Esperanza Álvarez: «Cómpre educar e concienciar sobre a importancia que ten o solo, darlle o lugar que lle corresponde: hai que saber que sen solo non hai vida»
“Da longa lista de dons da natureza á humanidade, quizais ningún sexa tan esencial para a vida humana como o solo”. Tras esta cita do pioneiro na conservación dos solos, Hugh Hammond Bennet, agóchase unha realidade descoñecida para moitos a día de hoxe. O solo é base e sustento da vida, conformándose como elemento esencial para o desenvolvemento da maior parte das actividades humanas, dos diferentes ecosistemas e da biodiversidade global.
Aínda así, as funcións deste e a importancia de protexelo seguen a habitar un segundo plano educativo, social e mediático, polo que é crítico poñer o foco no labor de profesionais expertas neste campo como Esperanza Álvarez Rodríguez, catedrática de universidade no Campus Terra, investigadora e coordinadora do grupo UXAFORES, entre outras moitas cousas.
Con máis de 30 anos de traxectoria profesional e máis de 250 publicacións baixo a súa sinatura, a súa voz goza dunha gran autoridade no referente ó solo nas súas múltiples facetas: química, fertilidade, conservación, restauración, contaminación... As súas liñas de investigación céntranse en temas como a redución da contaminación dos solos, a recuperación de espazos degradados ou a aplicación da economía circular nos procesos de restauración dos mesmos.
En conmemoración da figura de H.H. Bennet, considerado “pai da conservación dos solos”, vénse celebrando cada 7 de xullo dende hai máis de 60 anos o Día Mundial da Conservación do Solo, e aproveitamos hoxe o oportuno da ocasión para falar con Esperanza Álvarez sobre esta materia, a importancia dunha educación concienciada co valor do solo dende etapas temperás e as formas que temos como sociedade de coidar deste recurso esencial para a vida.
-Esta semana celébrase o Día Mundial da Conservación do Solo. Por que é este un elemento tan importante para a vida? Que papel xoga o solo na loita contra o cambio climático?
-O solo desempeña múltiples servizos ecosistémicos esenciais para a vida na Terra. É a base sobre a cal se desenvolven moitas actividades humanas, incluíndo a agricultura e produción forestal, a construción e a recreación. É o soporte físico para as plantas, proporcionando estabilidade e apoio para que poidan asentarse adecuadamente. É fonte de nutrientes esenciais para o desenvolvemento vexetal, os cales proceden da alteración da rocha ou da descomposición da materia orgánica coa intervención dos microorganismos do solo. Grazas aos coloides do solo (arxilas e materia orgánica) pódense almacenar eses nutrientes e ir liberándoos cando a planta os necesita; esta especie de despensa é de suma importancia para a nutrición vexetal.
Ten capacidade para reter auga, esencial para o crecemento das plantas e para manter o equilibrio hídrico nos ecosistemas. Ademais, o solo ten un elevado poder de depuración, filtra a auga, retendo contaminantes, evitando que alcancen os acuíferos subterráneos e corpos de auga superficiais. Tamén alberga unha gran diversidade de organismos, dende bacterias e fungos microscópicos ata miñocas e artrópodos, que xogan un papel esencial na descomposición da materia orgánica e liberación de nutrientes, no proceso de humificación, a bioturbación (mestura do chan) e o control de pragas.
En definitiva, o solo é un medio complexo onde ocorren numerosas reaccións químicas, de modo que as interaccións entre minerais, materia orgánica, auga e aire determinan a dispoñibilidade de nutrientes e tamén a mobilidade e toxicidade de contaminantes, afectando a saúde do ecosistema, a seguridade alimentaria e a calidade da auga.
O solo contribúe ademais á regulación do clima a través do ciclo do carbono. Actúa como un sumidoiro de carbono, almacenando grandes cantidades de carbono orgánico. A xestión adecuada do solo pode aumentar esta capacidade de almacenamento, mitigando así o cambio climático. A materia orgánica tamén inflúe na temperatura e humidade do solo, presentando unha elevada capacidade de retención de auga.
