Unha guía recompila experiencias inspiradoras a nivel europeo para facilitar o acceso á terra a persoas alleas ao sector agrario
O Grupo Operativo TERRACTIVA acaba de publicar unha recompilación de experiencias inspiradoras a nivel europeo sobre como facilitar o acceso á terra agraria tanto a novos/as entrantes —persoas alleas ao sector agrario con intención de incorporarse ao mesmo— como a explotacións existentes que non contan cun relevo garantido. Tal e como se salienta na guía, “o relevo demográfico na agricultura Europea, e en particular na galega, pasa ineludiblemente pola incorporación de persoas alleas ao sector agrario”. Trátase dos denominados pola Política Agraria Común como Novas e Novos Entrantes. “O seu papel no futuro do modelo agrario é chave unha vez que o relevo familiar clásico, de sucesión intrafamiliar, xa non asegura a viabilidade dun número suficiente de granxas debido, en boa medida, a cuestións demográficas”, destacan dende este grupo operativo no que participa o Laboratorio do Territorio do Campus Terra da USC.
Un dos maiores retos para este colectivo é acceder a terra suficiente en cantidade e calidade. Este documento recolle unha serie de experiencias de interese de apoio ao acceso á terra de persoas Novas Entrantes (NE) en diversas rexións europeas, incluídos exemplos do resto do Estado. “No seu conxunto, son unha fonte de inspiración sobre as formas diversas de como se pode facilitar o acceso á terra agraria para as persoas que buscan o seu camiño na agricultura, ao tempo que en moitos casos se facilita a continuidade de granxas existentes que, doutro xeito, se verían abocadas ao peche”, explica a guía.
A compilación de experiencias demostra o carácter estratéxico deste grupo de agricultoras/es emerxentes ao tempo que ratifica a necesidade de xerar ferramentas que faciliten a abordaxe dos principais desafíos que acometen. Dende o Reino Unido, pasando por Austria ou Galicia, detállase como cada rexión desenvolve unhas ferramentas propias motivadas polas distintas realidades que enfrontan. Así mesmo, a guía recolle os distintos instrumentos de mobilidade e de xestión e recuperación de terras que actualmente existen en Galicia, así como un breve resumo da situación actual deste perfil a nivel galego.
Instrumentos
A obra expón instrumentos de mobilidade de terras como o Banco de Terras de Galicia (BTG) que intermedia entre persoas propietarias de fincas e persoas agricultoras que as arrendan, previa solicitude nos períodos habilitados ao efecto; o Banco de Explotacións, un instrumento de intermediación entre persoas titulares de explotacións agrícolas, gandeiras e/ou forestais que abandonan a actividade e persoas interesadas en incorporarse a ela; ou as permutas de especial interese agrario.
Tamén se profunda nos instrumentos de xestión e recuperación de terras como os polígonos agroforestais, instrumento voluntario de mobilización de terras que ten como obxectivo o aproveitamento e recuperación produtiva de parcelas que se atopen en estado de abandono ou infrautilización ou sexan susceptibles de optimización, coa finalidade de constituír áreas de explotación, que garantan a súa viabilidade contando coa existencia de axentes promotores públicos ou privados interesados; as agrupacións e actuación de xestión conxunta; ou as aldeas modelo nas que se procura a recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal circundantes á aldea, e particularmente daqueles que se encontren en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos incluídos nelas, co obxectivo de permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación.
Este será o derradeiro ano de traballo para o Grupo Operativo TERRACTIVA. O proxecto comezou a andar a finais do ano 2022, centrado en facilitar a entrada no sector agrario de persoas alleas ao mesmo, as chamadas novas e novos entrantes, finalizando na actualidade co desenvolvemento de diferentes guías especialmente enfocadas no apoio a persoal técnico das distintas entidades de acompañamento e asesoramento no eido agrario. Nos vindeiros meses publicaranse outros recursos cos cales o grupo pretende xerar unha base metodolóxica e orientadora que as entidades dispostas deberán “aterrar” no seu territorio para poder traballar segundo o método proposto.
O proxecto tamén acaba de participar na Conferencia ‘EIP-AGRI Operational Groups: Innovation in practice’ en Estoril (Portugal), que se desenvolveu entre os días 6 e 8 de maio. TERRACTIVA é un proxecto beneficiario das axudas para a execución de proxectos dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.