Ir o contido principal

Pablo Souza: «Un sector agroforestal saudable debería basearse na diversificación e no coidado dos nosos solos»

Pablo Souza é membro da Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible
Pablo Souza é membro da Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible
Doutor en Ecofisioloxía vexetal e investigador posdoutoral no Campus Terra, Pablo Souza reflexiona sobre o concepto de sustentabilidade e a importancia de ter solos saudables

Aprender da natureza é sempre unha necesidade. O equilibrio que acadan os ecosistemas é cando menos un exemplo moi ilustrativo disto, xa que nos axuda a deseñar estratexias económicas, sociais e medioambientais adaptadas a cada situación, momento e lugar. E non hai mellor forma de entender esta realidade que tomando nota do que Pablo Souza Alonso nos pode contar ao respecto.

Actualmente, Pablo Souza é investigador contratado posdoutoral no Campus Terra, docente na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPS) e membro da Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES). O seu compromiso, dedicación e bagaxe internacional avalan unha traxectoria que pivota ao redor de conceptos como a saúde dos solos, a restauración de ecosistemas, a diversificación ou a sustentabilidade, acompañados dun profundo interese pola formación.

Hoxe en día, é crítico comprender que todas e cada unha das pezas do crebacabezas medioambiental xogan un papel indispensable, e que as relacións simbióticas entre unhas e outras permiten tecer unha rede de beneficio mutualista. Porén, ás veces cómpre poñer o foco naqueles elementos que adoitan seren esquecidos, como é o caso do solo.

Este é un elemento base, onde podemos atopar gran parte das solucións que buscamos. A súa importancia dentro da cadea alimentaria é crucial, así como o seu valor como motor dunha economía circular que realice un aproveitamento real dos recursos. A súa recuperación tras un incendio, a conservación da súa calidade ou o seu valor como sumideiro de carbono na loita fronte ao cambio climático, son tarefas esenciais para avanzar cara un horizonte máis sostible.

Falamos disto e moito máis na entrevista de hoxe.

-Licenciouse en Bioloxía pola Universidade de Vigo e, no ano 2015, converteuse en doutor en Ecofisioloxía vexetal. Que lle motivou a especializarse neste campo?

-Creo que o campo escoulleme a mín. Sempre me pareceu fascinante o triángulo (ás veces amoroso, outras non tanto) que se establece entre as plantas, os microorganismos e o solo, pero se teño que ser sincero, foi a confianza que dous profesores da Uvigo (Eva Pazos e Luís González, que acabou sendo o meu director de tese) mostráronme nunha asignatura cando estaba a piques de rematar a miña carreira.

Dixéronme que podería servir para isto da investigación, cousa que eu non pensara antes, e animáronme a continuar. Quince anos despois, aquí estamos.

-Estivo unha tempada na India, onde participou nun proxecto da Universidade de Babasaheb Bhimrao Ambedkar para mitigar os impactos dos contaminantes nos solos urbanos. Como poden influír estes contaminantes no crecemento das plantas?

-Os efectos son múltiples, tanto a nivel fisiolóxico como de produción pero a idea neste proxecto era, máis que identificar os problemas que producen (que están ben estudiados), tentar reducir a súa introdución na cadea alimentaria.

Dentro dunha estratexia circular, a idea consistía en eliminar unha especie invasora moi abundante a nivel local, utilizar os seus restos para crear un residuo (biochar) que se pode aplicar no campo e que ten a capacidade de “inmobilizar” elementos tóxicos, e despois testar o potencial de esta enmenda para diminuír a cantidade de tóxicos libres que poden absorber as plantas nos solos agrícolas urbanos. 

Cuns niveis de polución altísimos en auga, aire e solo, o verdadeiramente importante para ese proxecto era tentar limitar a incorporación na cadea alimentaria. Isto é especialmente problemático na agricultura urbana de moitas cidades da India (e doutros moitos lugares), concibida en moitas casos case en termos de subsistencia.

