O Campus Terra presenta a súa oferta docente na primeira edición da Feira de Educación, Formación e Emprego de Lugo
A oferta docente e de servizos do Campus de Lugo da USC ten o seu propio espazo expositivo na primeira edición da Feira de Educación, Formación e Emprego que se desenvolve os días 23 e 24 de maio no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. O foro diríxese a alumnado preuniversitario, familias, profesionais do ensino, centros educativos, formadores, empresas do sector e público en xeral.
Segundo a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, o que se pretende é dar a coñecer as titulacións que se imparten na sede universitaria luguesa, así como a súa actividade investigadora e de servizos. Nesta liña, a feira contará con stands nos que se poderá profundar na actividade de grupos como XuvenCiencia, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) ou a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE). Ademais, en cada un dos espazos expositivos, o estudantado poderá acceder a demostracións sobre a actividade de cada centro. Así, a feira acollerá actividades sobre a saúde das plantas, contaminación por microplásticos, aplicacións escáner láser terrestre, modelos animais, novas tecnoloxías aplicadas ao estudo do patrimonio, modelos para a realización de primeiros auxilios, gafas 3D, ou un amplo repertorio bibliográfico e divulgativo, entre outros materiais expositivos.
Ademais, a enxeñeira agrónoma Cristina Cabaleiro, o enxeñeiro de montes César Cruzado, o profesor da Facultade de Ciencias José Vázquez Vila e Miguel González Pereira da Facultade de Humanidades imparten diversos relatorios durante a primeira xornada da feira. O venres 24 será a quenda de Marta Prado da Facultade de Veterinaria, Ana Fresno que imparte docencia no grao en Bioquímica, Patricia López da APLTA e Roberto Iglesias, coordinador do grao en Robótica.
Agárdase que participen nesta iniciativa os centros integrados de FP CIFP As Mercedes (Lugo), CIFP Politécnico de Lugo e CIFP Porta da Auga (Ribadeo); os institutos IES Monte Castelo (Burela), IES da Terra Chá, José Trapero Pardo (Castro de Rei), IES de Foz (Foz), IES Sanxillao (Lugo), IES Lucus Augusti (Lugo), IES San Rosendo (Mondoñedo), IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e IES Río Cabe (Monforte de Lemos); o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, o Conservatorio de Música Xoán Montes (Lugo), a Escola Oficial de Idiomas de Lugo e a Escola de Artes e Superior de Deseño Ramón Falcón.
O obxectivo deste evento, organizado polo Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e coorganizado pola Xunta de Galicia, é proporcionar información, asesoramento e orientación para facilitar unha adecuada elección a todas aquelas persoas que se atopan ante a toma de decisións do seu futuro profesional, así como facilitar as ferramentas necesarias para que o estudantado decida eficazmente o seu futuro formativo e profesional.