Ir o contido principal

Case trinta anos de reflexión arredor da química orgánica sintética con epicentro en Lugo

A Conferencia contempla dous galardóns dirixidos a recoñecer o mellor traballo e a mellor presentación. FOTO: Santi Alvite
A Conferencia contempla dous galardóns dirixidos a recoñecer o mellor traballo e a mellor presentación. FOTO: Santi Alvite
O Campus Terra da USC acollerá no mes de novembro o foro ECSOC28 que se desenvolve en liña e para o que se poden enviar resumos ata o 26 de xullo
Lugo

A química orgánica sintética é unha ciencia esencial no desenvolvemento da humanidade, pois céntrase na fabricación de compostos orgánicos. Especialistas de todo o mundo debaterán os últimos achados neste ámbito no marco da vixésimo oitava edición da Conferencia Electrónica Internacional ECSOC28 (International Electronic Conference on Synthetic Organic Chemistry). Este é un foro de intercambio de coñecemento coordinado polos investigadores do grupo Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do Campus Terra da USC Julio A. Seijas Vázquez e Pilar Vázquez Tato. O encontro desenvolverase en liña do 15 ao 30 de novembro e o prazo para o envío de resumos finaliza o 26 de xullo segundo as directrices establecidas na páxina web deste evento que botou a andar no ano 1997.

A Conferencia proporciona á comunidade científica unha plataforma aberta, a xeito de conferencia académica sen barreiras xeográficas, para o debate e a discusión no campo da química orgánica. As singularidades propias do formato en liña da ECSOC, cuxo escenario de debate está aloxado nunha plataforma web, favorece e fomenta a participación dunha audiencia diversa e global, sinala Seijas Vázquez, ao tempo que precisa que todas as contribucións científicas recibidas son supervisadas previamente por un comité de especialistas. Na edición do ano pasado rozáronse as 200 comunicacións e agárdase que en 2024 as cifras sexan similares. 

A edición deste ano estrutúrase nos seguintes eidos temáticos: síntese orgánica xeral, química de produtos bioorgánicos, medicinais e naturais; síntese asistida por microondas; polímeros e química supramolecular; e química computacional. Os traballos admitidos preséntase logo a debate como carteis electrónicos, presentacións de diapositivas ou vídeos, achegas respecto das que as persoas interesadas poden interactuar cos responsables da súa autoría a través dunha plataforma de discusión en liña. O novo enfoque sustentable de conferencias académicas que representa a ECSOC permite o acceso libre a todo o material (presentacións, resumos...) e favorece o intercambio científico sen deixar pegada de carbono, salienta o catedrático da USC Julio A. Vázquez Seijas, que se refire á ECSOC como “unha plataforma inclusiva”.

Premios

A Conferencia contempla dous galardóns dirixidos a recoñecer o mellor traballo e a mellor presentación de entre un total de seis finalistas. Ademais, a publicación Chemistry Proceedings acollerá a publicación das achegas xurdidas ao abeiro deste foro. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2024.