O centro Yuzz-Lugo inaugura no Campus Terra da USC a súa primeira edición no programa Santander Yuzz ‘Mozos con ideas’
O Centro Yuzz Lugo inaugura o martes 21 a súa primeira edición do programa Santander Yuzz ‘Mozos con ideas’, a oitava en toda a historia do programa, nunha sesión que terá lugar ás 17.00 horas na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra e que presidirá o reitor da USC Juan Viaño. No acto, tamén intervirán a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús; a presidenta da delegación Secot (Voluntariado Senior de Asesoramento Empresarial) de A Coruña, Aurea López Tocino; o director de xestión do CISE (Centro Internacional Santander Emprendemento), Manuel Redondo García; o director da oficina universitaria do Banco Santander, Javier Caldeiro Pérez; e a decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra, Begoña Barreiro.
Persoas de entre 18 e 31 anos de Lugo son os destinatarios de esta edición do programa Santander Yuzz ‘Mozos con ideas’ que impulsa o talento e a xeración de ideas innovadoras entre a mocidade. O programa está promovido polo Banco Santander a través do Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) co apoio local da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Santiago e Lugo) e a Xunta de Galicia.
Da magnitude desta iniciativa dá conta a creación de 500 empresas ou a incorporación de preto de mil emprendedores con mil proxectos en toda España. A través de 20 proxectos, as 35 persoas seleccionadas benefícianse do acceso a un espazo coworking de alto rendemento na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra, onde contan con espazo físico para desenvolver a súa idea e relacionarse con outros emprendedores, ademais de recibir formación en innovación e modelos de negocio por unha rede de máis de 200 expertos profesionais. Durante esta estadía, reciben asesoramento personalizado para o desenvolvemento do seu proxecto.
Para a selección de participantes realizáronse entrevistas persoais tras unha preselección baseada na valoración de aspectos como o perfil emprendedor, a traxectoria persoal, a súa capacidade para comunicar a idea proposta, o compoñente innovador do proxecto, a súa creatividade e o potencial de crecemento do negocio. Unha vez finalizado o proceso de formación e apoio, o mellor proxecto emprendedor do centro Yuzz Lugo, realizará unha viaxe a Silicon Valley, o referente internacional máis importante en innovación e emprendemento, onde se lle brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ademais, os tres mellores proxectos nacionais recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o desenvolvemento do seu negocio. Tamén se outorgará o premio Yuzz Muller con 20.000 euros máis e que se concederá ao mellor proxecto liderado por unha muller.