-Pouco despois trasladouse a Coimbra, onde se centrou en reducir os efectos do estrés ambiental en especies de interese agronómico mediante o emprego de biofertilizantes microbianos. Cal é o verdadeiro potencial destes produtos? Vaise incrementar o seu uso no futuro?

-O potencial é alto pero é difícil de ver cara onde vamos. Existe unha demanda crecente en diferentes mercados pero ó final o seu uso vai estar condicionado polo prezo e a percepción do consumidor. É certo que a aplicación de produtos que favorezan o establecemento de relacións positivas planta-microorganismo-solo estarían en liña coas iniciativas europeas de redución de fertilizantes pero xusto estamos nun momento onde certas políticas que afectan ao sector agronómico non acaban de establecerse.

Este tipo de produtos tentan simular relacións beneficiosas para as plantas, relacións que xa existen de forma natural. O problema é que se temos solos degradados en ocasións temos que producilas ou favorecelas artificialmente. Penso que estes produtos teñen potencial e diferentes mercados onde van a funcionar, especialmente enfocados á produción intensiva, pero sinceramente agardo que o futuro nos leve por outro camiño.

En lugar de aplicar “receitas”, creo que debemos poñer énfase en coñecer mellor,  preservar e recuperar este tipo de relacións mutualistas e iso pasa por ter sempre presente o concepto de saúde dos nosos solos.

-Leva máis de catro anos como investigador postdoutoral no Campus Terra. En que liñas de investigación está enfocado na actualidade?

-Fundamentalmente no estudio da calidade da materia orgánica, compoñente clave para comprender a súa saúde do solo. Para entendernos, a materia orgánica podería ser un pouco como o cemento que aporta estrutura e, ao mesmo tempo, a despensa de nutrientes do solo. O problema é que a pesares de ser fundamental, tamén é moi fráxil.

O noso traballo estaría enfocado en comprender diferentes situacións, principalmente os impactos dos incendios forestais e os solos degradados pola actividade humana, e como determinadas prácticas poden axudar a mantela ou recuperala para manter a saúde edáfica.

Actualmente, temos varios proxectos en marcha relacionados coa saúde dos nosos solos despois dos incendios, etamén coa utilización de subprodutos do sector agroalimentario para mellorar solos degradados por agricultura intensiva. Estes subprodutos, unha vez transformados, poden mellorar os solos e ao mesmo tempo darlle un maior valor a cadea de transformación o que encaixaría nunha estratexia de economía circular.

Outro aspecto no que estou moi interesado dende fai anos e ao que lle adico bastante tempo é a parte educativa. Para isto, participo en proxectos de aprendizaxe-servizo para tentar reducir a problemática dos incendios forestais na nosa contorna. Estes proxectos fanse en colaboración con compañeiros/as de diferentes facultades e moi apoiados polas compañeiras de Ciencias da Educación (verdadeiras pioneiras no desenvolvemento destas iniciativas).

-Os incendios son, sen dúbida, un dos fenómenos que máis dano producen no solo e na vexetación. Que estratexias poderían favorecer ou acelerar a recuperación dos espazos tras o lume?

-Existen múltiples iniciativas e tipos de intervención, máis simples ou de maior sofisticación para favorecer a recuperación dun sistema. Case sempre vai depender de qué presuposto tes entre mans.

Porén, unha pregunta complementaria pero moi interesante que penso que temos que facernos ao mesmo tempo do ¿qué facer? é ¿cando facer?. A primeira impresión despois dun lume pode ser de emerxencia, de ter que actuar rapidamente, pero non debemos esquecer que os sistemas son resistentes e teñen capacidade de recuperación por si mesmos.

Coñecer o grado de severidade (e para isto nos serve tamén estudiar a materia orgánica do solo) pode axudarnos a decidir se é necesario actuar ou non. Tendo en conta que a parte económica sempre vai ser un factor limitante na nosa capacidade de intervir en espazos degradados, coñecendo a severidade (e polo tanto a afectación) podemos colocar os esforzos alí onde sexan máis necesarios.

