Ir o contido principal

Os obxectivos das cámaras do Maratón Fotográfico da Universidade retrataron a paisaxe lingüística na súa trixésima edición

Foto de grupo das persoas participantes na modaliadde libre do maratón fotográfico
Foto de grupo das persoas participantes na modaliadde libre do maratón fotográfico
O certame convocado ao abeiro do convenio Lugo Cultural superou este ano o número de inscritos, con 62 participantes

O Maratón Fotográfico da Universidade centrou a súa trixésima edición na paisaxe lingüística, unha temática que as persoas inscritas que este domingo se achegaron á Casa do Saber tiveron que retratar coas súas cámaras ata a mañá deste luns. O éxito na cidade deste certame que chega a tres décadas de existencia correspóndese tamén co récord no número de persoas inscritas, máis de 60.

O representante do grupo cinematográfico Fonmiñá, Eduardo Ochoa, que tamén coordina o Maratón Fotográfico , e a responsable da Área de Cultura da USC na sede universitaria luguesa, Paloma Lugilde, foron quen deron a benvida o domingo ás persoas que acudiron á cita matinal, comunicándolles a temática desta edición así como as pautas que debían cumprir as imaxes presentadas a concurso e a data da entrega de premios, que será o 11 de novembro ás 20:30 horas na Biblioteca Intercentros na inauguración da exposición que se poderá visitar ata o 30 de xaneiro.

Premios
O Maratón Fotográfico da Universidade contempla dous galardóns para as imaxes máis valoradas polo xurado, que outorgará o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 350 euros, trofeo e diploma, á mellor fotografía do tema proposto pola organización, e o Premio Eduardo Ochoa, dotado con 300 euros, trofeo e diploma, distinguirá a mellor fotografía do tema libre, modalidade á que só se puideron presentar as 33 persoas que acudiron á Casa do Saber este domingo. Ademais, haberá un premio do público para a imaxe máis valorada en ambas as dúas modalidades de 100 euros.

Ademais, elixiranse doce fotografías que formarán parte do calendario do ano 2025 de Lugo Cultural, que non teñen por que coincidir coas da exposición.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2024.