Ir o contido principal

A EPSE dinamiza a investigación sobre seguridade alimentaria e resiliencia ao cambio climático en Iberoamérica

Profesorado do Campus de Lugo xunto a Jorge Merino, Iván Samaniego e Eduardo Morillo
Profesorado do Campus de Lugo xunto a Jorge Merino, Iván Samaniego e Eduardo Morillo
Unha comitiva do Instituto Nacional de Investigacións Agropecuarias de Ecuador realizou unha estadía no Campus de Lugo para compartir coñecementos e capacidades de forma colaborativa
Lugo

O Programa de Doutoramento en Agricultura e Medioambiente para o Desenvolvemento (DIAMD) proporciona formación investigadora cos estándares de calidade internacionais en países de fala castelá e portuguesa, principalmente no eido iberoamericano e en temáticas que son claves para a seguridade alimentaria e a resiliencia ao cambio climático. No marco deste programa do que forma parte a USC xunto con case unha vintena de institucións dunha decena de países, “preténdese reforzar as capacidades de liderado científico en diferentes zonas que presentan limitacións de recursos humanos e técnicos”, explica o profesor do Campus de Lugo, Agustín Merino.

Boa proba das sinerxías que a Universidade de Santiago de Compostela está a establecer neste ámbito é a estadía que persoal investigador do Instituto Nacional de Investigacións Agropecuarias (INIAP) de Ecuador realizou este mes na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC, onde puido profundar en primeira persoas nas diversas liñas de investigación que se están a desenvolver no centro e proseguir “coas interaccións de forma colaborativa para compartir capacidades e coñecementos”.

“Un dos países nos que se centra o programa é Ecuador, un país megadiverso, cunha enorme riqueza de recursos agrícolas propios”, destaca Agustín Merino. A investigación colaborativa pode poñer en valor eses recursos para xerar beneficios entre a poboación, ao mesmo tempo que “contribúe a fortalecer eses valiosos cultivos locais”, sinala o catedrático da USC. Nestes momentos o DIAMD dirixe 15 teses de doutoramento a través das cales se están a potenciar proxectos centrados en policultivos (chacras), recursos ambientais, e diferentes cultivos, como o plátano, trigo, millo, naranjilla, tomate de árbore, cacao, guarango, pitahaya e diferentes especies silvestres comestibles e forestais.  A visita de Jorge Merino, Iván Samaniego e Eduardo Morillo do INIAP permitiu reforzar os actuais vínculos entre institucións e mesmo debullar futuros proxectos de colaboración ao abeiro da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2024.