Estudantado do Campus Terra profunda na Serra do Guadarrama en modelos de xestión forestal alternativos e sustentables
A xestión forestal na Serra do Guadarrama diferénciase da que se aplica comunmente en Galicia en que non se basea en plantacións intensivas de especies de rápido crecemento con aproveitamento final —en quendas curtas— mediante corta a feito de todas as árbores existentes. Coa intención de profundar e ver en primeira persoa outras formas de xestionar o monte en realidades distintas á galega, estudantado do Campus Terra da USC acaba de desenvolver unha expedición formativa nesta zona para afondar en modelos de xestión forestal alternativos.
Un deses sistemas é o de ‘aclareos sucesivos’, amplamente utilizado en toda España e que o estudantado do mestrado universitario en Enxeñaría de Montes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo (EPSE) puido coñecer a través do seu percorrido polos montes de pino silvestre (Pinus sylvestris) de Valsaín, en Segovia. O estudantado profundou nesta técnica de rexeneración que consiste en realizar varias curtas, de baixa intensidade e separadas en períodos de varios anos, en montes que se xestionan en quendas longas (120-140 anos). “As primeiras curtas teñen a finalidade de abrir aos poucos ocos no bosque adulto para permitir a entrada de luz ao chan, o que facilita o arraigamento das sementes e, por tanto, a auto-rexeneración natural do piñeiral”, explica o profesor Alberto Rojo, quen acompañou aos estudantes nesta viaxe formativa xunto ao coordinador do mestrado Ulises Diéguez.
Progresivamente, con novas curtas, vanse abrindo ocos ao redor do rexenerado, “conseguindo así transformar de forma progresiva o bosque adulto nun novo, e a coexistencia durante todo o proceso dos individuos adultos cos novos que van nacendo e crecendo con menos competencia grazas ás curtas”, engade o profesor Rojo. Deste xeito, o solo nunca queda espido e maximízanse as funcións protectoras do bosque, pero de forma compatible co seu aproveitamento. Ademais, estas curtas teñen restricións en distintas zonas, por razóns paisaxísticas, de protección de zonas altas, da biodiversidade ou de leitos e zonas húmidas, ou pola existencia de numerosos niños de especies protexidas.
O sistema de xestión mediante ‘aclareos sucesivos’ pode ser unha posible alternativa para determinados montes en Galicia, fundamentalmente piñeirais, aínda que se requiren superficies grandes para a súa correcta aplicación e a súa adaptación ás plantacións das especies existentes. Ademais, segundo explica o profesor da EPSE do Campus Terra, é un método especialmente valioso para bosques en áreas protexidas ou con certas restricións para o seu aproveitamento, como Parques Naturais ou zonas de montaña.
O estudantado tamén coñeceu en Valsaín tratamentos selvícolas en bosques de rebolo (Quercus pyrenaica) consistentes no “resalveo” ou curta de individuos, seleccionando e deixando os mellores, neste caso nados por brote de raíz ou da cepa, para tentar transformalo nun bosque que se poida rexenerar no futuro por semente, ao ser moito máis estable ecoloxicamente. Na visita á parte madrileña da Serra, percorreuse un monte similar ao de Valsaín, con xestión parecida ao ser recentemente comprado polo Organismo Autónomo Parques Nacionais e incorporado parcialmente ao Parque Nacional da Serra de Guadarrama. A expedición tamén se detivo en montes de piñeiro manso (Pinus pinea) en Valladolid, con condicionantes diferentes pero técnica selvícola similar.
En calquera caso, aínda que varias das experiencias visitadas non poden replicarse totalmente en Galicia, por ter unhas condicións de chan, orografía e clima diferentes, os alumnos do mestrado universitario en Enxeñería de Montes da EPSE puideron contemplar outras realidades de xestión forestal e de espazos naturais protexidos, e os traballos aos que se dedican os enxeñeiros/as de montes noutras partes de España, ampliando así os seus coñecementos e os seus horizontes de traballo.