-Albalat Ruiz, responsable do laboratorio de análise sensorial da APLTA, e permitiu afondar na fisioloxía da percepción así como na análise sensorial aplicada a leite, iogures, manteiga e queixos.
O proceso de avaliación e comprensión das propiedades sensoriais dos alimentos (aparencia, aroma, sabor, textura e mesmo o son que emiten) posibilita a tradución das experiencias sensoriais subxectivas en datos obxectivos e cuantificables. “Malia que a formación en análise sensorial é escasa en España, é un campo moi demandado pola industria alimentaria porque aumenta a súa competitividade e axuda a tomar decisións estratéxicas, nomeadamente na liña da investigación da resposta dos consumidores”, explican dende a APLTA da USC.
Ademais de para explorar as preferencias do consumidor, a análise sensorial utilízase nas empresas para desenvolver produtos novos, mellorar os xa existentes ou os seus procesos de elaboración, seleccionar novos provedores, estudar o mantemento da calidade, controlar a estabilidade organoléptica durante a vida útil dos produtos, comparar un produto co dun competidor ou estudar reclamacións de clientes. Despois de realizar probas de agudeza visual e de traballar as sondas discriminativas e os limiares sensoriais, o alumnado do curso procedeu a avaliar sensorialmente leite, iogures, manteiga e diferentes tipos de queixo seguindo as pautas indicadas pola formadora.
O Campus de Especialización Campus Terra da sede universitaria luguesa, financiado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, busca ampliar as competencias do seu estudantado e PDI, así como do tecido empresarial e dos axentes produtivos coa posta en marcha dun programa de accións formativas estruturado en diversos cursos de temáticas específicas que se desenvolverán ao longo deste ano 2024. Atendendo ás necesidades formativas dos sectores profesionais da economía galega, o Campus Terra optou por incluír unha vez máis o obradoiro teórico-práctico de análise sensorial neste programa de formación anual que inclúe preto de 40 accións, entre cursos monográficos, seminarios e talleres, sobre temáticas relacionadas coas liñas estratéxicas da actividade investigadora e docente que se desenvolve no Campus de Lugo da USC.