María do Mar Pérez: «A crise demográfica do rural galego non é un problema: é un síntoma»

A sangría demográfica que sofren dende hai moitas décadas as zonas rurais de Galicia constitúese coma un dos retos máis perentorios aos que se enfronta a nosa sociedade. As súas consecuencias aféctannos a todas e todos, e levan sendo palpables dende hai moitos anos.
Pero máis que unha ‘enfermidade’ da que adoece o noso territorio, debemos decatarnos de que esta crise demográfica é un ‘signo clínico’ que responde a unha realidade hostil. Unha realidade que se combate, entre outras cousas, con políticas de Desenvolvemento Rural eficaces. Algo que María do Mar Pérez Fra, a nosa entrevistada de hoxe, coñece en profundidade.
A súa traxectoria científica, centrada no deseño, desenvolvemento e avaliación de políticas de Desenvolvemento Rural, abrangue máis de tres décadas de traballo e dedicación que a levaron a acadar fitos que a converteron nunha das voces máis consolidadas no seu campo de coñecemento, como a coordinación en Galicia do Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013.
Do mesmo xeito, a súa carreira sempre estará vencellada ao Campus Terra, onde actualmente é Profesora Contratada Doutora no Departamento de Economía Aplicada e membro do grupo de investigación ECOAGRASOC.
Nesta entrevista botamos man da valiosa experiencia de María do Mar Pérez para coñecer o verdadeiro impacto que teñen as políticas públicas en contornas rurais, a importancia de promover a participación cidadá na toma de decisións e o valor de figuras como os montes veciñais en man común
-Ao longo da súa traxectoria ten traballado no deseño e avaliación de políticas de desenvolvemento rural. Como evolucionaron os enfoques destas políticas en Galicia?
-A política de Desenvolvemento Rural que se aplica en Galicia vén da man das políticas de Desenvolvemento Rural financiadas pola UE, dado que a meirande parte dos fondos que se destinan a este eido proceden do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER), do segundo piar da PAC.
Tendo isto en conta, cabe destacar que dende os inicios dos anos 90, a política de Desenvolvemento Rural incorpora ao seu deseño o concepto de Desenvolvemento Rural integrado, que contemplaba actuacións que teñan que ver co desenvolvemento e a modernización agraria, pero tamén incorpora outro tipo de actuacións relacionadas cunha visión máis integral dos espazos rurais, como a conservación medioambiental, a diversificación de actividades, a calidade de vida...
Por outro lado, tamén desde esas datas lle ía prestando unha maior atención ao enfoque local, con programas como LEADER, deseñados e aplicados desde unha perspectiva local. De feito, a miña tese versou precisamente sobre este enfoque.
-A súa experiencia como responsable de planificación en AGADER deulle unha visión práctica da xestión pública. Que aprendizaxes desa etapa trasladou posteriormente á súa investigación e docencia?
-Foi, sen dúbida, unha etapa na que aprendín moito en múltiples aspectos. Normalmente, as persoas que traballamos en temas de planificación política pública dende a universidade vemos soamente unha parte da ecuación, a relacionada co deseño e a avaliación destas políticas.
O feito de ter un posto de responsabilidade nun goberno implica albiscar a outra parte, a relacionada coa xestión e execución das actuacións. Isto permíteche ter unha visión máis global de tódolos procesos que leva aparellada a posta en marcha de políticas públicas para o Desenvolvemento Rural.
-Participa no proxecto europeo Rustik, centrado na sustentabilidade rural. Que achegas clave pretende ofrecer este proxecto para mellorar as políticas públicas en contornas rurais?
-Este é un proxecto moi complexo no que traballan multitude de grupos de investigación de distintas universidades europeas. Nós, na actualidade, estamos traballando da man da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Concretamente, estamos creando unha ferramenta de decisión vencellada cun instrumento de intervención definido na Lei de recuperación da terra agraria: as Aldeas Modelo.