Despois estaría o tema de que os incendios son multifactoriais e hai que entender que tal e como temos disposto a paisaxe a cousa non vai a ir a menos. Pero isto xa sería abrir outro melón.

A ecofisioloxía tenta comprender a relación entre o funcionamento dunha planta e o seu entorno
A ecofisioloxía tenta comprender a relación entre o funcionamento dunha planta e o seu entorno

-A agricultura intensiva tamén deixa unha forte pegada no solo. Que relación existe entre a ecofisioloxía vexetal e cuestións como a agricultura sustentable ou a seguridade alimentaria?

-Bueno, esta é unha pregunta que daría para moito e que pode abordarse dende moitos puntos de vista. Para mín o concepto clave aquí, como en case todo, é o concepto de sustentabilidade.

A ecofisioloxía tenta comprender a relación entre o funcionamento dunha planta e o seu entorno. O entorno nun sistema de produción intensivo depende fundamentalmente da intervención humana e tende a consumir maior cantidade de recursos en pos dunha produción mellorada. ¿É inseguro dende un punto de vista alimentario? Non necesariamente.

O problema é a visión de conxunto. En moitos casos esa agricultura intensiva depende dunha mestura de insumos externos, variedades ou cultivares moi adaptados a unhas condicións específicas, elevado grao de mecanización... ¿Qué pasa cando cambias unha peza nese sistema? Pois que o sistema pode virse abaixo.

Un bo exemplo podería ser a subida de prezos dos combustibles ou a dos fertilizantes trala invasión rusa de Ucraína. Unha agricultura sostible debería pasar necesariamente por unha diversificación.

Por outra banda, penso que non podemos ver unha seguridade alimentaria illada do entorno. Parece difícil ter seguridade alimentaria se non temos melloras nas condicións de produción, consumo de produtos de ciclo máis curto e, en resumo, unha mellora nas condicións socioeconómicas que rodean o conxunto da producción agraria.

Ademais, despois estaría a confusión de termos para o consumidor xa que produto sostible ou ecolóxico son etiquetas que poden confundir ¿Pode ser ecolóxico ou sustentable consumir habitualmente en Galicia un produto manufacturado a milleiros de quilómetros de distancia? 

-Como inflúen o cambio climático e os factores ambientais á ecofisioloxía vexetal?

-A moitos niveis. É importante comprender que os organismos funcionan ben nun rango de temperaturas. Se a min posme a traballar a 10 grados sen calefacción, pois non vou morrer pero teño que gastar enerxía para non arrefriarme e, polo tanto, non vou poder traballar como é debido. Algo similar pode acontecer cun cultivo. Se tes unha planta que funciona ben nunhas condicións concretas, e vas cambiando progresivamente esas condicións (temperatura, auga, luz), pois parece lóxico pensar que esa planta non vai “funcionar” da mesma maneira. Se ten que gastar máis enerxía para captar auga (ou non perdela!) ou para resistir unha xeada, a súa produción lóxicamente vaise ver afectada.

Non debemos esquecer tampouco que o cambio nas condicións ambientais tamén pode favorecer a entrada de patóxenos e pragas que antes estaban máis limitados (tanto polo clima como polo movemento humano), cousa que vemos cada día con maior frecuencia. Neste sentido volvería e pensar en sustentabilidade e diversificación. ¿Onde será máis fácil que avance rápidamente unha praga? ¿nun cultivo diverso con variedade xenética ou entre un conxunto de clons?

-Cales son as técnicas máis empregadas para estudar a degradación ou a recuperación dos solos?

-O solo é unha matriz tremendamente complexa e maravillosa. Tarda centos de anos en formarse centímetro a centímetro pero queremos recuperala de inmediato.

