Ir o contido principal

O grupo BioModem organiza unha xornada sobre distribución sustentable de xurro en CIMAG-GANDAGRO 2025

A xornada aborda a Distribución Sustentable de Xurro
A xornada aborda a Distribución Sustentable de Xurro
O foro desenvolverase o 21 de febreiro, ás 11.00 horas
Lugo

O Grupo de Investigación BIOMODEM da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC organizará o venres 21 de febreiro, ás 11:00 horas, unha xornada técnica sobre Distribución Sustentable de Xurro. A xornada terá lugar en Silleda nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA, dentro do marco da feira CIMAG-GANDAGRO. O evento desenvolverase na sala Mirador 1 no primeiro andar do Pavillón 1. A asistencia é de balde e na organización colabora a Fundación Enxeñaría Agronómica para o desenvolvemento de Galicia (FIA).

A xornada comezará coa intervención dun representante da Consellaría do Medio Rural que abordará as últimas novidades normativas en relación co caderno dixital da explotación agrícola e as súas repercusións sobre as aplicacións de fertilizantes. A continuación, ás 11:30, terá lugar unha mesa redonda onde os representantes de catro casas comerciais (Talleres Carruxo, Talleres Moga, Díaz e Valín e Durán Maquinaria) achegarán a súa visión sobre o estado actual do mercado de tanques distribuidores de xurro e o impacto sobre el das últimas regulacións.

Na xornada tamén se presentarán dous proxectos innovadores relacionados coa distribución de xurro dos grupos operativos PurinPreciso e Agrolab_Biogal. A presentación de PurinPreciso correrá a cargo de representantes de FEUGA, BioModem e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (AGACAL), mentres que Agrolab_Biogal presentarano a empresa Medrar e BioModem. Os dous proxectos tratan sobre a incorporación de sensores que miden o contido de nutrientes do xurro nos tanques distribuidores durante a realización da aplicación. PurinPreciso aborda a utilización de conductímetros e Agrolab_Biogal o uso de tecnoloxía NIR.

Por último, ás 13:00 horas, pechará a xornada a intervención da investigadora Diana Andrade, pertencente ao Centro de Investigacións Agrarias de Baviera (LfL, Alemaña). No seu relatorio abordará o estado actual dos sistemas de distribución e a análise de xurro nos tanques distribuidores en Alemaña.

PURINPRECISO e AGROLAB_BIOGAL están financiados polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14% e con fondos do Ministerio de Agricultura,  Pesca e Alimentación nun 6%. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2025.