Polo tanto o solo é esencial para a vida na Terra, pero é un recurso finito que hai que coidar. A súa conservación e manexo sustentable son cruciais para asegurar a continuidade dos servizos ecosistémicos. A degradación do solo, por outro lado, pode levar á perda de produtividade agrícola e forestal, a desertificación, a diminución da calidade da auga e a contaminación que afectará a saúde dos ecosistemas e á vida humana.
-Catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, investigadora, coordinadora de dous cursos e materias, directora de múltiples teses doutorais e traballos de fin de grao, docente e coordinadora do grupo de investigación UXAFORES. Cóntenos, como é o día a día dunha persoa tan atarefada e con tantas responsabilidades?
-Moi similar ao da maioría do profesorado de universidade. Hai que compaxinar a actividade docente coa investigadora e tamén con xestión. No día a día hai que impartir a docencia teórica e práctica das materias asignadas, planificar e supervisar o traballo de laboratorio dos estudantes que están realizando os seus Traballos Fin de Grao, Fin de Máster, ou as Teses de Doutoramento. Tamén hai que ensinarlles aos estudantes a tratar, interpretar e discutir os datos obtidos para a elaboración dos seus traballos ou Teses e de artigos para a súa publicación en revistas internacionais. A supervisión de Teses de Doutoramento de estudantes predoutorais que están noutros países (no meu caso Panamá, Tunisia, Marrocos, Mozambique), esixe un maior esforzo que os que están no noso equipo.
Outra parte do traballo consiste en captar recursos para poder facer investigación, polo que hai que elaborar propostas de proxectos para presentar a distintas convocatorias competitivas nacionais e internacionais, ou tamén captar recursos a través de contratos con empresas. Tamén teño que dedicar un tempo a corrección de artigos, pois son revisora de varias revistas internacionais, ou a labor editorial. Ademais está a coordinación do grupo de investigación, as coordinacións de curso e de materias que imparto e a asistencia a reunións de docencia e de investigación.
-O grupo UXAFORES está conformado por un amplo número de investigadores e investigadoras relacionadas co campo da xestión forestal, as aplicacións da madeira, o impacto dos incendios forestais ou a rehabilitación de solos entre outras cousas. Cales son as súas funcións como coordinadora do grupo? Que importancia ten investigar de forma transversal e multidisciplinar?
-Efectivamente somos un equipo multidisciplinar, con membros pertencentes a tres Departamentos: Enxeñaría Agroforestal, Produción Vexetal e Edafoloxía e Q. Agrícola.
Somos 15 membros fixos, ademais de contratados/as predoutorais e persoal técnico. Tamén contamos con colaboradores/as nacionais e internacionais de distintas universidades, da administración, de centros de investigación e empresas. A labor de coordinación céntrase en buscar sinerxías e colaboracións entre os membros do grupo en distintos temas de interese dentro da xestión ambiental e forestal sostible. A/O coordinadora/or tamén actúa como enlace entre o grupo e outros actores externos e, xunto coa xestora do grupo, encárgase de elaborar informes regulares e detallados sobre o progreso, os desafíos e os logros do grupo, e de manter unha documentación precisa e actualizada de todas as actividades.
Somos un grupo de temática forestal e ambiental que realiza actividades de investigación financiadas por proxectos de convocatorias públicas e de empresas. A nosa investigación neste campo abarca dende os solos (fertilidade, contaminación, rehabilitación, captura de carbono, valorización de residuos), planificación e xestión forestal, modelización forestal, silvicultura, incendios forestais, sanidade das masas forestais, produción micolóxica, así como as propiedades e aplicacións da madeira, o que nos permite abordar temas moi amplos neste eido.
A investigación multidisciplinar que podemos realizar é esencial para os desafíos aos que se enfronta a xestión ambiental e forestal sostible, tentando acadar un equilibrio entre a conservación ambiental, o benestar social e o desenvolvemento económico.
