O Comité Executivo do Pacto Mundial da ONU reflexionou no Campus Terra da USC arredor da sustentabilidade empresarial
O Pacto Mundial da ONU é a iniciativa de Nacións Unidas que lidera a sustentabilidade empresarial no mundo. Conta con máis de 20 anos de experiencia e máis de 70 redes locais a nivel global, entre elas, a española. O Cactus do Campus Terra da USC acolleu este luns 6 a xuntanza deste órgano que ten como obxectivo fomentar a implantación dos Dez Principios do Pacto Mundial ao mesmo tempo que promove a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no sector empresarial, sendo a única organización que conta co mandato de Nacións Unidas para este propósito.
Tal e como sinalou a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, a sede universitaria luguesa é un escenario acaído para fomentar a reflexión arredor da sustentabilidade empresarial xa que este é un campus centrado “no ámbito agrícola, gandeiro, alimentario, forestal e ambiental e por iso foi merecedor dunha acreditación oficial por parte da administración autonómica como Campus de Especialización, o cal nos permite ter un financiamento extra anual dun millón de euros en base a resultados”.
Nesta mesma liña, a profesora López Mosquera lembrou que os principais eixos de investigación do Campus están perfectamente aliñados con, polo menos, oito Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, cos 3 obxectivos da PAC 2021-27 e con varias accións do Pacto Verde Europeo. “Campus Terra é un referente para o sector primario galego”, dixo. O foro permitiu achegar as necesidades da contorna a quen toma decisións a nivel global e, á vez, evidenciar a capacidade das empresas do rural galego para exercer de motor para o impulso do desenvolvemento sostible.
A delegación do Pacto Mundial da ONU no Estado español é, dende a súa creación, unha das primeiras plataformas estatais do Pacto Mundial. Así mesmo, atópase entre as tres primeiras redes locais con maior número de participantes, sendo máis de 1.710 en España. A sesión desenvolvida no Campus Terra estivo impulsada pola empresa Agroamb, única compañía galega dentro do órgano de gobernanza da iniciativa.