Ir o contido principal

Os montes veciñais en man común e as avespas velutinas centran un novo trimestre de ‘Ciencia á feira’

A profesora Ana cabana este luns 17 no CEIP Santa María da Fonsagrada
A profesora Ana cabana este luns 17 no CEIP Santa María da Fonsagrada
Esta é unha iniciativa interxeracional e comunitaria de divulgación informal da ciencia que tira proveito de estruturas fortemente asentadas no medio rural como é o caso da escola ou os colectivos veciñais, entre outros
Lugo

‘Ciencia á feira’ estreou este luns 17 o obradoiro 'O monte é noso' para a dar a coñecer os montes veciñais en man común entre a rapazada de quinto e sexto de primaria do CEIP Santa María da Fonsagrada. A actividade foi deseñada polas profesoras da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo Ana Cabana Iglesia, Elena Freire Paz, Tamara López Fernández e Noelia Valiño Vázquez. Ademais desta actividade, tamén está de estrea 'As velutinas e nós', que impulsan Ana Isabel García Arias, María Ferreira Golpe e Xulio Maside, dende a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra. Este obradoiro botará a andar o 26 de febreiro no IES de Melide.

En Galicia boa parte dos montes teñen un tipo de propiedade distintivo. Ademais dos de propiedade pública (da administración) e privada (dun particular), están os comunais, nos que a titularidade corresponde á veciñanza. Trátase dos “montes veciñais en man común”. Esta forma de propiedade colectiva ten a súa orixe no dereito xermánico e non ten igual en España salvo nalgunhas zonas limítrofes con Galicia. “Trátase dunha propiedade histórica que segue tendo unha enorme relevancia e está chamada a ter moita máis no futuro no relativo a desenvolvemento rural, economía sustentable e políticas ambientais”, explican as profesoras responsables de 'O monte é noso'.

Á altura de 2024 supoñen o 22% do territorio e o 33% da superficie forestal. A actividade que se desenvolveu no CEIP Santa María da Fonsagrada serviu para que o estudantado respondese a cuestións como se o monte veciñal se pode vender, de existe algún na súa contorna, que requirimentos debe cumprir unha persoa para ser comuneira ou para deixar de selo.

Medir o impacto da ameaza

As avespas asiáticas levan xa un tempo inseridas na contorna galega, tal e como sucede con outras especies invasoras. Cal é o impacto da súa ameaza ou como identificalas e que facer ao identificar os seus niños son algunhas das cuestións ás que responderá 'As velutinas e nós'. As especies invasoras son plantas, animais ou microorganismos que foron introducidos nunha rexión na que non son nativas. “Nestes novos ambientes medran e reprodúcense con moito éxito, competindo coas especies nativas e ameazando o equilibrio ecolóxico, a biodiversidade e até as actividades humanas”, explica o profesorado da EPSE impulsor da iniciativa.

A proliferación de avespas asiáticas experimentada en Galicia ten afectado a diversas actividades tanto produtivas coma non produtivas. Entre as primeiras atópase a actividade apícola xa que a avespa asiática depreda abellas. Esta depredación afecta á capacidade das abellas para realizar a polinización e para realizar a produción de mel e cera. Así mesmo, a produción de viño estase a ver ameazada polos danos que as avespas producen na froita. “As persoas traballadoras de actividades agrícolas e forestais poden verse atacadas ou molestadas polas avespas dun niño próximo, se se senten ameazadas, así como as persoas que frecuentan praias e ríos no verán, xa que as avespas sitúanse cerca de cursos de auga”. emgaden.

‘Ciencia á Feira’ é un proxecto interxeracional e comunitario de divulgación informal da ciencia que tira proveito de estruturas fortemente asentadas no medio rural: a escola, os concellos, as asociacións e os colectivos veciñais e, por suposto, as feiras, que funcionan como espazos seculares para a actividade económica, pero que tamén desempeñan un papel crucial de socialización, encontro e intercambio de información. O proxecto está financiado pola FECYT. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2025.