En Galicia temos máis de 30.000 entidades de poboación. Polo tanto, dende o noso punto de vista era unha necesidade definir un mecanismo que facilitase os labores de elección dos núcleos sobre os que se pretende actuar. A nosa ferramenta sería, entón, un sistema de axuda á elección deses núcleos.

-En Galicia, polo tanto, poderiamos dicir que a complexidade do seu campo adquire unha dimensión aínda maior?
-A elevada dispersión da poboación é un desafío. O tema do Desenvolvemento Rural é apaixonante: obriga a integrar elementos que proveñen de disciplinas moi diferentes e de ámbitos de coñecemento moi distintos.
No caso galego, o feito de posuír un número tan elevado de núcleos de poboación sitúanos nunha situación bastante especial dentro da Península Ibérica (Galicia garda semellanzas con outros lugares do centro e norte de Europa a este respecto). Esas 30.000 entidades de poboación que comentaba antes supoñen máis do 40% total dos núcleos que existen en toda España.
Isto, evidentemente, establece un nivel de complexidade importante á hora de planificar a actuación, e tamén implica que se precisen máis recursos para permitir o acceso a servizos públicos de calidade ás persoas que residen nos espazos rurais, por exemplo.
-Moitos dos seus traballos abordan a interacción entre agroecoloxía, paisaxe e alimentación sostible. Que papel xogan estes elementos na transición cara a modelos rurais resilientes?
-A min, particularmente, dentro da concepción de modelos rurais resilientes e dos retos aos que se enfrontan, non me agrada falar, por exemplo, de crise demográfica. Si que é certo que temos niveis de envellecemento elevados e densidades de poboación baixas en algúns lugares, pero para min a demografía non é un problema: é un síntoma.
O problema, entón, non está no número de persoas que nacen no espazo rural, senón no número de persoas que marchan del. Estes espazos continúan a expulsar poboación nova. Por que sucede isto?
O rural galego adoece de debilidade demográfica porque é percibido como un espazo pouco atractivo. Temos que mudar isto. Como? Xerando emprego e renda e, ao mesmo tempo, condicións de vida adecuadas a parámetros do século XXI.
Por outra parte, agroecoloxía, paisaxe e alimentación sostible son conceptos profundamente relacionados e sinalan o camiño para unha transición cara un modelo máis sostible. A importancia desta transición está referendada polo Pacto Verde Europeo que non é máis que un conxunto de estratexias que van dirixir a transición cara modelos máis sostibles no conxunto da Unión Europea.
A transición é hoxe unha obriga e, polo tanto, paréceme fundamental realizar unha planificación dese proceso.
-Dirixiu varias teses doutorais sobre procesos de desenvolvemento rural. Que temáticas emerxentes observa actualmente entre os mozos investigadores do sector?
-Eu destacaría dúas en concreto, que ademais encádranse dentro de dúas áreas que me resultan apaixonantes.
Unha é a perspectiva de xénero. Temos que introducir a ese 50% da poboación na análise dos procesos de Desenvolvemento Rural. Non se nos pode esquecer que as mulleres xogan un papel fundamental nas zonas rurais. Alédame ver que cada vez comeza a ser un proceso máis natural o feito de introducir estas variables nas análises destes espazos.
Por outro lado, tamén detecto un maior interese no tema da xestión dos recursos comunais, e máis en concreto dos nosos montes veciñais. Isto é algo esencial en Galicia, xa que o 23% da nosa superficie está clasificada baixo esta denominación. Non podemos deseñar un proceso de Desenvolvemento Rural de costas a practicamente un cuarto do noso territorio.
O emprego de recursos comunais foi fundamental no modelo de produción agraria tradicional. Hai un importante campo de estudo aí, e penso que é algo do que podemos aprender leccións importantes para o futuro.

-Aproveitando a súa mención dos montes comunais, queriamos referirnos a proxectos como ESMAART ou SHERPA, nos que se combinan enfoques sociais e ambientais. Que importancia ten integrar a participación cidadá no deseño de políticas rurais?