-Unha das súas liñas de investigación principais está centrada na redución da presenza de antibióticos nos solos. De feito, vén de publicar recentemente un artigo sobre a eliminación da Azitromicina a través do uso de cortiza de piñeiro, cinza de carballo e concha de mexillón. Como acaban estes fármacos nos solos? Que supón a presenza destes medicamentos nos nosos solos?
-Os antibióticos utilízanse amplamente a nivel mundial como axentes terapéuticos, pero absórbense escasamente, polo que unha elevada proporción (ata o 80%) excrétase por feces e ouriña e acaba nos lodos de depuradora, no caso dos de consumo humano, e na fosa de xurro, no caso dos utilizados en veterinaria. A incorporación de lodos ou xurro ao solo, pode supoñer a entrada destes fármacos no medio ambiente, e dependendo da capacidade que teña o solo para retelos, poden pasar a auga, aos cultivos e incorporarse na cadea trófica. A súa presenza no medio ambiente aumenta o risco de aparición e propagación de bacterias patóxenas resistentes, que causan infeccións en animais e humanos afectando polo tanto a súa saúde.
-Vostede tamén investiga sobre a utilización de bioadsorbentes para a adsorción de contaminantes emerxentes e metais pesados. Que son estes elementos e como funcionan? Que papel xoga a economía circular e o aproveitamento de refugallo na produción e utilización de bioadsorbentes?
-O solo ten capacidade para reter contaminantes emerxentes como os antibióticos ou outros contaminantes como os metais pesados, evitando que pasen a auga, os cultivos e polo tanto a cadea alimentaria. Esa capacidade de retención depende das características do solo e das do contaminante, de modo que algúns solos teñen unha escaso poder de retención de certos tóxicos. Para aumentar esa capacidade de retención ou adsorción, pódense utilizar materiais residuais ou subprodutos que teñen un forte poder para adsorbelos de modo irreversible, é dicir utilizar materiais bioadsorbentes.
Estes materiais poderían engadirse ao solo ou poderían instalarse en unidades depuradoras asociadas ás fosas de xurro, por exemplo. Nós estamos utilizando a cuncha de mexillón, a cortiza de pino ou as cinzas de biomasa, residuos/subprodutos moi abundantes en Galicia e que están sendo estudados polo noso equipo de investigación en relación coa adsorción de metais pesados e antibióticos con resultados moi positivos. Algúns destes residuos/subprodutos, no noso caso a cuncha de mexillón e as cinzas, tamén poden actuar corrixindo a acidez dos solos ácidos de Galicia, mellorando a súa fertilidade a nivel físico, químico e biolóxico. Isto contribúe ademais á valorización deses residuos/subprodutos dentro dun contexto de economía circular, pois pasan de ser materiais problemáticos para converterse en produtos de gran interese a nivel agroforestal e ambiental.
-Hai unhas semanas conversamos co seu compañeiro Pablo Souza Alonso verbo da saúde do solo e do impacto da agricultura intensiva neste. Como é o proceso de recuperación dun solo maltratado por este tipo de prácticas ou outras actividades humanas?
-Recuperar un solo degradado pola agricultura intensiva e outras actividades humanas é fundamental para restaurar a súa produtividade e sustentabilidade a longo prazo. A degradación do solo pode manifestarse na perda de materia orgánica, erosión, compactación, aumento da acidez, salinización, contaminación e perda de biodiversidade microbiana, entre outros problemas. Para recuperar estes solos, pódense empregar estratexias integradas que buscan mellorar a estrutura do solo, a súa capacidade de retención de auga e nutrientes, e a súa saúde xeral.
