Convocadas as bolsas de iniciación á investigación no Campus Terra da USC

A convocatoria de bolsas de iniciación á investigación impulsada dende o Campus Terra da USC pretende introducir o estudantado que estea finalizando os seus estudos de grao, ou que se atope matriculado na totalidade dos créditos dun mestrado no curso 2024‐2025, nas tarefas investigadoras vinculadas aos seus estudos, ademais de facilitar a súa futura orientación profesional ou investigadora, no marco dun proxecto vinculado a grupos ou persoal investigador do Campus Terra. En concreto, convócanse un total de 21 bolsas ao abeiro do convenio asinado entre a USC e a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia polo que se regula o Campus de Especialización Campus Terra. O prazo de presentación de candidaturas, a través da Sede Electrónica da USC, rematará o vindeiro 21 de febreiro.
A formación investigadora obxecto destas bolsas terá unha duración de catro meses e realizarase entre abril e xullo de 2025. O horario das prácticas formativas será de tres horas diarias a concretar entre a persoa seleccionada e o grupo de investigación onde estea vinculada. A axuda terá unha contía máxima de 3.208 euros brutos realizada nun único pagamento ao inicio da bolsa e as persoas candidatas deberán decantarse por un dos eixos de especialización do Campus Terra: Produción vexetal e agricultura sostible, Produción e saúde animal sostibles, Alimentación segura e saudable, Xestión forestal sostible, Novas tecnoloxías (TICs, ómicas, entre outras), Cambio climáticoo, e Biodiversidade e infraestruturas verdes.
As persoas beneficiarias terán asignado un plan de investigación baixo a supervisión dunha persoa investigadora e adquirirán coñecementos e destrezas na área temática do seu proxecto, alén de participarán nas actividades científicas do grupo de investigación ao que se incorpore.
Criterios de selección
O proceso de selección comprenderá unha única fase na que se seleccionará a persoa candidata previa avaliación das solicitudes presentadas. As solicitudes serán cualificadas cunha puntuación entre 0 e 10 puntos, en base ao expediente académico presentado. A distribución das prazas convocadas será de tres por cada un dos eixos contemplados na convocatoria. As prazas adxudicaranse segundo a elección do eixo das persoas solicitantes e a orde de puntuación obtida na avaliación. No caso de que algún eixo non fose cuberto por algunha persoa candidata, esa praza será asignada ao resto dos eixos acadando a praza a persoa solicitante que obtivese maior puntuación na avaliación.