-Unha das conclusións máis relevantes que obtivemos do proxecto SHERPA é a constatación de que os habitantes das zonas rurais queren participar nas políticas que os afectan. Esta necesidade de participación efectiva, de seren realmente escoitados, é algo sobre o que discutimos moito durante este proxecto no que, durante catro anos, estivemos traballando cun grupo de axentes representativos: representantes da sociedade civil, da administración e da investigación.
Neste sentido, gustaría de salientar que SHERPA funcionou como unha especie de servizo de asesoramento á Comisión Europea para o deseño das futuras políticas rurais e conseguimos que a gobernanza e a participación tivera un papel importante nos documentos xerados.
-Na mesma liña, tal e como nos comentaba vostede, hai varios proxectos que traballaron nun modelo de desenvolvemento rural baseado na xestión comunal. En que consiste este modelo e cales son os seus principais logros?
-En primeiro lugar, gustaríame lembrar un dato, e é que en Galicia posuímos moitísimos montes veciñais en man común, arredor duns 3.000. Isto implica a participación dun número moi elevado de cidadáns, en torno a uns 150.000 galegos e galegas, que participan na xestión destes espazos.
Os montes en man común teñen utilidades moi diversas: dende a produción de madeira ou a gandaría, á instalación de polígonos industriais ou a produción de enerxía, pasando polos usos ambientais e recreacionais.
E estes recursos económicos son só unha parte da ecuación, xa que os montes veciñais son auténticas máquinas de xeración de capital social, que é xustamente un dos recursos menos abundantes nas zonas rurais polo seu deterioro demográfico.
Polo tanto, un dos mecanismos máis efectivos á hora de crear sociedade civil e participación son estas entidades
-Desde a súa experiencia internacional, que leccións destacaría de países como Portugal, Brasil ou Irlanda para a mellora do sistema rural galego?
-Hai moitas cousas que vin nestes países e que son moi interesantes para aplicar aquí. Con Portugal e Irlanda, por exemplo, compartimos moitos elementos en común, e ademais, o marco político é o mesmo. O deseño da política de Desenvolvemento Rural realizase a partir do mesmo marco normativo. Resulta moi interesante pois a comparativa de resultados.
Mais, incluso do traballo realizado en espazos tan afastados, cultural e xeograficamente como o Brasil, xorden aprendizaxes interesantes. De feito, coa colaboración con grupos de investigación deste país temos xa dúas teses defendidas sobre xestión comunal con resultados ben interesantes.
Traballar con grupos de investigación doutros países é sempre enriquecedor. Son profesionais que teñen, polo xeral, unha bagaxe diferente da miña, e que proceden tamén de áreas de coñecemento moi diferentes. Isto complementou a miña formación e permitiume cultivar unha ollada diferente, moito máis rica e cunha capacidade de análise máis importante.
-Finalmente, como valora o papel do Campus Terra como nodo académico para formar profesionais capaces de liderar procesos innovadores no medio rural?
-Non existe un único rural, existen rurais moi, moi diversos. O feito de que este campus conte cun corpus de investigadores, investigadoras e docentes que proveñen de disciplinas tan distintas e que levan a cabo investigacións en áreas tamén moi diversas supón unha oportunidade enorme.
No meu caso particular, eu aterrei aquí en 1996 como unha economista cunha bagaxe moi concreta. Eu xa traballaba en temas de Desenvolvemento Rural, pero tiña un coñecemento moi parcial, limitado ao meu campo. Traballar aquí implicou que me tivera que acostumar a traballar cóvado con cóvado con enxeñeiros e enxeñeiras de montes, agrónomos, historiadores, veterinarios... A tan popular multidisciplinariedade é unha realidade tanxible no Campus Terra.
Temos áreas de investigación fundamentais para o desenvolvemento das zonas rurais e para o futuro destes espazos, pero aplicadas dende perspectivas moi diferentes. Estar tan próximos remata por obligarnos a traballar xuntos, o cal é moi beneficioso para nós e tamén, en definitiva, para o conxunto da sociedade.