Lugo será por catro anos máis epicentro da especialización agroalimentaria e forestal grazas ao Campus Terra

O Campus Terra da USC será campus de especialización por catro anos máis. Así se acordou no Consello da Xunta que este luns 12 se desenvolveu no Pazo de Montenegro. A decisión tómase logo da visita, a comezos de ano, dun Comité Avaliador que percorreu distintos centros da sede universitaria luguesa, ademais de participar en xuntanzas con grupos de investigación, empresas ou colectivos de mocidade investigadora, entre outros. O Campus Terra de Lugo, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, naceu como resultado do acordo entre a USC e a Secretaría Xeral de Universidades, coa intención de transformar o Campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.
O impacto económico que este campus de especialización xera na súa contorna quedou demostrado no informe sobre ‘O Impacto económico do Campus Terra na provincia de Lugo’, cuxos resultados se deron a coñecer a finais de 2024. O estudo evidenciaba que o valor total da produción da provincia de Lugo vinculada ao Campus Terra da USC superou, en 2023, os 75 millóns de euros.
A especialización do campus céntrase no coñecemento vinculado á sustentabilidade económica, social e ambiental do uso da terra dende unha perspectiva interdisciplinaria, ben dende o punto de vista da docencia impartida no campus nas distintas facultades e escolas, ou ben a través da investigación e a transferencia de coñecemento que se fai ao sector produtivo e á sociedade en xeral e que desenvolven máis de 30 grupos de investigación do Campus, xunto co labor das catro plataformas tecnolóxicas, o CEBIOVET e o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER).
Domus
A xuntanza do Consello da Xunta no pazo de Montenegro permitiu que o presidente Alfonso Rueda visitase o contiguo Museo Universitario A Domus do Mitreo, que acaba de ser recentemente incorporado á Rede Museística de Galicia. Guiado pola profesora da USC e directora do Museo, Dolores Dopico, o presidente cualificou de “magnífico” este centro e asinou no seu Libro de Visitas. Rueda estivo acompañado polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o adxunto para o Campus de Lugo, Antonio Álvarez; e polos conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.
O Museo Universitario A Domus do Mitreo súmase, deste xeito, á conmemoración do Día Internacional dos Museos, que ten lugar cada 18 de maio, convertido por vez primeira en centro incluído na Rede Museística de Galicia. Tal e como se establece no acordo, a inserción desta entidade fundaméntase no seu papel esencial na salvagarda e conservación dos obxectos atopados no xacemento arqueolóxico sobre o que se sitúa, así como no feito de que se garante a integridade dos bens culturais ao tempo que se compatibiliza a súa conservación coa visita pública.