O primeiro que hai que facer ante unha perda da capacidade do solo para producir bens e servizos é facer unha análise do solo, que permita diagnosticar o grao e tipo de degradación, para poder establecer estratexias de recuperación. En calquera caso, a incorporación de materia orgánica (esterco, compost, restos de cultivos…) é fundamental, pois mellora a estrutura do solo, é fonte de nutrientes provenientes da súa mineralización, aumenta a capacidade do solo para almacenar nutrientes e darllos á planta cando os necesita (o que se chama capacidade de intercambio catiónico), aumenta a retención de auga, adsorbe contaminantes e evita que pasen á cadea alimentaria e tamén promove a actividade biolóxica.
Tamén é moi importante facer unha fertilización equilibrada e adaptada ás necesidades específicas do cultivo xa que se minimiza a lixiviación de nutrientes e a contaminación ambiental, promovendo así unha agricultura máis sostible. Así mesmo, como indicaba anteriormente, pódense utilizar bioadsorbentes a base de materiais residuais ou subprodutos, como cunchas de mexillón, cinzas de biomasa ou cortiza de piñeiro para adsorber contaminantes do solo e mellorar a súa calidade. Ademais de reter contaminantes, os dous primeiros tamén poden actuar como correctores da acidez do solo. Tamén en algúns casos, poderíase recorrer a técnicas de conservación do solo, que reducen a erosión e a perda de solo fértil.
Polo tanto, a recuperación de solos degradados require prácticas agrícolas sostibles combinadas con determinadas técnicas que permitan restaurar a produtividade agrícola, promover a saúde ambiental e a resiliencia a longo prazo.
-Como sociedade, que podemos facer para coidar máis os nosos solos? Como podemos actuar para conservar as propiedades que fan do solo un elemento da natureza tan esencial?
-Coidar os nosos solos é fundamental para manter a súa capacidade produtiva e os seus servizos ecosistémicos. Como sociedade, podemos actuar de maneira responsable para coidar e conservar as propiedades dos nosos solos. O primeiro é educar e concienciar sobre a importancia que ten o solo, darlle o lugar que lle corresponde, hai que saber que sen solo non hai vida. Por iso o solo ten que formar parte dos contidos temáticos dende as primeiras etapas de formación, hai que coñecer a súa importancia para actuar con responsabilidade. Programas educativos e campañas de sensibilización poden axudar tamén a difundir coñecementos sobre como coidar os solos e por que é importante facelo. Isto inclúe a agricultores, que poden beneficiarse de formación e asesoramento técnico para adoptar prácticas máis sostibles.
É moi importante promover prácticas agrícolas sostibles para manter os servizos ecosistémicos dos solos, entre outras: a) xestión adecuada da materia orgánica; b) uso responsable de fertilizantes e pesticidas, aplicándoos de maneira equilibrada e baseada en análises de solo para reducir a lixiviación de nutrientes e a contaminación ambiental, protexendo así a calidade da auga e do solo; c) rotación de cultivos, que diversifica a vexetación e mellora a fertilidade do solo ao interromper os ciclos de pragas e enfermidades; d) prácticas encamiñadas á conservación da biodiversidade nos sistemas agrícolas tales como franxas de vexetación ou corredores ecolóxicos aumentan a biodiversidade (incluíndo microorganismos e fauna do solo), que resulta esencial para manter procesos como a descomposición de materia orgánica ou a fixación de nitróxeno.
As políticas públicas tamén xogan un papel crucial na protección do solo. É necesario implementar regulacións que promovan o uso sostible e proporcionen incentivos para prácticas agrícolas sostibles. As políticas que apoien a investigación para a conservación do solo poden ter un impacto significativo na saúde do solo a longo prazo.
En definitiva, coidar os nosos solos require un enfoque integrado que combine a educación, prácticas agrícolas sostibles, xestión adecuada da fertilización, conservación da biodiversidade, e políticas públicas efectivas. Si actuamos con responsabilidade os nosos solos seguirán mantendo os seus servizos como a produción de alimentos saudables, a regulación do clima, ou o soporte da biodiversidade, asegurando a súa capacidade para sustentar a vida e manter a saúde ambiental.