Ir o contido principal

O ciclo Luis Asorey abordará a repercusión da alimentación e o medio ambiente na saúde

O ciclo abordará, entre outros contidos, as diferenzas e similitudes entre a dieta atlántica e a mediterránea
O ciclo abordará, entre outros contidos, as diferenzas e similitudes entre a dieta atlántica e a mediterránea. FOTO: Santi Alvite
O profesor emérito da USC Antonio Rigueiro coordina esta iniciativa que conta co apoio do Campus Terra e que bota a andar o luns 18
Lugo

O Campus Terra da USC colabora coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, na organización das ‘XXXV Xornadas Luis Asorey’, centradas nesta edición na importancia da alimentación, o medio ambiente e a saúde. As sesións desenvolveranse do 18 ao 27 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo, en horario de 19.00 a 21.00 horas. Segundo o coordinador desta iniciativa, o profesor emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, presidente da Asociación Forestal de Galicia e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, “entre as misións da Real Academia Galega de Ciencias está a de divulgar a ciencia e a incorporación do coñecemento científico á sociedade, como coadxuvante do desenvolvemento socioeconómico. No marco desta misión encádranse as Xornadas Luis Asorey”.

“Seguindo a tradición de que as xornadas Luis Asorey se centren en temáticas relacionadas co campus universitario de Lugo, este ano abordamos o tema da alimentación, o medio ambiente e a saúde, aspectos relacionados con varias das titulacións que se imparten no Campus Terra”, engade. Este é o caso do grao en Nutrición Humana e Dietética e o mestrado universitario en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria (Facultade de Ciencias), grao en Veterinaria (Facultade de Veterinaria) e grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e mestrado Universitario en Enxeñaría Agronómica (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría), “e tamén coas competencias profesionais dos egresados das mesmas”, sinala o profesor.

“No transcurso destas xornadas afondarase en temas de interese para o estudantado, profesorado e persoas egresadas desas e doutras titulacións universitarias e preuniversitarias, e para a cidadanía en xeral, pois sentimos preocupción pola saúde e sabemos que a alimentación e o medio ambiente teñen moito que ver con ela”, indica Antonio Rigueiro. Así, trataranse as diferenzas e similitudes entre a dieta atlántica e a mediterránea, as vantaxes nutricionais e para a saúde dos produtos ecolóxicos, a importancia da alimentación na infancia e no envellecemento, e tamén de cara a previr doenzas endócrinas e a obesidade, a influencia da alimentación e do medio ambiente no desenvolvemento de doenzas xenéticas, ou como o monte pode contribuír a una vida sa, aportando alimentos saudables, remedios a través das plantas medicinais e facilitando o beneficioso contacto coa natureza.

Programa

A primeira conferencia que terá lugar o luns 18, versará sobre a relevancia do monte e a natureza na alimentación e saúde e impartiraa o propio profesor Rigueiro. O martes 19 Rosaura Leis, catedrática de Pediatría da Universidade de Santiago de Compostela e presidenta do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica, abordará o valor deste tipo de dieta en relación á saúde e á sustentabilidade. O mércores 20 afondarase no envellecemento saudable a través da nutrición, da man da catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC e membro da Academia Galega de Gastronomía, Ángeles Romero. O 21, o tema serán as vantaxes e diferenzas nutricionais dos alimentos ecolóxicos, a través dunha conferencia de Dolores Raigón, catedrática de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidad Politécnica de Valencia. 

Á semana seguinte, o luns 25 de novembro, o catedrático de Medicina Legal da USC e académico da RAGC, Ángel Carracedo, achegarase á relación entre a xenética, o medio ambiente e a saúde. Na xornada do martes 26, Gumersindo Feijoo, catedrático de Enxeñaría Química e vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, tratará a dieta atlántica en comparación con outras dietas convencionais. Como remate do ciclo, o doutor José María de Matías, especialista en Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Lugo, explicará o valor da dieta atlántica para a prevención da obesidade e de enfermidades endócrinas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2024.