Existen moitas técnicas dispoñibles para recuperalo, por suposto, podemos ata crear solo novo a día de hoxe! Pero quizais, máis interesante que enumerar as técnicas pode ser coñecer os diferentes puntos de vista que podemos usar para estudiar a súa degradación/recuperación, xa que existen múltiples ángulos: podemos estudiar aspectos físicos como a súa textura ou estrutura e así comprender a súa capacidade para reter auga, ter unha correcta aireación e que as raíces podan expandirse; podemos estudiar a composición química e a súa materia orgánica e comprender a capacidade para funcionar como sumidoiros de carbono, reter e aportar nutrintes para o crecemento das plantas e soportar vida; podemos estudiar as comunidades microbianas para coñecer a capacidade de fixar nitróxeno, captar fósforo ou descompoñer a materia orgánica; podemos estudiar as plantas que crecen nel e a partir delas coñecer como vai a recuperación...

Pero o máis bonito de todo isto é que todos estes puntos de vista están relacionados entre sí, compleméntanse e serven para entender o proceso no seu conxunto.

-Que consello lle daría a unha persoa que tivera interese en desenvolver a súa carreira neste ámbito? Que perfís profesionais van ser necesarios nos próximos anos?

-Bueno, non teño unha bola de cristal pero sí podo facer un exercicio do que me gustaría, a lo menos dende un punto de vista da nosa comunidade (que ademais é moi exportable).

Primeiro de todo debemos comprender que todo isto, especialmente no caso de Galicia, ten un contexto, e este é un contexto de despoboamento e avellentamento da nosa poboación. Xestionar unha xeografía rural en retroceso demográfico é un desafío (basta con ver o caso dos incendios). Porén, sendo optimista e tendo en conta o escenario para o sur de Europa creo que no norte da península e especialmente en Galicia pódense facer cousas interesantes.

Sendo unha potencia en produción agroforestal, o primeiro que debemos facer é fomentar o interese en estudiar carreiras deste ramo, insistindo en que son atractivas, teñen arraigo e crean riqueza no territorio e ademais tamén pleno emprego! Pero ollo, tamén somos responsables de mellorar o investimento en captación, formación e capacitación, para así manter o tirón entre a xente máis xoven.

Colocar máis os esforzos en facer unha transformación agroforestal, apostando pola diversificación, a tecnificación e a mellora na cadea de valor do produto (aspecto no que o Campus Terra está traballando ben). A mellora da conectividade do territorio e a posta en valor da calidade do producto alimentario. Abordar os problemas dende un punto de vista multidisciplinar sempre é un bo consello e ter o solo moi presente xa que é un elemento base onde residen gran parte das necesidades, pero tamén solucións a múltiples problemas ambientais. Dentro desta multidisciplinaridade os aspectos económicos son tamén fundamentais.

Aspectos como a modelización, a utilización de sensores remotos, ou SIG para unha mellor comprensión do territorio e toma de decisións xa están sendo fundamentais. Nunha liña similar, ser capaces de traballar con grandes bases de datos e integrar a información que levamos xerando nos últimos anos. Aspectos relacionados coa adaptación ao cambio climático; profesionais que saiban por exemplo, integrar datos ambientais e socioeconómicos para mellorar a predición de situacións e aumentar a resiliencia dos pequenos produtores.

Temos unha lei de restauración europea. Pode ser que non teñamos claro cales son os mellores criterios á hora de restaurar, pero é ben certo tamén que nos faltan perfís cunha maior capacidade de comprender e restaurar espazos degradados.

Por último a nivel de consello de vida, baixar marchas (que imos moi apresa) e investir tempo en ler e escoitar e sen dúbida marchar fora durante a carreira (e se se pode despois, tamén). Sen entrar nas melloras a nivel de desenvolvemento persoal, vivir fóra é unha forma estupenda para valorar e querer o noso, pero tamén para poñer en perspectiva aspectos que poden mellorarse.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2024.