Ir o contido principal

A feira de emprendedoras ‘Innovando no rural’, escaparate para unha trintena de “historias inspiradoras”

A feira desenvólvese na Praza da Mosqueira de Lugo
A feira desenvólvese na Praza da Mosqueira de Lugo
O Campus Terra da USC dá pulo a este foro que nace para impulsar, orientar e axudar a todas as mulleres que queren iniciar o seu propio camiño emprendedor
Lugo

Un total de 34 mulleres que son “exemplo de innovación no rural” integran a feira de primavera coa que o Campus Terra da USC quere dar voz, a través de espazos expositivos e diversas mesas redondas, ás emprendedoras que loitan cada día contra o despoboamento. “Trátase de historias inspiradoras sobre como afrontar os retos e aproveitar as oportunidades”, explicou Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra, no acto inaugural deste foro que se desenvolve ao longo do xoves 6, na Praza da Mosqueira de Lugo. A xornada conta cun amplo abano de actividades lúdicas entre as que se atopa a actuación en dúas quendas de Catuxa Salom.  

A feira ‘Innovando no Rural’ naceu para impulsar, orientar e axudar a todas as mulleres que queren iniciar o seu propio camiño laboral, tanto se teñen unha idea que parte de cero coma se xa emprenderon e necesitan un novo rumbo. Para axudalas, sobre todo nas fases iniciais do seu negocio, “é necesario reforzar accións deste tipo que lles acheguen os recursos e coñecementos necesarios, así como tecer redes de colaboración que se establecen nesta tipo de foros”, engaden dende o Campus Terra da USC.

Xunto a Elvira López Mosquera, participaron no acto inaugural Paula Alvarellos Fondo, alcaldesa do Concello de Lugo; o deputado provincial Miguel Fernández Méndez; Javier Arias Fouz, delegado territorial da Xunta de Galicia; Verónica Marcos Arrojo, presidenta da Federación de Mulleres Rurais FADEMUR; e Luis García Santalla, presidente da Fundación CEL. Tamén asistiron ao acto José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago de Compostela; e Eva López Barrio, directora do programa da USC Woman Emprende.

Nas diferentes mesas redondas e casetas expositivas analizáronse as características máis destacadas destes negocios rurais, moitos deles familiares e de tamaño moi pequeno. Tamén se facilita o debate para establecer alianzas necesarias entre as emprendedoras que están a lanzar ou consolidando o seu proxecto. Tal e como explican dende o Campus Terra da USC, a meta é mostrar como moitas destas iniciativas parten de “fortes compoñentes innovadores, científicos e dixitalizados”.

As administracións públicas, as universidades e o ecosistema emprendedor, “temos que corrixir unha brecha histórica que pon en desvantaxe a mulleres fronte a homes á hora de emprender e que fai, ademais, que non aproveitemos todo o talento que ten a nosa sociedade”, subliñan. Neste senso, cómpre salientar que “as mulleres que emprenden en zonas rurais teñen unha fonda concienciación ambiental e social, preocúpanse do impacto que poidan xerar nas súas comunidades, algo que tamén coincide cos obxectivos do Campus de Especialización Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, que pon o seu foco na sustentabilidade e na loita contra problemáticas como o despoboamento”. Ademais do Campus de Lugo da USC, tamén intervén na organización da feira o programa da USC Woman Emprende e a Xunta de Galicia.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2024.