Ir o contido principal

Entregadas as credenciais das bolsas de iniciación á investigación no Campus Terra para estudantado de grao e mestrado

A delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, xunto con parte do equipo técnico deste campus de especialización e o estudantado que participou no acto
A delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, xunto con parte do equipo técnico deste campus de especialización e o estudantado que participou no acto
O edificio CACTUS do Campus de Lugo acolleu o acto que serve de colofón a catro meses nos que preto dunha trintena de estudantes se beneficiaron dunha convocatoria para dar pulo ás liñas de especialización da sede universitaria luguesa entre a mocidade investigadora

Preto dunha trintena de estudantes beneficiáronse da convocatoria de bolsas de iniciación á investigación para estudantado de grao e mestrado que o Campus Terra lanzou a comezos de ano. Estas axudas financiaron catro meses de investigación nas liñas de especialización da sede universitaria luguesa. O acto de entrega de credenciais que se desenvolveu este martes 12 do Edificio CACTUS do Campus de Lugo e que estivo presidido pola delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, serviu de colofón para esta etapa que se concibe como punto de partida para que o estudantado se abra paso na carreira investigadora.  

As axudas son froito do convenio de colaboración coa Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional polo que se regula o campus de especialización Campus Terra e abranguen 27 bolsas de iniciación á investigación. O obxecto desta convocatoria, que eleva a un total de 68 o número de bolsas para I+D vencelladas ao Campus Terra a través de 3 convocatorias realizadas dende o ano 2022, é fomentar a iniciación á investigación a estudantes que estean a realizar estudos correspondentes ao último curso dos graos e mestrados que se imparten nos centros da sede universitaria luguesa cuxa investigación garde relación con algún dos eixos de especialización do Campus Terra: produción vexetal e agricultura sostible, produción e saúde animal sostibles, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, novas tecnoloxías, cambio climático, biodiversidade e infraestruturas verdes.

A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, salientou que outra das pretensións deste programa de bolsas,  é favorecer novas vocacións científicas entre o estudantado universitario, ademais de propiciar canles acaídas para que se inicien en tarefas de I+D.

As axudas ofertadas permitiron ás persoas beneficiarias comezar a súa carreira investigadora en ámbitos temáticos ligados cos estudos de grao ou mestrado que están a cursar, ao tempo que facilitan a súa futura orientación profesional ou científica no marco de proxectos vinculados con grupos de investigación ou persoal investigador do Campus Terra da USC.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2024.